- Tematica
Está previsto que a partir do vindeiro luns, 29 de novembro, comecen as obras de mellora do pavimento na avenida da Maía, en Bertamiráns. Isto implicará que se producirán diferentes cortes na vía, o que obrigará a alteracións na ordenación do tráfico e posibles atascos en toda a avenida da Maía, polo que é aconsellable que se empreguen vías alternativas. As obras desenvolveranse sempre e cando as condicións meteorolóxicas o permitan, xa que é imprescindible que non chova. Estas obras enmárcase dentro do convenio de colaboración asinado entre o Concello de Ames e maila Axencia Galega de Infraestruturas, para mellorar o firme da avenida da Maía e para transferir esta vía urbana ao Concello de Ames.
Este luns, 29 de novembro, comezarán as obras de mellora do firme na avenida da Maía, en Bertamiráns. Estes traballos desenvolveranse en catro fases, que se poden ver de forma detallada premendo neste bando. Estes traballos provocarán cortes de tráfico, alteracións na circulación dos vehículos, polo que dende o Concello solicitase a colaboración da veciñanza. Os cortes de tráfico produciranse para proceder ao fresado e asfaltado dos tramos da vía que están indicados neste documento. Para realizar estes traballos é necesario que non chova, polo que dependendo das condicións meteorolóxicas de cada día, poderían executarse ou non ditas obras.
Os traballos consistirán no fresado do actual pavimento e no posterior asfaltado. Realizaranse en seis tramos da avenida da Maía. Haberá paneis informativos indicando o corte de dita estrada e tamén posibles desvíos para non circular pola AC-543. É importante indicar que as veciñas e veciños deben tomar saídas alternativas para evitar que se xeren atascos. Durante a primeira fase das obras estará cortado o acceso a Bertamiráns dende a AG-56, dirección Brión- Santiago de Compostela. Accederase á localidade de Bertamiráns dende a AC-544.
Por outra banda, tamén é importante que a veciñanza de Brión evite a circulación pola AC-543 ao seu paso pola avenida da Maía. O transporte público poderase ver alterado o transcurso dalgunha das súas frecuencias durante o tempo que se executen as obras.
O alcalde de Ames, Blas García, pide “compresión á veciñanza porque as obras sempre ocasionan trastornos, pero é moi necesario o arranxo do firme da avenida da Maía”. Ademais, engade “unha vez executadas estas obras o Concello poderá ir mellorando a seguridade e o tránsito peonil desta arteria de Bertamiráns. O noso obxectivo é ir humanizando o núcleo urbano e incrementar a seguridade peonil”.
Transferencia da avenida da Maía
Hai que lembrar que o pasado 30 de abril publicouse no DOG o decreto relativo ao cambio de titularidade a favor do Concello de Ames do tramo da estrada AC-543, comprendido entre o punto quilométrico 6+250 e o punto quilométrico 8+390. Previamente, o Concello de Ames e maila Axencia Galega de Infraestruturas asinaron un convenio de colaboración para mellorar o firme da avenida da Maía e para transferir esta vía urbana ao Concello de Ames.
En dito acordo recóllese que a Xunta de Galicia financiará con 140.101,75 euros a mellora do firme do tramo da estrada AC-543, no treito entre a glorieta da autovía AG-56, no punto quilométrico 6+250, e o límite municipal con Brión, no punto quilométrico 8+390. Este convenio está ligado ao orzamento da Xunta de 2020. Este convenio foi previamente aprobado por unanimidade pola Corporación municipal no pleno ordinario de decembro de 2019.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "Arranca con cortes de tráfico el asfaltado de la travesía de Bertamiráns"
El Correo Gallego: "Pendientes de la lluvia para asfaltar la avenida da Maía el próximo lunes"
AMSGO!: "Obras na Avenida da Maía dende o luns"