Solapas principales

O luns 17 comezarase a visitar as empresas, profesionais e negocios de Ames para elaborar unha Guía de Empresas

Jueves, 13 de enero de 2022

O vindeiro luns, 17 de xaneiro, unha persoa acreditada polo Concello de Ames comezará a visitar as empresas, profesionais e negocios do municipio co obxectivo de dispor de información actualizada de cada un deles para elaborar unha Guía de Empresas. Esta persoa irá identificada cunha credencial do Concello de Ames e cunha carta explicando en que consiste o proceso de recollida de datos. Si se está interesado en formar parte desta guía recolleranse os datos necesarios a incluír, así como unha enquisa anónima e voluntaria, que pulse as achegas a ter en conta na acción de goberno na implantación das actuacións de apoio ao desenvolvemento empresarial, comercial e económico do tecido empresarial amesán. Será unha Guía de Empresas dixital, que estará incluída nunha app do comercio amesá.

A Concellaría de Promoción Económica e Comercio está traballando para elaborar unha Guía de Empresas na que, na medida do posible, se recolla a información máis fidedigna e actualizada das entidades comercias/empresarias que existen no municipio. Esta listaxe de empresas servirá tanto para que poida ser empregada pola veciñanza de Ames, para buscar posibles empresas que lles poidan interesar para que lles presten un servizo, así como para que a propia Administración local coñeza empresas que poidan participar en procesos de licitación de servizos municipais.

O traballo de recompilación de datos realizarase durante un período de tres meses. Aínda así, todas aquelas empresas, profesionais e negocios que agora non acheguen os seus datos, poderán facelo noutro momento. Trátase dun proceso de actualización aberto e continuo no tempo.

A concelleira de Promoción Económica e Comercio, Ana Belén Paz, explica que “necesitamos dispor dunha listaxe actualizada dos comercios e empresas que temos en Ames. No noso concello dispoñermos de múltiples empresas de sectores moi diversos, que poden ser descoñecidas para parte da veciñanza. Por iso cremos que é necesario dispor desta Guía de Empresas, para dar a coñecer entre a cidadanía o tecido empresarial amesán. Isto redundará en beneficio da cidadanía e das propias empresas”.

Para elaborar dita Guía, o luns 17 de xaneiro, unha persoa comezará a visitar as empresas, profesionais e negocios do concello co obxectivo de recompilar toda a información necesaria de cada establecemento comercial e entidade empresarial. Para evitar calquera tipo de suspicacia, esta persoa, pertencente a unha empresa previamente contratada polo Concello de Ames, irá debidamente identificada e levará unha credencial de identificación do Concello de Ames, xunto cunha carta na que se explica en que consiste o proceso que están realizando.

Guía para o apoio do tecido empresarial amesán

Deste xeito, si se está interesado en formar parte desta Guía, recolleranse os datos necesarios a incluír, así como unha enquisa anónima e voluntaria, que pulse as achegas a ter en conta na acción de goberno na implantación das actuacións de apoio ao desenvolvemento empresarial, comercial e económico do tecido empresarial amesán. A través dunha análise participativa; os empresarios e autónomos do concello de Ames, poderán contribuír no proceso de detección de necesidades, e na achega de propostas de mellora que sirvan para a concreción das políticas e estratexias locais estruturadas e planificadas de promoción do sector empresarial e por ende explicitar a necesaria interrelación institución local e axentes socioeconómicos.

Os datos aportados na enquisa servirán de base para a realización dunha Guía de empresas, comercios e profesionais existentes no concello, co obxecto de dar a coñecer a consumidores e usuarios a múltiple e variada oferta de establecementos radicados en Ames, e proporcionar indicadores para a configuración dun inventario dos recursos socioeconómicos e do seu estado e evolución tendencial. Así mesmo, a recollida de información da enquisa valerá para detectar as necesidades de formación, actualización ou aplicación das novas tecnoloxías na comercialización, loxística e difusión do tecido empresarial.

Os datos de carácter persoal que se proporcionen, serán totalmente confidenciais, e estarán amparados na Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais, que compromete a non utilizar estes datos para fins que non sexan os estritamente necesarios para a realización do seu cometido.

Recollida de datos

Os datos que se van a recoller son os seguintes: nome comercial, ano no que se deu de alta a empresa, dirección completa, actividade, código IAE, contacto, web, redes sociais, palabras clave, premios e recoñecementos, sector ao que pertence o comercio/empresa, pequena descrición que queiran achegar da empresa, coordenadas, etc.

Ademais, proporase unha enquisa na que entre outras se preguntará polas seguintes cuestións: que cursos demandarías do Concello de Ames para o teu negocio; que che pareceron as axudas a empresas, comercios, e hostalería do plan de Reactivación;que che pareceu a campaña de tarxetas bono Merc@mes; que axudas solicitarías para o teu negocio; pertences a algunha asociación; suxestións; etc.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Comienzan a recopilar datos para una guía de empresas de Ames"

El Correo Gallego: "O Concello peta na porta do tecido comercial para elaborar unha guía de empresas"

Compostela 24 Horas: "O luns 17 comezarase a visitar as empresas, profesionais e negocios de Ames para elaborar unha Guía de Empresas"

 

O luns 17 de xaneiro comezarase a visitar as empresas, profesionais e negocios de Ames para elaborar unha Guía de Empresas

Multimedia

  • O luns 17 de xaneiro comezarase a visitar as empresas, profesionais e negocios de Ames para elaborar unha Guía de Empresas