Solapas principales

O parque empresarial do Milladoiro conta con preto de 100 novas prazas de estacionamento

Miércoles, 09 de noviembre de 2022

A partir da vindeira semana o parque empresarial do Milladoiro disporá de preto de 100 novas prazas de estacionamento grazas a obra que vén de executar o Concello de Ames, que foi sufragada con cargo á primeira fase do POS+ Adicional 2/2021. A través de dita actuación incrementouse o número de prazas de estacionamento, pasando de 48 a 144, e ao mesmo tempo reordenouse o espazo, pero mantendo parte da zona verde. Dita actuación executouse na contorna das rúas Castiñeiras, Hedras, Oliveiras e Palmeiras. Ademais, dotouse de iluminación interior a ditos espazos e acondicionáronse as zonas axardinadas e sendas peonís. As obras foron adxudicadas á empresa NOVAVIAL SL por un importe de 141.023, 26 euros e serán recepcionadas o 14 de novembro.

Debido ao desenvolvemento experimentado durante os últimos anos no parque empresarial do Milladoiro existe unha afluencia constante e crecente de vehículos que acoden ao polígono, xa sexa diariamente por motivos laborais ou como clientela das diferentes empresas alí asentadas. Isto provoca que haxa unha falta de zonas de estacionamento para os vehículos que acoden ao parque empresarial.

Para tratar de paliar a falta de prazas de estacionamento executouse un proxecto de acondicionamento para a mellora de espazos verdes con acceso rodado no polígono de Novo Milladoiro. Esta obra acometeuse nos espazos verdes anexos ao norte da rúa Castiñeiras. A través de ditas obras de renovación mellorouse a accesibilidade rodada ao interior das parcelas, creando novos pavimentos e instalando un sistema de iluminación no interior das mesmas.

Esta mañá o alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, e mailas concelleiras de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e de Mobilidade, Beatriz Martínez, visitaron o parque empresarial do Milladoiro onde mantiveron unha xuntanza co presidente da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, Javier Santos, para ver o estado das obras de mellora de espazos verdes con acceso rodado executadas nos últimos meses en dito polígono.

O alcalde de Ames e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explicou durante a visita  que “no parque empresarial Novo Milladoiro existe dende hai tempo un problema de falta de espazo para estacionar. A través de dita actuación tratamos de paliar este problema. O que se fixo foi reacondicionar un espazo xa existente, para incrementar as prazas de estacionamento e ao mesmo tempo habilitar novos accesos rodados ás zonas de estacionamento”.

O presidente da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, Javier Santos, fixo unha valoración positiva sobre esta actuación “xa que todo o que sexa realizar melloras no parque empresarial do Milladoiro é positivo. Esta obra executouse de forma rápida e dentro das limitacións de espazo existentes vai permitir dispoñer de novas prazas de estacionamento o que é dobremente satisfactorio. Esta é unha mellora importante e permitirá sacarlle máis rendemento a ese espazo de zonas verdes e aparcamento do polígono”.     

As parcelas onde se realizou dita actuación atópanse na contorna das rúas Castiñeiras, Hedras, Oliveiras e Palmeiras. O obxectivo de ditas obras foi aumentar a capacidade de aparcamento eventual; crear novos accesos; mellorar os accesos rodados a ditos espazos; manter as características actuais da zona en canto a percorridos peonís, do predominio de zonas axardinadas, do pavimento drenante en zonas de aparcamento, e da zona peonil para a instalación de carpa de comidas. Ademais, dotouse ás parcelas dunha instalación mínima de iluminación.

Na primeira parcela incrementouse o espazo dispoñible para prazas eventuais en continuación co esquema xa existente aumentando o formigón ata o extremo occidental da parcela. Creáronse novos accesos en ambos laterais, de xeito que se poida acceder dende a rotonda da rúa das Hedras. Na segunda parcela mantívose a explanada de formigón de maneira que a carpa de comidas pode manter a súa actividade. No espazo restante eliminouse o pavimento do recorrido peonil e creouse unha nova zona de aparcamento eventual análogo a da primeira parcela. Por último, creáronse accesos nos dous extremos da zona de estacionamento.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El aparcamiento del polígono de O Milladoiro abrirá la próxima semana"

El Correo Gallego: "Novo Milladoiro sumará cen novos aparcamentos"

AMS GO!: "Un centenar de novas prazas de parking para o parque empresarial do Milladoiro"

Enfoques: "El parque empresarial Novo Milladoiro contará con cien nuevas plazas de aparcamiento"

Vista ao parque empresarial do Milladoiro

Multimedia

  • Vista ao parque empresarial do Milladoiro
  • O parque empresarial do Milladoiro conta con preto de 100 novas prazas de estacionamento
  • O parque empresarial do Milladoiro conta con preto de 100 novas prazas de estacionamento
  • O parque empresarial do Milladoiro conta con preto de 100 novas prazas de estacionamento
  • O parque empresarial do Milladoiro conta con preto de 100 novas prazas de estacionamento
  • O parque empresarial do Milladoiro conta con preto de 100 novas prazas de estacionamento