Solapas principales

O Pleno abordará a creación do Consello Sectorial da Xuventude do Concello de Ames

Miércoles, 27 de noviembre de 2024

Este xoves, día 28, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a ratificación de dous decretos para a subsanación de deficiencias no proxecto das obras de melloras no edificio da Escola de Musica situado en Aldea nova; a aprobación inicial da ordenanza xeral de subvencións; a creación do Consello Sectorial da Xuventude; a compatibilidade de Iván Pablo Sanmartín Carreira, animador e preparador deportivo; a revisión do IPC, de xullo 2023 a xullo de 2024, relativo ao contrato de concesión da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira; e a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira. Ademais, abordarase a aprobación de tres declaracións institucionais sobre o Día mundial da infancia 2024; o 25N - Dia Internacional para a eliminación da violencia contra a muller; e en solidariedade e apoio á veciñanza e aos Concellos afectados pola DANA. Tamén se vai debater unha moción política relativa á situación do idioma propio da Galiza e á adopción de medidas para a súa normalización. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. A continuación darase conta da información periódica a render ao pleno corresponde ao terceiro trimestre do exercicio 2024. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, das actas correspondente á sesión ordinaria do mes de outubro, celebrada o pasado 6 de novembro, e do pleno extraordinario e urxente do pasado 18 de novembro.

De seguido abordarase a ratificación de dous decretos para a subsanación de deficiencias no proxecto das obras de melloras no edificio da Escola de Musica situado en Aldea Nova (incluído no POS+ Adicional 2/2024). As correccións aprobadas a través de ambos decretos non teñen transcendencia algunha no deseño das obras, nin nas súas funcionalidades, nin no seu importe de execución.

Outro dos temas que se abordarán será a aprobación inicial da ordenanza xeral de subvencións. Dito proxecto someteuse a consulta pública mediante decreto da Alcaldía. Durante o prazo de consulta pública de 20 días hábiles non se presentou ningunha suxestión. No caso de ser aprobada dita aprobación inicial, terá que estar en información pública durante un período de 30 días hábiles, a efecto de exame e reclamacións mediante publicación no taboleiro de edictos do Concello, BOP e Portal de Transparencia do Concello de Ames. De non presentarse reclamacións, a aprobación inicial quedará elevada a definitiva de forma automática.

Creación do Consello Sectorial da Xuventude
A participación cidadá é unha ferramenta fundamental onde integrar aos distintos sectores da sociedade (cidadáns, organizacións, etc.) e basear a lexitimidade e o consenso da poboación ao involucrase activamente na toma de decisións públicas da súa comunidade. A poboación xuvenil de Ames é un dos grandes activos que posúe o Concello de Ames. Por iso, dende a Administración debemos asegurar o arraigo deste sector poboacional mediante a creación, mantemento e mellora de servizos e equipamentos acordes cos seus intereses e necesidades. Para isto, considérase que é preciso pór en marcha un órgano que canalice a participación cidadá deste colectivo, que promova o diálogo e fomente a implicación activa da mocidade na súa comunidade.

Co obxectivo de facer realidade o compromiso do Concello coa participación da cidadanía de xeito activo e transparente nos asuntos públicos, e tomando como referencia o Regulamento Orgánico de Participación Cidadá do Concello de Ames, a Concellería de Mocidade propón a creación do Consello Sectorial de Xuventude, como órgano de participación, na área municipal competente en materia de xuventude.

Compatibilidade do animador preparador deportivo
Outro dos temas a tratar será a compatibilidade de Iván Pablo Sanmartín Carreira, axudante preparador deportivo do Concello de Ames. O 20 de abril de 2024, Ivan Pablo Sanmartín Carreira foi contratado polo Concello de Ames como persoal laboral fixo no posto previsto na RPT como axudante preparador deportivo no departamento de Deportes. Posteriormente, o 19 de xullo de 2024 solicitou que lle sexa concedida autorización para compatibilizar o seu posto na Administración co desempeño de actividades privadas de carácter profesional. Concretamente compatibilizar o seu posto co de presidente da Federación Galega de Atletismo.

Centro deportivo municipal A Telleira
Por outra banda, trataranse dous temas relacionados co centro deportivo municipal A Telleira. O primeiro é a revisión do IPC, de xullo 2023 a xullo de 2024, relativo ao contrato de concesión da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira. Tras os correspondentes acordos de prórroga a vixencia actual da concesión esténdese ata o 9 de setembro de 2026, tal e como deriva do acordo plenario do 11 de setembro de 2024. O 4 de setembro de 2024, solicitouse a revisión, con arranxo ao IPC galego xullo 2022-xullo 2024, do contrato da concesión da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira. Porén, na sesión do 11 de setembro de 2024 acordouse a revisión do IPC galego xullo 2022-xullo 2023, polo que unicamente restaría a revisión IPC xullo 2023-xullo 2024 que ascende ao 3,1%.

Tamén se vai abordar a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira. A finalidade desta modificación é a aplicación do IPC acumulado galego de xullo 2023 - xullo 2024, que ascende ao 3,1%, en cumprimento do previsto na cláusula 22 dos pregos de licitación que forman parte do contrato asinado.

Declaracións institucionais e mocións políticas
Ademais, abordarase a aprobación de tres declaracións institucionais: a primeira presentada polo grupo municipal de Espazo Común sobre o Día mundial da infancia 2024; a segunda presentada polo grupo municipal socialista sobre o 25N - Dia Internacional para a eliminación da violencia contra a muller; e a terceira, tamén presentada polo grupo municipal socialista, en solidariedade e apoio á veciñanza e aos Concellos afectados pola DANA.

Por último, vaise debater unha moción política, do grupo municipal BNG, relativa á situación do idioma propio da Galiza e á adopción de medidas para a súa normalización.

Imaxe de arquivo do salón de plenos