Solapas principales

O MillaRaio leva dúas medallas no galego absoluto de atletismo e participa nos nacionais sub16 e sub20

Viernes, 29 de julio de 2022

O Club Atletismo MillaRaio vén de poñer fin á súa tempada de aire libre, participando nunha serie de competicións nas dúas últimas fins de semana. Deste xeito, o club do Milladoiro contou con representación nos campionatos de España sub16 e sub20, celebrados en Avilés e Torrent, e no campionato galego absoluto, que se desenvolveu nas pistas de Elviña, na Coruña. Neste último, o atleta sub18 Roi Rial conseguiu dúas medallas, un bronce no salto de altura e unha prata nos 4x100 metros de remudas.

Os deportistas do MillaRaio concluíron en xullo a tempada de atletismo ao aire libre acumulando experiencias moi positivas en campionatos nacionais e en competicións de nivel absoluto. Por unha banda, os días 16 e 17 de xullo tivo lugar en Torrent (Valencia) o campionato de España sub20, para o que conseguiu clasificarse Diego Liñares. Alí competiu na proba dos 110 metros valos, rozando a súa marca persoal, cun tempo de 16.00 segundos co que rematou sexto na súa serie da primeira ronda.

Ademais, outros dous atletas do MillaRaio participaron no campionato de España sub16, celebrado en Avilés (Asturias) a pasada fin de semana, os días 23 e 24 de xullo. No lanzamento de xavelina, Nuno Castro foi décimo terceiro, chegando ata os 40,84 metros no seu terceiro e último intento. Pola súa parte, Lucas Pena rematou sétimo na primeira semifinal dos 1.000 metros, cun tempo de 2:47.70 que lle deixou a dous segundos da final.

Por último, o MillaRaio tamén contou con catro atletas no campionato de Galicia absoluto, que se celebrou o mesmo 23 de xullo nas pistas de Elviña, na Coruña. Alí a actuación máis destacada foi a de Roi Rial, que levou o bronce no salto de altura ao superar os 1,73 metros. Na mesma proba David García foi cuarto, cunha marca de 1,69 metros. Ademais, Rial levou a prata nos 4x100 metros de remudas, como parte do equipo do Club Atletismo Santiago. Por último, tamén foi sexto no triplo salto, cunha marca de 12,97 metros, seguido de novo por David García, que foi sétimo cuns 12,65 metros.

Os outros dous representantes do MillaRaio quedaron moi preto do podio, mellorando as súas marcas persoais nunha competición absoluta. Por unha banda, Diego Liñares foi cuarto nos 110 metros valos, marcando un tempo de 16.23 segundos, mentres que Daniel Cariñena foi quinto na final do salto de lonxitude, cun salto de 6,77 metros.

Roi Rial, bronce en salto de altura no campionato de Galicia absoluto

Multimedia

  • Roi Rial, prata nos 4x100 metros de remudas no campionato de Galicia absoluto
  • Diego Liñares, no campionato de España sub20
  • Lucas Pena e Nuno Castro, no campionato de España sub16
  • Daniel Carineña, quinto en salto de lonxitude no campionato de Galicia absoluto
  • Roi Rial e David García, sexto e sétimo en triplo salto no campionato de Galicia absoluto