- Tematica
A Casa do Concello de Ames acolleu esta mañá a presentación da primeira edición do Trofeo de Marcha Atlética en ruta, que puntúa para o Circuíto Galego de Marcha Atlética 2024. Poderán intervir atletas con licenza en vigor pola Federación Galega de Atletismo. As inscricións realizaranse a través do sistema en liña da RFEA ata as 20:00 horas deste luns 18 de marzo. A poucas hora do pecha da inscrición hai preto de 100 atletas inscritos/as. Na inscrición serán válidas as marcas realizadas nas tempadas 2023 e 2024.
O salón de plenos da Casa do Concello acolle hoxe a presentación dun novo evento deportivo organizado entre o Concello de Ames e maila Federación Galega de Atletismo. Trátase do I Trofeo de Marcha Atlética en ruta, que puntúa para o Circuíto Galego de Marcha Atlética 2024. Esta proba celebrase o vindeiro domingo, 24 de marzo, a partir das 10.45 horas, polas rúas do Milladoiro. Poderán participar atletas con licenza en vigor pola Federación Galega de Atletismo.
No acto de presentación participaron a concelleira de Deportes, Susana Señorís; o técnico do departamento municipal de Deportes, Alberto Viaño; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín; e maila responsable de promoción de menores e marcha da Federación Galega de Atletismo, Maica Jueguen Lago.
Susana Señorís destacou que esta proba demostra que “en Ames seguimos apostando polo deporte da man da federación galega de atletismo, que sempre nos acompaña na celebración de novas probas para que no concello non paremos nunca”. Ademais, animou a todos os veciños do Milladoiro a achegarse a ver a proba e a animar aos participantes.
Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Ivan Sanmartín, afirmou que esta proba “pon de manifesto o impulso que se lle está a dar ao atletismo desde o Concello de Ames”. Ademais, explicou que este evento, que será a segunda das seis probas que integran o Circuíto Galego de Marcha Atlética, “reúne todos os ingredientes para potenciar esta especialidade atlética. Por último, destacou que o do Milladoiro é o único circuíto autonómico de marcha atlética que hai en España.
Preto de 100 inscricións
As inscricións realizaranse a través do sistema en liña da RFEA ata as 20:00 horas deste luns 18 de marzo. A poucas hora do pecha da inscrición hai preto de 100 atletas inscritos/as. Serán válidas, na inscrición, as marcas realizadas nas tempadas 2023 e 2024. Os/as atletas deberán utilizar os dorsais outorgados pola organización, de forma visible en toda a súa superficie. Será responsabilidade dos/as atletas levar consigo imperdibles ou calquera outro sistema para a súa colocación.
Distancias e horario
Haberá sete probas distintas tendo en conta a categoría. Deste xeito, a primeira proba comezará ás 10.45 horas para os/as atletas dub 12 masculina. A continuación, ás 11.00 horas, disputarase a proba sub 12 feminina. En ambos os dous casos a distancia será de dous quilómetros. A proba da categoría sub 10 masculina comezará ás 11.15h, mentres que a proba da categoría sub 10 feminina comezará ás 11.25 horas. Neste caso a distancia que teñen que percorrer é dun quilómetro.
Ás 11.35 horas será a quenda dos/as atletas da categoría sub 14 (compiten xuntos homes e mulleres) que terán que percorrer dous quilómetros, mentres que ás 11.55 horas comezará a proba da categoría sub 16, que percorrerán unha distancia de tres quilómetros. Neste caso tamén participan xuntos as categorías feminina e masculina. A última proba será ás 12.20 horas, correspondente á categoría absoluta que percorrerán cinco quilómetros.
Os/as participantes deberán acceder á Cámara de chamadas provistos dun documento de identificación oficial ou licenza federada en formato dixital con foto antes do peche da mesma. De non ser así, non poderá participar salvo causa xustificada e aceptada polo xuíz árbitro da competición. Os atletas deberán saír á zona de competición coa camiseta e os dorsais postos. O peche da cámara de chamadas será 10 minutos antes da proba.
Os/as tres primeiros/as atletas clasificados/as das categorías sub 10, sub 12, sub 14, sub 16, sub 18, sub 20, absoluta e máster recibirán unha medalla conmemorativa, sendo de obrigado cumprimento acudir ao protocolo de entrega de premios.