- Tematica
O Concello de Ames organiza para este venres, 29 de xullo, ás 20.30 horas, unha serie de actividades para celebrar o Día de Galicia. Trátase dun acto institucional, que se celebrará no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, onde se lle fará un acto de recoñecemento á María Victoria Otero Espinar, catedrática de Análise Matemático na Universidade de Santiago de Compostela e vicepresidenta primeira da Real Sociedade Matemática Española. O Concello fará entrega a Otero Espinar da medalla do Concello de Ames, nunha recepción oficial na que intervirán as voceiras e voceiros dos diferentes grupos políticos da Corporación municipal, así como o irmán da homenaxeada, Pedro Antonio Otero Espinar. O grupo As Lens porá musica a dito acto.
Un ano máis o Concello de Ames celebrará un acto institucional co gallo do Día Nacional de Galicia. Neste caso, como soe ser habitual, escolleuse o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para organizar este acto que reúne a autoridades municipais, membros de asociacións e veciños/as de Ames. Dito acto terá lugar este venres, 29 de xullo, ás 20.30 horas.
Será un evento sinxelo e aberto a todos os veciños e veciñas de Ames no que participarán os grupos políticos que forman parte da Corporación municipal. Dende o goberno e dende os partidos da oposición animan á veciñanza amesá a que asistan a este evento municipal.
Durante o transcurso de dito acto homenaxearase á matemática galega, María Victoria Otero Espinar, que recibirá a medalla do Concello de Ames, ao igual que o fixeron en edicións anteriores Ángel Carracedo, Filomena Fraga, Maximino Viaño e Ramón Lorenzo. A catedrática de Análise Matemático na Universidade de Santiago de Compostela estará acompañada por familia e amizades. Deste xeito, o irmán da homenaxeada, Pedro Antonio Otero Espinar, intervirá en representación da familia de María Victoria.
María Victoria Otero Espinar
María Victoria Otero Espinar (Lugo, 1962) é unha prestixiosa e recoñecida matemática galega. É licenciada en Matemáticas pola USC e doutora en Matemáticas dende o ano 1992, nunha universidade coa que está vinculada dende 1986, realizando labores de investigación e ocupando varios postos docentes. Neste senso, é catedrática de Análise Matemático dende 2009 e vicepresidenta primeira da Real Sociedade Matemática Española, ademais de ter experiencia en xestión e administración educativa, como decana da Facultade de Matemáticas, vicerreitora de Titulacións ou presidenta do Colexio de Decanos da USC. Na actualidade, é profesora do Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización, e forma parte do Grupo de Investigación en Matemáticas.
Neste ámbito investigador, ten realizado visitas en numerosos centros e laboratorios de prestixio, como Laboratoire de Mathématiques (Université de Nice), King's College (University of Cambridge), Mathematics Institute (University of Warwick), Universidade de Lisboa, Universidade do Porto ou a Universidade Autónoma de Barcelona, entre outros. As súas liñas de actuación enmárcanse no campo das Ecuacións Diferenciais e en Diferenzas, Sistemas Dinámicos e Biomatemática. É autora de máis de 50 publicacións en revistas especializadas ás que se suman ademais as derivadas de congresos e estudos relacionados coas Matemáticas.
Música e lectura de poemas
A música do acto do Día de Galicia chegará dan man do grupo As Lens. Trátase dun grupo de profesionais, licenciados, en piano, violín... que teñen un repertorio variado en formación de violín-voz, piano e set de percusión, con música dos 70, 80, 90, bandas sonoras orixinais e música clásica. Ademais, durante o transcurso do acto contarase coa intervención institucional de cada un/unha dos/as voceiros/as dos grupos políticos municipais.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "O Pazo da Peregrina de Bertamiráns celebra o venres o Día de Galicia"