- Tematica
O grupo levantino Seguridad Social, unha das formacións máis destacadas da escena rock española dos anos 80 e 90, estrea este venres 8 de xullo o ciclo de concertos “Los40 Classic Locos por Galicia”, patrocinado polo Xacobeo 21-22 e coa colaboración das Concellarías de Cultura e de Turismo de Ames. O concerto, que forma parte do programa Ames Cultural, terá lugar ás 22:00 horas no aparcadoiro da travesía do Porto, e será de balde e con entrada libre. Neste senso, representantes do Goberno municipal e persoal técnico inspeccionaron esta mañá a montaxe do escenario e os preparativos previos ao evento.
Esta noite O Milladoiro gozará da música da programación cultural do Concello de Ames para este período estival de 2022, da man do grupo Seguridad Social, creadores de éxitos como “Chiquilla”, “Quiero tener tu presencia” ou “Comerranas”. O aparcadoiro da travesía do Porto será o lugar onde se desenvolva a actuación da banda, a partir das 22:00 horas, con entrada libre e de balde, e será a primeira parada dun ciclo de concertos que pasará polas catro provincias galegas, coas actuacións de grupos como Danza Invisible, La Guardia, Rafa Sánchez ou OBK.
Neste senso, e co fin de revisar a preparación de cara a este concerto, esta mañá achegáronse ao Milladoiro o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Cultura, Natividade González; o concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, e María Vázquez e Sonia Moure, técnicas dos departamentos de Cultura e Turismo, que colaboran coa emisora Los40 Classics na organización do evento, que conta co patrocinio do Xacobeo 21-22 e da súa marca “Concertos do Xacobeo”.
“Estivemos supervisando e vendo a montaxe, e esperamos que á noite haxa afluencia de veciños e veciñas e que veña xente da contorna a este acto”, sinalou o alcalde de Ames, Blas García, que destacou a importancia de acoller un concerto dun “grupo histórico e moi coñecido como é Seguridad Social”. “Dende o Concello seguimos organizando actividades para dinamizar o verán, para que a xente poida saír á rúa con normalidade, pero tamén con ‘sentidiño’, dada a situación que temos agora mismo”, engadiu García.
Á invitación ao concerto sumouse a concelleira de Cultura, Natividade González. “Esta é unha fin de semana cheo de actividades e de música no noso concello, ás que están invitadas todas as veciñas e veciños de Ames. Empezamos hoxe ás 18:00 horas en Bertamiráns co Canta con Ames, e despois seguimos aquí no Milladoiro co concerto de Seguridad Social, pero mañá tamén temos unha cita en Biduído co SolporSon e o domingo na parroquia de Ortoño coa Festa do chourizo ao viño, onde ademais rematamos cun grupo de música moi coñecido como é Luar na Lubre, que estarán acompañados dos nosos grupos de música tradicional”.
Novas relacionadas:
Enfoques: "Seguridad Social actuará esta noche en O Milladoiro"