- Tematica
A Corporación municipal aprobou por maioría absoluta a modificación do regulamento da Rede municipal de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas. Ademais, aprobouse por unanimidade os modelos de declaracións de bens e actividades dos concelleiros e concelleiras do Concello de Ames, e maila proposta de resolución de alegacións e remisión ao Consello Consultivo de Galicia do expediente de resolución do contrato do servizo de axuda no fogar. Tamén foi aprobada por unanimidade unha moción política do grupo municipal BNG para a implantación de medidas de prevención e resposta fronte ás inundacións. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
O pleno ordinario de xaneiro comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 307 decretos, do 4194 ao 4309 (116 decretos) de 2024, e do 1 ao 191 (191 decretos) de xaneiro de 2025. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se aprobou por unanimidade foi a aprobación da acta correspondente á sesión ordinaria do mes de decembro.
De seguido, procedeuse á aprobación por unanimidade dos modelos de declaracións de bens e actividades dos concelleiros e concelleiras do Concello de Ames. As declaracións de bens e actividades véñense presentado conforme aos modelos dispoñibles no Concello, pero era preciso que fosen aprobadas formalmente polo Pleno do Concello.
Segundo explicou o concelleiro de Transparencia, Javier Antelo, “os novos modelos son máis específicos e descritivos. Ademais, as declaracións deberán ser inscritas no prazo dun mes nos correspondentes rexistros, que terán carácter público, e no prazo de tres meses terán que ser publicadas no Portal de transparencia do Concello de Ames. As declaracións que actualmente están cargadas no Portal da Transparencia son válidas, polo que os novos modelos aplicáranse no momento no que faga algunha actualización ou que se incorporen novas declaracións”.
Servizo de axuda no fogar
A Corporación municipal tamén aprobou por unanimidade a resolución de alegacións e remisión ao Consello Consultivo de Galicia do expediente de resolución do contrato do servizo de axuda no fogar (SAF) do Concello de Ames.
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, explicou que “no pleno ordinario do pasado mes de outubro aprobouse por unanimidade o inicio do expediente de resolución do contrato do servizo de axuda no fogar do Concello de Ames, debido a múltiples incumprimentos do contrato por parte da empresa concesionaria do servizo. Estamos traballando arreo para que o antes posible se poida resolver a licitación do novo contrato”.
Neste punto, desestimáronse as alegacións presentadas pola contratista Osventos Innovación en Servizos SL. Ademais, propónselle ao Consello Consultivo de Galicia a resolución do contrato, por causa imputable á empresa contratista, Osventos Innovación en Servizos SL. As causas que motivan a resolución do contrato son os incumprimentos do contrato identificados pola responsable do contrato, sendo tres deles obrigas esenciais do contrato.
Por último, proponse a incautación e perda da garantía definitiva, por importe de 132.337,08 euros, sen prexuízo da indemnización que poda proceder a favor do Concello polos danos e prexuízos que esta resolución culpable lle ocasione. A empresa contratista Osventos Innovación en Servizos SL, deberá seguir prestando o servizo nas mesmas condicións que figuran no contrato asinado o 22 de marzo de 2023, ata a adxudicación do novo expediente incoado, por acordo plenario do 26 de decembro de 2024, para a prestación do servizo de axuda no fogar.
Regulamento da rede municipal de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas
Outro dos temas que se abordaron foi a aprobación inicial da modificación do regulamento da rede municipal de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas do Concello de Ames. Previamente abriuse o pasado 19 de decembro de 2024 un proceso de consulta pública. Durante dito proceso presentáronse nove suxestións, das cales foron estimadas oito e un foi desestimada. Este punto foi aprobado por maioría absoluta co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do Partido Popular, mentres que as/os edís do BNG e Espazo Común votaron en contra.
A concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto, dixo “trátase dunha proposta dialogada na que se recolleron as propostas de toda a comunidade educativa e grupos políticos ao longo de seis xuntanza. Realízanse modificacións en todo o texto, en concreto en 27 artigos e nos anexos. Os aspectos máis importantes desta modificación consisten en que os servizos de conciliación sexan servizos por e para a conciliación da vida laboral e familiar, así como que estes sexan para os empadroados en Ames. Somos un Concello prestador de servizos e para facer estes servizos sostibles, vímonos na obriga de tomar decisións, por unha banda modificar a ordenanza municipal, e por outra, o regulamento. É unha actualización que non é sinxela, pero que hai que abordar por responsabilidade política”.
A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, destacou que “dito borrador someteuse a votación no consello sectorial, celebrado en decembro, e no que non se chegou a un consenso, polo tato non tivo a aprobación da comunidade educativa. Deste xeito vulnérase o acordo que se tiña de consensuar temas de especial interese como é este regulamento. Hai que recordar que catro ANPAS votaron en contra e ningunha votou a favor, polo tanto, sendo consecuentes co que defendemos dende Espazo Común, que é o diálogo, o consenso e a participación, o noso voto ten que ser en contra desta modificación”.
O concelleiro do BNG, Carlos García Vieito, preguntouse “porque se queren reducir prestacións nun servizo que funciona tan ben. O regulamento anterior, aprobado por unanimidade e consensuado coa comunidade educativa, funcionaba de maneira satisfactoria e era un exemplo de servizo público de calidade. Rematamos o ano 2024 subindo as taxas do servizo de comedor, e comezamos o 2025, cun novo regulamento que supón un recorte de dereitos e de calidade do servizo ofrecidos ás familias e ao alumnado, respecto do anterior. Esta proposta establece restricións significativas para os usuarios/as ocasionais, dificulta o aceso a familias que necesiten estes servizos e non garante unha atención individualizada para nenos e nenas con dificultades especiais, problemas de saúde ou discapacidade”.
A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, destacou “este regulamento aposta pola conciliación das familias. O máis importante é que parte do consenso da comunidade educativa. Fixéronse varias xuntanza de traballo entre representantes das familias, direccións dos centros educativos, técnicos do Concello e partidos políticos. Nestas reunións recolléronse diferentes achegas, incluso houbo achegas dos propios usuarios. Houbo nove achegas e están incluídas todas menos unha, porque non resulta viable. Este regulamento vai permitirlle ás familias de Ames poder seguir conciliando, facilitando que os veciños e veciñas de Ames atopen un equilibrio entre a vida familiar e laboral. Os servizos de conciliación deben estar dirixidos para as familias que precisen conciliar. Este regulamento vai permitir que estes servizos teñan futuro. O Partido Popular quere que este servizos perduren no tempo gracias a este regulamento”.
Medidas de prevención e resposta fronte ás inundacións
Ademais, aprobouse por unanimidade unha moción política do grupo municipal BNG, para a implantación de medidas de prevención e resposta fronte ás inundacións. A través de dita moción ínstase ao goberno municipal a liderar unha estratexia integral que permita minimizar os impactos de posibles inundacións e garantir a seguridade e o benestar da cidadanía, ao tempo que se protexe o entorno natural do municipio a través de diferentes accións que inclúan, entre outras, as seguintes:
-Campañas de sensibilización e formación cidadá. Desenvolvemento de campañas informativas dirixidas á poboación amesá para aumentar a concienciación sobre o risco de inundacións e as medidas de autoprotección.
-Colaboración e establecemento de convenios, se fora preciso, coa Xunta de Galicia ou outras entidades relevantes para desenvolver accións conxuntas e optimizar os recursos dispoñibles.
Asemade, ínstase á Xunta de Galicia a fomentar o uso de solucións baseadas na natureza, como a creación de zonas verdes inundables e a restauración das beiras dos ríos.