Solapas principales

O martes 19 de novembro proxéctase “+Cuñados” dentro do ciclo Cine de Outono

Sábado, 16 de noviembre de 2024

O vindeiro 19 de novembro continúa o ciclo Cine de Outono, unha iniciativa encadrada dentro da programación deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames. A segunda proxección será o martes 19 de novembro, co filme “+Cuñados”. O martes 26 de novembro poderase ver “Os espazos en branco”. Todos os filmes serán proxectados no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:00 horas. Nas dúas proxeccións que quedan haberá un pequeno coloquio sobre os filmes. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica.

A Concellaría de Cultura volve a programar un novo ciclo de cine, desta volta durante o outono. Este novo programa cultural súmase a outros programados anteriormente como Abril de cine. Neste caso proxectaranse tres longametraxes durante o mes de novembro, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

O ciclo comezou o pasado martes 12 de novembro coa proxección da película “As Neves”, dirixida por Sonia Méndez. Trala proxección houbo un coloquio no que participou o actor David Rodríguez Fernández, que protagoniza este filme xunto a Andrea Varela.

+Cuñados
A segunda sesión terá lugar o martes 19 de novembro. Emitirase o filme “+Cuñados”, de Luis Avilés. O Entroido chegou e a familia Ribeiro prepárase para gozar das festas favoritas de todo bo ourensán. Pasaron dous anos desde a detención de Alicia Zamora e o seu socio portugués, e nese tempo os cuñados montaron un posto de polbo en Ourense, a maneira perfecta para branquear o diñeiro do botín que caeu do ceo. A aparición en Ourense de Andreia Nunes (a parella do portugués) en busca de vinganza, complicará as cousas para os cuñados, meténdoos nun novo enredo que acabará cun cadáver no medio da ponte internacional de Tui.

Coloquio con Luis Avilés Baquero
Ao final da proxección de “+Cuñados” haberá un coloquio con Luis Avilés Baquero, director do filme. Avilés dirixiu programas de televisión como "Criaturas" ou "Casamos" para a TVG, así como a curtametraxe "A Subela" (2003), elixido pola Xunta de Galicia para difundir o audiovisual galego nun centenar de festivais. Gañador de dous premios Mestre Mateo ao mellor documental, tamén foi finalista do Goya ao Mellor Director Novel.

Os Espazos en Branco
A última das sesións de longametraxes do Cine de outono desenvolverase o 26 de novembro. Proxectarase “Os Espazos en Branco”, un filme dirixido polo cineasta vigués Bruno Arias, galardoado co premio Mestre Mateo a mellor documental. Bruno leva moito tempo cunha espiña cravada: non lembra case nada de quen máis lle influíu na súa vida. A súa tía Xela morreu cando el tiña 5 anos e só lle quedan dela as memorias doutras persoas. É por iso que, dezaoito anos despois, decide transitar as caras e lugares que viviron a súa tía para dar luz a este conflito interno a través da primeira herdanza que lle deixou: o impulso creativo.

O martes 19 de novembro proxéctase “+Cuñados” dentro do ciclo Cine de Outono

Multimedia

  • O martes 19 de novembro proxéctase “+Cuñados” dentro do ciclo Cine de Outono
  • O martes 19 de novembro proxéctase “+Cuñados” dentro do ciclo Cine de Outono