- Tematica
Esta maña celebrouse un pleno extraordinario e urxente no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade a concesión da medalla do Concello de Ames á Coral polifónica de Bugallido con motivo dos seus 50 anos de traxectoria musical. Dita coral foi creada no ano ano 1972 na parroquia de Bugallido. A entrega da medalla farase no acto do Día de Galicia que se vai celebrar o vindeiro luns, 24 de xullo, ás 20.00 horas, no Pazo da Peregrina. Se chove cabe a posibilidade de cambiar o lugar da celebración. A concesión de dita medalla está recollida no regulamento de títulos, honras e distincións do Concello de Ames.
Hoxe ás 9.00 horas celebrouse un pleno extraordinario e urxente no que a Corporación municipal primeiro ratificou a urxencia da convocatoria, e posteriormente, aprobou por unanimidade a concesión da medalla do Concello de Ames á Coral polifónica de Bugallido. A entrega da medalla farase no acto do Día de Galicia que se vai celebrar o vindeiro luns, 24 de xullo, ás 20.00 horas, no Pazo da Peregrina.
Cómpre lembrar que a Coral de Bugallido celebrou a finais do pasado ano a conmemoración do seu 50 aniversario. A coral foi creada no ano ano 1972 na parroquia de Bugallido, en Ames, polo daquela párroco Don Antonio Santomil. Baixo a batuta de Santomil, a agrupación ofreceu numerosas actuacións en distintos puntos de Galicia e Portugal. Non obstante, trala morte prematura do seu director, a coral quedou inactiva.
No ano 1991, grazas á labor de distintas persoas que formaran parte dela con anterioridade, volveuse a poñer en marcha baixo o amparo da Asociación Cultural Antonio Santomil. Na actualidade, a Coral, dirixida por Xosé Ramón Santomil e formada por 31 persoas, participa en certames e festivais ao longo da xeografía galega.
Regulamento de títulos, honras e distincións
O pasado ano a Corporación municipal aprobou a creación do regulamento de títulos, honras e distincións do Concello de Ames. En dito regulamente establécese que a concesión da medalla do Concello de Ames outorgarase a aquelas persoas físicas ou entidades públicas ou privadas que destaquen polos seus merecementos e a súa traxectoria no sector turístico, cultural, veciñal, artístico, musical, deportivo, empresarial, social, científico ou similares.
Ademais, establece que a aprobación da concesión desta distinción requirirá acordo plenario adoptado pola maioría absoluta do número legal de membros da Corporación. Deste xeito, é a primeira vez, trala aprobación de dito regulamento, que se aproba en Pleno a concesión da medalla do Concello de Ames.
Esta distinción correspondese coa imposición dunha medalla co escudo do Concello de Ames e coa entrega dun diploma artístico co escudo de Ames, con breve mención dos merecementos e entregarase nun acto solemne, procurando que coincida coa data do Día de Galicia.
Novas relacionadas:
Ames Go: "A Coral de Bugallido, Medalla do Concello"