Solapas principales

O mal tempo obriga a aprazar os concertos do AmesOn

Viernes, 06 de agosto de 2021

As tres actuacións do programa AmesOn previstas para esta semana víronse obrigadas a cambiar de data por mor da choiva. Deste xeito, os concertos da Fase Festa, Aires de Orinoco e Sond de Caracas  celebraranse os próximos días 10, 11 e 13 de agosto respectivamente. Todos os  grupos actuarán ás 20.00 horas. Ademais, a final do concurso Canta con Ames aprázase para o domingo 8 de agosto, no mesmo lugar e á mesma hora.

Os veciños e veciñas de Ames terán que agardar ata a próxima semana para poder desfrutar da música que achega o AmesOn, programa organizado pola Concellaría de Promoción Económica.

A final Canta con Ames é a cita desta fin de semana. O evento, que se ía realizar o sábado 7 de agosto, trasládase ao domingo 8 debido ás previsións de choiva. O concurso, organizado pola Concellaría de Promoción Económica, celebrarase no Parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Ás 20.00 horas, os/as 6 finalistas, cada un na súa categoría correspondente, competirán por converterse nas mellores voces do verán. O acto rematará cunha actuación de Sofía Rial, veciña de Ortoño e gañadora do Concurso Recantos do Luar.

O primeiro concerto que se retomará será o da Fase Festa con Pepo Suevos, Fátima Pego e Josep Ruíz. O martes 10 de agosto, no parque do Ameneiral, levarase a cabo esta pequena verbena con música e humor que estaba prevista para o pasado 5 de agosto.

O mércores 11 de agosto, no parque do Ameneiral, actuará o grupo Aires de Orinoco que tocará música tradicional venezolana. O concerto, nun primeiro momento, ía realizarse o pasado 8 de agosto.

Por último, o Parque de Manuel Murguía será o escenario do dúo Sond de Caracas. A música latina soará o venres 13 de agosto a pesar de que estaba previsto que fora o pasado 19 de xuño.

Ana Belén Paz, concelleira de Promoción Económica, asegura que : “Ao AmesOn non o para nin a choiva. Deste xeito, reubicamos os espectáculos en novas datas para que os artistas poidan seguir traballando e os veciños e as veciñas poidan seguir desfrutando da música en directo e axudar a dinamizar as nosas rúas”.

Cambio de datas

Multimedia

  • Aires de Orinoco
  • Canta con Ames
  • Fase festa
  • Sond de Caracas