- Tematica
Dende o 3 ata o 18 de xaneiro de 2022 estará aberto o prazo para inscribirse no programa de conciliación da vida laboral e familiar “Entroido Lúdico” que se desenvolverá os días 28 de febreiro e 1 e 2 de marzo. A través deste programa, o Concello de Ames procura axudar ás familias a compatibilizar o traballo e a vida familiar, ofrecendo un espazo onde a rapazada realiza actividades lúdicas e educativas. O programa ten un horario de 7.30 á 16.00 horas e inclúe os servizos de Bos Días e comedor. Os interesados/as deberán entregar a documentación a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou nas Oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns), mediante solicitude de cita previa a través da Sede electrónica. Podes obter aquí o impreso de inscrición neste programa de conciliación.
Calquera familia empadroada en Ames que teña nenos ou nenas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil ou nalgún dos niveis de educación primaria pode inscribirse no Entroido Lúdico. Esíxese asemade non ter débedas en período executivo coa facenda municipal e que os pais/nais, titores e titoras acrediten a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar.
O Entroido Lúdico de 2022 desenvolverase na Escola de Educación Infantil do Milladoiro para os/as alumnos/as escolarizados durante o curso 2021/2022 nalgún dos niveis do segundo ciclo de educación infantil; e no CEP de Ventín para os/as alumnos/as matriculados/as durante o curso 2021/2022 nalgún dos niveis de educación primaria. En Bertamiráns o programa realizarase no CEIP da Maía para os/as alumnos/as escolarizados durante o curso 2021/2022 nalgún dos niveis do segundo ciclo de educación infantil e educación primaria. Preme aquí para descargar o impreso de inscrición.
Lugar de presentación de solicitudes
As solicitudes poden presentarse no rexistro telemático a través da Sede electrónica do Concello. A solicitude tamén se pode entregar de xeito presencial en calquera das oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. Neste caso deberá terse en conta que hai que pedir cita previa a través da Sede electrónica do Concello Ames. Tamén se poden presentar estas solicitudes a través de calquera outro rexistro ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro de procedemento admninistrativo común das AAPP.
Documentación necesaria
Os interesados/as deben presentar a seguinte documentación, salvo que xa estea en poder do persoal do departamento de Educación: copia auténtica ou cotexada do libro de familia e do DNI do titular da conta; documentación que indique a ocupación dos país/nais, titores/titoras; certificados de traballo e, de ser o caso, certificación de estar realizando cursos de formación ou calquera outra que especifique a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar. De ser o caso, deberá presentarse ademais, un informe médico que acredite a necesidade de dieta ou calquera outro tipo de tratamento especial. No caso de ruptura familiar, tamén se debe presentar documentación que o xustifique.
Para dispor de máis información pódese chamar ao número de teléfono do departamento de Educación: 981 891 476; ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Este luns abren o prazo do Entroido Lúdico 2022"
AMSGO!: "Aberto o prazo de inscrición para o Entroido Lúdico 2022"