Solapas principales

O Milladoiro estará unido con Volta do Castro a través dun carril bici que discorrerá pola SC-20

Jueves, 17 de marzo de 2022

Esta mañá presentouse no Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela, o anteproxecto do trazado de carril bici que discorrerá entre a rotonda do Milladoiro e a Volta do Castro pola estrada SC-20. A presentación de dito anteproxecto correu a cargo dos alcaldes de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; e de Ames, Blas García; o concelleiro de Barrios e Obras de Compostela, Javier Fernández; e a concelleira de Mobilidade de Ames, Beatriz Martínez. Destacaron que se trata dun proxecto necesario, que ten como obxectivo humanizar e mellorar a mobilidade entre ambos municipios.

A actuación afecta a un treito de 1,8 quilómetros, que discorre polo termo municipal de Santiago, e que busca facilitar a comunicación entre O Milladoiro e Santiago de Compostela, en bicicleta. Trala análise de alternativas e das reunións de traballo con diferentes agrupacións ciclistas, acordouse non segregar o trazado dos sentidos de circulación do itinerario ciclista, co obxecto de xerar un espazo con certa entidade que aumente a seguridade dos mesmos e facilite os cambios de sentido de maneira directa.

O proxecto propón, para elo, unha plataforma de uso ciclista de dobre sentido cun ancho mínimo de 2,5 metros. Para levala a cabo, sería necesario, reducir o ancho dos carrís destinados aos vehículos. A senda ciclista iría paralela á SC-20 no tramo comprendido entre a rotonda de Vidán e a Ponte da Rocha. Nesta ponte bifurcaríase en dous itinerarios, un polo lado dereito da estrada (en sentido O Milladoiro), máis longo, pensado para as familias ou para momentos de ocio; e o outro polo lado esquerdo, máis curto, pero máis rápido. O proxecto tamén contempla un desvío cara o barrio de Conxo.

Neste momento, a zona afectada polo proxecto só dispón de beirarrúas nunha parte do trazado. Carecen de continuidade, polo que é imposible realizar este treito a pé ou en bicicleta. A causa, o enlace da AG-56, ao que, con esta actuación, se pretende dar solución.

Para abordalo, propóñense distintas solucións, coincidindo cos trazados proxectados. Unha delas é elevar ó carril bici sobre os ramais do enlace da AG-56 aproveitando a orografía. Esta opción obriga a execución de estruturas auxiliares, muros de sostemento e pasarela, para acadar cotas de rasante que garantan o cumprimento do gálibo de vehículos no enlace da autovía.

A outra, pasa por empregar un viario municipal paralelo ao oeste da SC-20 ata o paso superior da AG-56. Este cruzamento poderíase realizar a nivel da calzada cunha regulación semafórica ou creando un paso superior á mesma que evite afeccións ó tráfico. En calquera caso, enténdese que as dúas alternativas son totalmente compatibles.

Respecto ao inicio e fin do carril bici, o proxecto contempla crear zonas de transición que dean coherencia ao trazado facilitando a súa integración nos viarios adxacentes e permitindo os movementos de incorporación e saída do itinerario ciclista de maneira segura e clara.

Actuación prevista na rotonda de entrada ao Milladoiro
Na glorieta do Milladoiro, a proposta pasa por crear, do lado do núcleo urbano, un espazo compartido de grandes dimensións que permita o paso dos peóns entre as beirarrúas existentes e facilite as conexións das dúas alternativas de trazado. Ao mesmo tempo serviría de amortecemento e calmado do tráfico eliminando a necesidade da actual pasarela.

Na glorieta de Volta do Castro, a conexión co núcleo urbano pasa polo aproveitamento dos viarios municipais existentes creando unha derivación cara o barrio de Conxo pola rúa da Escurridia e cara a Choupana atravesando a propia SC-20 a altura da glorieta. Esta última opción levaríase a cabo mediante a creación dunha pasarela anexa, mediante a supresión dun dos carrís da glorieta, ou co aproveitamento do paso superior existente ao leste.

Gran avance en mobilidade sostible
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, subliñou que para financiar este proxecto buscaríanse fondos europeos. Tamén amosou non ter "inconveniente" en que a obra a faga a Xunta de Galicia. Sería, engadiu, unha forma de sumar esforzos entre todos, para eliminar os problemas de mobilidade no que cualificou como "a gran barreira co Milladoiro", que supuxo a construción do periférico. Para o rexedor, trátase dun proxecto necesario, pero complexo, que habería que tratar co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, e coa Xunta.

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, sinalou que este carril bici é, sobre todo, un servizo para a veciñanza do Milladoiro. "Lévano reclamando hai moitos anos", engadiu. E lembrou que, aínda que as obras se van executar integramente en Santiago, suporán un beneficio para o concello de Ames, pola posibilidade de chegar ata Compostela "sen necesidade de coller o coche". Serán tamén, continuou, "un gran avance en mobilidade sostible".

A concelleira de Mobilidade de Ames, Beatriz Martínez, explicou que “se trata dun trazado cun dobre obxectivo: para compartir en familia e para o calmado do tráfico, algo que considero fundamental. Permitirá ademais, compartir espazos entre ambos concellos”.

Para o concelleiro de Barrios e Obras de Compostela, Javier Fernández, con este carril bici, "estamos dando resposta a unha demanda que mellorará a mobilidade da veciñanza, e que humanizará a zona, xa que neste momento non existe un itinerario peonil que conecte o núcleo de O Milladoiro coa cidade de Santiago de maneira directa". Tamén destacou que o proxecto non é froito da improvisación. "Como todos os proxectos de cidade, é un proxecto traballado, madurado e consensuado, despois de moitas reunións, cos axentes e as administracións implicadas".

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Una senda ciclista para unir Santiago y O Milladoiro"

El Correo Gallego: "El nuevo carril-bici salvará las barreras físicas entre O Milladoiro y Compostela"

AMSGO!: "Un carril bici unirá pola SC-20 o Milladoiro con Santiago"

Enfoques: "Santiago y Ames plantean conectar por carril bici las rotondas de O Milladoiro y Volta do Castro"

Imaxe da presentación do anteproxecto do trazado de carril bici que discorrerá entre a rotonda do Milladoiro e a Volta do Castro

Multimedia

  • Imaxe da presentación do anteproxecto do trazado de carril bici que discorrerá entre a rotonda do Milladoiro e a Volta do Castro
  • Imaxe do trazado do carril bici que discorrerá entre a rotonda do Milladoiro e a Volta do Castro
  • Embedded thumbnail for