Solapas principales

O luns será aprobada a licitación da obra de construción do novo colexio do Milladoiro por case 9,8M€

Sábado, 31 de agosto de 2024

A Xunta aprobará este luns no Consello a licitación da obra de construción do novo colexio CEIP do Milladoiro, por case 9,8M€. Anunciouno esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita á parcela onde se edificará o centro, xunto co alcalde de Ames, Blas García. A previsión é poder iniciar as obras no primeiro semestre de 2025, co obxectivo de que o centro estea operativo no curso 2026/27.

O alcalde, Blas García, cualificou esta actuación de “estratéxica e moi importante para o Concello de Ames”, aludindo o feito de que o municipio maiano é o único de Galicia que medra ano tras ano cun saldo vexetativo positivo. En canto á localización o alcalde explicou que se escolleu “porque é unha área de expansión e crecemento do Milladoiro, na cal no futuro está proxectada a construción de máis de 900 vivendas”. Por último García aproveitou para destacar a boa sintonía entre administracións e adiantoulle ao conselleiro a necesidade de ampliar o IES do Milladoiro.

O titular do departamento educativo do Goberno galego explicou que o obxectivo desta actuación é dar resposta á necesidade de prazas de escolarización neste municipio, un dos de maior dinamismo demográfico. “Desde 2009 estamos a investir 94M€ na construción de 19 novos centros educativos en toda Galicia. Deste orzamento, 70M€ están xa executados, en actuacións como a construción do Instituto IES do Milladoiro, en 2011, por máis de 5,4M€”, destacou Román Rodríguez.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica
O colexio, o primeiro construído de xeito íntegro baixo os parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI. Cunha superficie construída de 4.886 m² distribuída en dous andares, estará dotado de seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro de apoio educativo e desdobramento de grupos, aula de música e sala de usos múltiples.

A biblioteca terá acceso directo desde o vestíbulo e desde o exterior e o ximnasio terá dúas alturas, gradas e vestiarios. Tamén estará dotado con área de administración (con despachos, conserxería, local para a anpa, etc) comedor e zonas de servizos comúns.

De acordo co establecido no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o centro estará dotado dun foro multifuncional que servirá como espazo de aprendizaxe aberto. Situarase no espazo central do primeiro andar, entre as aulas de Primaria e as de desdobre, creando unha relación entre as diferentes estancias e conectándose co patio mediante unha gran fiestra protexida da incidencia do sol.

Ademais, o novo colexio terá un espazo específico para Polo Creativo, no que o alumnado poderá traballar as competencias STEM a través de proxectos de robótica ou intelixencia artificial, equipado cos materiais necesarios. No que atinxe aos espazos exteriores, estará dotado de zona cuberta e descuberta exterior para as aulas de Infantil e de pista polideportiva cuberta e descuberta.

Totalmente accesible
A accesibilidade do edificio plantéxase desde un punto de vista universal e inclusivo, evitando calquera tipo de barreira, con accesos directos tanto desde o interior como desde o exterior do edificio a boa parte das estancias. Deste xeito, o proxecto propón itinerarios de circulación intuitivos e libres de obstáculos, en prol dunha orientación más sinxela, e espazos de comunicación ben iluminados con luz natural. Isto completarase coa colocación de sinaléctica de gran tamaño e cor facilmente visibles.

Ademais, tanto no exterior do edificio como nos espazos interiores haberá superficies podotáctiles que guíen ao acceso, vestíbulo e outros puntos de importancia del edificio. Os diferentes espazos exteriores serán tamén accesibles a todos mediante ramplas.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Educación licita por 9,78 millones y 18 meses de plazo el CEIP de O Milladoiro"

El Correo Gallego: "El futuro colegio de Milladoiro se licita este lunes para que abra en el curso 2026-2027"

Lindeiros: "A Xunta aproba a licitación do novo colexio do Milladoiro"

Carmen Porto, Blas García, Román Rodríguez e Manuel Vila