Solapas principales

O persoal do Concello poderá participar nun curso de Regulación Emocional a través do método “Mindfulness”

Miércoles, 19 de enero de 2022

A Concellaría de Benestar e Promoción da Saúde pon en marcha un programa de regulación emocional a través do método “Mindfulness”. Impartida polo psicólogo e instrutor da técnica, Juan Carlos Permuy, a actividade comezará a desenvolverse o 25 de xaneiro. Realizaranse oito sesións de  unha hora e corenta e cinco minutos de duración que terán lugar os martes entre as 16:15 e as 18:00 horas. A actividade está dirixida ao persoal do Concello. Hai 8 prazas dispoñibles. Os interesados/as deben enviar unha mensaxe ao enderezo electrónico promociondasaude@concellodeames.gal. No caso de que as solicitudes superen o número de prazas ofertadas realizarase un sorteo o luns 24 de xaneiro.

Un dos obxectivos máis importantes do departamento de Benestar e Promoción da Saúde, que dirixe a concelleira Luísa Feijóo, é o de coidar e promover a saúde mental entre a cidadanía de Ames. O curso pasado, o alumnado da ESO e de Bacharelato do IES de Bertamiráns participou xa nun programa de regulación emocional e está previsto que este curso sexan 400 os alumnos e alumnas que se beneficien destas actividades.

“Consideramos á saúde mental como a cuarta pata das medidas de promoción da saúde no concello”, manifesta a concelleira Luísa Feijóo, quen engade que “agora é o momento de mirar polos da casa e axudarlles a dotarse de recursos para aprender a vivir mellor, a coñecerse e a enfrontarse ás situacións do día a día”.

Traballo con emocións

O “Mindfulness” é unha técnica que ensina a focalizar a atención no momento presente. O obxectivo é conseguir a atención plena, centrándose no que está a suceder “aquí e agora” e aceptándoo sen máis, sen tentar cambiar, nin xulgar nada. “Mindfulness” é un camiño cara á plena consciencia que ensina a quen a practica a concentrarse no que sucede dentro e fóra dun mesmo e que axuda a aprender a renunciar ao ruído e ás distraccións.

A regulación emocional defínese como o conxunto de procesos a través dos cales influímos nas nosas emocións e determinamos cando as temos e como as experimentamos e expresamos. O adestramento en “Mindfulness” mostrou ser unha ferramenta moi eficaz na mellora das habilidades de regulación emocional. Esta capacidade de regular os estados emocionais é considerada como un aspecto esencial da educación integral das persoas, dado que posibilita o benestar persoal, a socialización e os logros laborais e académicos.

Luisa Feijóo lembra que “diversas investigacións científicas avalan que a inclusión do “Mindfulness” na nosa rutina diaria provoca toda unha serie de beneficios para a nosa saúde física e mental”. A concelleira engade que “é moi positivo para o autocontrol , para o desenvolvemento da resiliencia e dos recursos que melloran os distintos niveis obxectivos de saúde, entre eles a redución do estrés e da ansiedade, a concentración e a memoria”. “Axuda tamén a súa práctica – engade a concelleira - a descartar os tan incapacitantes pensamentos intrusivos e a mitigar calquera tipo de dor.

A posibilidade de coñecer a comezar a practicar a técnica de “Mindfulness” chega agora aos traballadores municipais a través do curso programado pola Concellaría de Benestar Social que, unha vez máis, conta co psicólogo Carlos Permuy para impartilo. Os interesados/as deben enviar unha mensaxe ao enderezo electrónico promociondasaude@concellodeames.gal. Hai oito prazas dispoñibles. No caso de que as solicitudes superen o número de prazas ofertadas realizarase un sorteo o luns 24 de xaneiro.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Técnicas de Mindfulness para que o persoal amesán focalice a atención"

Mindfulness

Multimedia

  • Mindfulness
  • Presentación programa de saúde