Solapas principales

O pallaso Rudi Dudi inaugura o venres a sétima edición de Cinema Miúdo

Jueves, 14 de noviembre de 2024

Este xoves 14 e venres 15 o festival Cinema Miúdo arranca en Ames coa celebración de sete sesións de cine internacional dirixidas ao alumnado dos centros de ensino de Ames. En total serán 400 nenos e nenas de entre 5 e 15 anos que se achegarán desde as escolas infantís do Milladoiro, as unitarias de Ortoño e Covas; e os CEIP da Maía, Agro do Muíño e Barouta. Todos eles desfrutarán dunha selección de curtametraxes adaptada a cada tramo de idade e deseñada especialmente para eles. A inauguración oficial do festival é o venres 15 ás 17:00 horas coa actuación do pallaso Rudi Dudi e a proxección dos dous primeiros bloques de curtametraxes. O abono para todo o festival ten un prezo de 3,00 € e pode mercarse na Billeteira electrónica do Concelo de Ames.

Nesta sétima edición o festival incorpora dous novos premios. Un deles é precisamente o Premio Escolar, á curtametraxe máis aplaudida durante as sesións escolares. Ao finalizar cada curta os nenos e nenas que asisten as sesións de hoxe e mañá pola mañá aplaudirán máis ou menos dependendo do que desfrutaran do filme. Os aplausos son recollidos polo aplausómetro do festival, que outorga unha puntuación en función da intensidade e duración da ovación. Este é o método polo que se deciden tamén os premios Axóuxeres e Buxainas do público durante todo o festival.

Cinema Miúdo continúa o venres pola tarde e sábado na Casa da Cultura de Bertamiráns e o domingo no Milladoiro con proxección de curtametraxes, o filme ¡Linda quiere pollo! e os bloques de cine clásico Pioneiros da comedia e Pioneiros da Animación. Ademais da abraiante selección de curtas internacionais, o festival enriquece a súa oferta con actividades paralelas divertidas e estimulantes coas que a rapazada descubrirá outras facetas do audiovisual de xeito interactivo, como o obradoiro de fotografía A Máquina Fantástica e as actuacións de inauguración e clausura.

Todas as actividades e proxeccións están incluídas dentro do abono do festival, que ten un prezo de 3,00 € e pode adquirirse na Billeteira do Concello de Ames. Unha vez adquirido o bono será necesario reservar butaca para cada sesión á que se desexe acudir. A reserva faise na mesma billeteira.

Gala de inauguración co pallaso Rudi Dudi
O venres ás 17:00h, o certame abrirá as portas ao público xeral cunha festa inaugural na que o mestre de cerimonias será o pallaso Rudi Dudi. O cómico ofrecerá un espectáculo familiar que combina teatro familiar con exercicios circenses, titulado Clownamorado. Nada máis comezar, Rudi namora dunha persoa do público, os nervios farán que todo saia do revés mentres se esforza en impresionar ao seu namorado/a, tarefa para a que precisará da axuda do público.

Logo da actuación, prenderanse os proxectares para desfrutar do primeiro bloque de curtametraxes Axóuxeres 1, dirixido a público desde 2 anos. Ás 19:00h será a quenda do bloque de curtas Buxainas 1, para nenos e nenas de 7 anos en adiante.

Por outra banda, durante o acto de clausura, o domingo ás 18:30h, contarase cun dúo musical moi cinéfilo: Caspervek, que nos levará nunha viaxe pola historia da música no cinema a través dun concerto didáctico e interactivo. Na primeira parte do espectáculo explicarán de xeito práctico a importancia das bandas sonoras, convidando aos asistentes a participar na creación dunha peza. A continuación musicalizarán en directo a mediometraxe Unha semana, de Buster Keaton, o gran xenio da comedia física.

Selección oficial
O centro da programación é a Selección Oficial, formada por 52 abraiantes curtametraxes das cales 7 serán proxectadas por primeira vez en España e outras 14 son primicia en Galicia. A selección de curtametraxes procedentes de diversos países permitirá a cativada descubrir realidades culturais distintas e ampliar a súa visión do mundo. As curtametraxes da Selección Oficial están divididas en dous bloques: Axóuxeres, para nenas e nenos de entre 2 e 7 anos; e Buxainas, para maiores de 7. Tamén haberá sesións especiais para escolares o xoves e venres pola mañá.

Obradoiro A Máquina do Fantástica
Por unha banda, o obradoiro A Máquina do Fantástica convida ás nenas e nenos de Ames a explorar as orixes da fotografía. O taller ofrece aos participantes a oportunidade de crear de maneira sinxela e artesanal a súa propia cámara fotográfica estenopeica. A través desta experiencia práctica, os nenos aprenderán como a luz pode transformarse en imaxes dentro dunha caixa. Ao finalizar a actividade, cada participante poderá levar á casa a súa primeira fotografía revelada como recordo tanxible da súa aventura creativa.

Cinema Miúdo
Cinema Miúdo é un festival de cine infantil nado no concello de Ames en 2018 que cada ano crece en número de espectadores e repercusión. O festival, que ten carácter internacional, quere proporcionar ao público miúdo galego a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo. Deste xeito propíciase que a rapazada descubra o gusto polo cinema e fórmase un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Isto ten especial relevancia para o Concello de Ames, que ten a maior ratio de nenos e nenas de toda Galicia.

Nas anteriores edicións de Cinema Miúdo, o público gozou de sesións con filmes de Galicia, Francia, Corea, India, Afganistán, Marrocos ou Estados Unidos ademais de sesións específicas para escolares, mesas redondas para a comunidade educativa, obradoiros, e sesións musicais.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Cinema Miúdo se despide este domingo en la Casa da Cultura de O Milladoiro"

Sesións escolares (fotografía de Paula Cermeño)

Multimedia

  • Sesións escolares (fotografía de Paula Cermeño)
  • Sesións escolares (fotografía de Paula Cermeño)
  • Sesións escolares (fotografía de Paula Cermeño)
  • Sesións escolares (fotografía de Paula Cermeño)
  • Sesións escolares (fotografía de Paula Cermeño)