[30-08-2014] O Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, e o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela, organizaron para este luns, 1 de setembro, unha actividade de observación astronómica na Travesía do Porto do Milladoiro. Esta actividade, que se desenvolverá a partir das 21:30 horas, está dirixida a todos os públicos. Nesta sesión astronómica os participantes poderán observar varios planetas (Xúpiter, Marte e Saturno), a Lúa, algunha estrela dobre e un cúmulo globular. Esta actividade enmárcase dentro do programa de divulgación astronómica en Galicia, Todocosmos. Non é necesaria inscrición previa. Será unha sesión aberta a todas as persoas que desexen participar.
O Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, colabora co Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela, no desenvolvemento do programa Todocosmos, que pretende achegar o mundo da astronomía a diferentes concellos de Galicia. No marco deste programa o persoal do observatorio astronómico Ramón María Aller desenvolverá unha actividade de observación astronómica con telescopios este luns, 1 de setembro, na Travesía do Porto do Milladoiro.
Nesta sesión astronómica os participantes poderán observar varios planetas (Xúpiter, Marte e Saturno), a Lúa, algunha estrela dobre e un cúmulo globular. Para participar nesta actividade non é necesario inscribirse previamente. Trátase dunha actividade aberta a todas as persoas que desexen asistir.
O programa de divulgación ofertado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten coma obxectivo levar a Ciencia Astronómica a toda a sociedade mediante diferentes actividades para todos os segmentos de idade: cursos, obradoiros, observacións astronómicas, presentacións, etc.
Parte fundamental deste programa constitúeo o proxecto "La Astronomía al alcance de todos: colaboración Universidad-Ayuntamientos-Organismos Públicos y Empresas", que co acrónimo TODOCOSMOS conta con financiación da FECYT para o ano 2014, e no que participan así mesmo os concellos de Ames, Lalín, Rianxo, Ribadeo, Sanxenxo, Santiago de Compostela, e Teo, así como a empresa Óptica Val.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Todocosmos llega mañana a Milladoiro para una observación astronómica"