- Tematica
O Apego de Ames prepara unha nova edición da súa foliada, na que os músicos Sonsoles Penadique e Virxilio da Silva presentarán o espectáculo “Café Dorothé”. Na foliada darán a coñecer as cancións tradicionais galegas recollidas polos investigadores Dorothé Schubarth e Antón Santamarina no “Cancioneiro popular galego”, para bailar, cantar e xogar en familia. Será o venres 20 de maio no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, a partir das 18:00 horas. As inscricións para a actividade, de balde e dirixida ao público familiar, poderán realizarse dende hoxe ata o 19 de maio, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas.
Un ano máis volve a foliada do programa Apego de Ames, unha actividade chea de música para compartir, cantar, bailar, aprender cancións galegas e pasalo ben. Nesta ocasión, o evento estará dinamizado polos músicos Sonsoles Penadique e Virxilio da Silva, e o seu espectáculo de música popular galega “Café Dorothé”. Ao longo da sesión, interpretarán varias das cancións populares recollidas no traballo de investigación dos investigadores Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, e que acabou reflectida na publicación “Cancioneiro popular galego”.
A actividade é de balde e as persoas interesadas en participar só teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que indiquen nome e apelidos das asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen. O prazo de inscrición está aberto dende hoxe ata o xoves 19 de maio. Non se admitirán inscricións fóra de tempo e as prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes.
O programa Apego, actividades, formación e recursos para familias
O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade entre 0 e 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia a través de actividades e de recursos para facilitar e mellorar a crianza.
As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames. Para ese primeiro contacto poden optar por diferentes vías: cubrir o formulario "Súmate ao Apego" na páxina web apego.gal, escribir a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao teléfono 662 377 215.