- Tematica
Gabriel Martínez Pachón, padexeiro do Club de piragüismo Ribeiras do Tambre, logrou este pasado sábado, 3 de agosto, a medalla de bronce no Campionato do Mundo de Sprint Júnior 2019, que se celebrou do 1 ao 4 de agosto na localidade de Pitesti (Romanía). Gabriel Martínez participou neste campionato do Mundo na proba de K-1 200 metros. Convértese así no segundo padexeiro do club Ribeiras do Tambre, despois de Ana Varela, en conseguir unha medalla nun campionato do mundo.
O padexeiro do Club de piragüismo Ribeiras do Tambre, Gabriel Martínez Pachón, conseguiu o pasado sábado, 3 de agosto, a medalla de bronce na proba de K-1 200 metros do Campionato do Mundo de Sprint Júnior, que se celebrou en Romanía. O final da proba foi moi axustado. Gabriel quedou a tan só 0.072 milésimas da medalla de ouro. O padexeiro do Club Ribeiras do Tambre realizou unha saída bastante rápida, para despois aguantar nos metros finais, e conseguir deste xeito unha merecida medalla de bronce. En primeiro lugar quedou o británico, Daniel Atkins cun tempo de 0:36.835, e segundo o alemán Tom Maassen a 0.062 do primeiro posto.
A participación de Gabriel Martínez no campionato do mundo foi exemplar. Deu o máximo de si en cada unha das tres series nas que tivo que competir. Pasou a semifinais co sexto mellor tempo. Xa en semifinais non había marxe para o erro, os 3 primeiros padexeiros de cada semifinal pasaban á final. Gabriel gañou a súa serie pasando á final co cuarto mellor tempo dos 9 padexeiros que competiron por obter unha medalla. Os tempos de todos eles eran moi axustados, e con tan só dúas horas e media de descanso antes da final, a capacidade de recuperación e a fortaleza mental foron decisivas. Na final Gabriel volveu a dar o mellor de si para conseguir rematar a proba en terceira posición e deste xeito obter a medalla de bronce.
Deste xeito, Gabriel Martínez convértese no segundo padexeiro do club amesán en conseguir unha medalla nun campionato do mundo. A pioneira foi Ana Varela, gañando a medalla de prata en K-4 no Campionato do Mundo Júnior no ano 2001 en Brasil. Ana Varela participou en dito campionato do mundo xunto a LLanez Esmidahova, Laura García e Tania Lois. Ademais, no ano 2005, Manuel Ángel Varela participou na Copa do Mundo Júnior de Maratón, disputada na localidade portuguesa de Crestuma, proba na que conseguiu unha prata na proba do C-1.
Por outra banda, dende o Club de piragüismo Ribeiras do Tambre tamén aproveitan para felicitar aos padexeiros máis novos que esta pasada fin de semana conseguiron catro podios e grandes resultados na regata provincial de As Pontes. Luís e Diego conseguiron a medalla de oro na categoría cadete K-2 3.000 metros; Saray foi segunda e Lorena cuarta en alevín B K-1 1.500 metros; Laura e Candela obtiveron a segunda posición na categoría infantil K-2 3.000 metros; Martín foi segundo, Brais sexto e Rodrigo décimo quinto en infantil A K-1 3000 metros. Tamén felicitan a Rocco e Martín.