Solapas principales

O Pleno aproba a modificación dos regulamentos dos programas complementarios e lúdicos e das ordenanzas do IVTM e do IBI

Viernes, 28 de octubre de 2022

Este xoves, 27 de outubro, celebrouse o pleno ordinario correspondente a este mes de outubro. En dita sesión plenaria a Corporación municipal aprobou por unanimidade a modificación puntual do regulamento dos programas de conciliación (Bos días coles, Comedores escolares e Tardes divertidas), dos programas lúdicos, e da Escola de verán;  o proxecto modificado de acondicionamento e mellora térmica da cuberta da escola infantil O Bosque e maila modificación do proxecto da obra de melloras básicas das condicións térmicas e acústicas do pavillón do Milladoiro; a modificación da ordenanza de bens inmobles; un recoñecemento extraxudicial de crédito, por valor de 48.000 euros; e o incremento da contía para gratificacións, horas extras e horas complementarias. Ademais, aprobouse por maioría absoluta (só votou en contra o concelleiro de Ciudadanos) a modificación da ordenanza de imposto sobre vehículos. Por último, abordouse unha moción por vía de urxencia sobre o Día mundial da infancia 2022, que foi aprobada por todos os grupos da Corporación como declaración institucional. Premendo nesta ligazón podes ver a gravación do pleno ordinario de outubro que está na canle de Youtube do Concello de Ames.

O pleno comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende a última sesión plenaria aprobáronse 321 decretos que van do 2.994 ata o 3.314. No apartado de deliberación e acordo en primeiro lugar aprobouse por unanimidade a acta do pleno ordinario do pasado mes de setembro.

A continuación aprobouse por unanimidade o proxecto modificado de acondicionamento e mellora térmica da cuberta da escola infantil O Bosque. Dita modificación é unha cuestión menor de índole formal que non ten transcendencia algunha no deseño da obra nin nas funcionalidades da mesma. Tampouco afecta ao importe de execución.

Tamén se aprobou por unanimidade a modificación do proxecto da obra de melloras básicas das condicións térmicas e acústicas do pavillón do Milladoiro. Ao igual que o caso anterior dita modificación é unha cuestión menor de índole formal que non ten transcendencia no deseño da obra, nas funcionalidades da mesma, nin tampouco afecta ao importe de execución.

Regulamentos dos programas complementarios e lúdicos
Por outra banda, o Pleno deulle luz verde, tamén por unanimidade de toda a Corporación municipal, a aprobación inicial da modificación puntual do regulamento dos programas de conciliación (Bos días coles, Comedores escolares e Tardes divertidas), dos programas lúdicos, e da Escola de verán. Dita modificación consiste en eliminar toda referencia á presentación de orixinais, cotexo de documentos e copias cotexadas, salvo nos supostos excepcionais con amparo na propia normativa, favorecendo deste xeito a presentación electrónica das solicitudes polas persoas usuarias do servizo.

Con esta modificación eliminarase a esixencia xeneralizada de solicitar documento orixinal ou cotexada. Modificarase tamén a redacción da disposición adicional primeira que contiña un erro na referencia legal precisando expresamente que a redacción aprobada manterase en vigor ata a súa modificación ou derogación expresa, suprimindo a disposición final por duplicidade. Esta proposta de modificación foi consultada na reunión do Consello Escolar Municipal do día 5 de outubro de 2022, resultando aprobada por unanimidade.

Modificación de ordenanzas IVTM e IBI
Tamén se abordou a modificación das ordenanzas de impostos sobre vehículos e de bens inmobles. Na ordenanza reguladora do imposto sobre vehículos de tracción mecánica do Concello de Ames aprobouse unha modificación que afecta ao artigo 7.2 e artigo 9.1 que regulan, respectivamente, a exención do imposto para persoas con discapacidade e a bonificación dos vehículos en relación coa emisión de C02. Este punto saíu adiante co voto a favor do grupo do goberno, dos concelleiros e concelleiras do Partido Popular e do concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo. Emitiuse un único voto en contra que foi o do concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos.

Na ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles do Concello de Ames a modificación está relacionada coas bonificacións na cota do imposto en favor de inmobles nos que se tiveran instalado sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía que provén do sol. Dita bonificación está condicionada a que as instalacións para a produción de calor inclúan colectores que dispoñan da correspondente homologación concedida pola administración competente. Este punto foi aprobado por unanimidade.

Recoñecemento extraxudicial de crédito
Ademais, aprobouse por unanimidade un recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 48.126,80 euros para o pago de facturas pola realización de gastos necesarios para o normal funcionamento de distintos servizos municipais. O pago de ditas facturas ten que ver coa necesidade de non interromper o normal funcionamento do Concello.

Tamén se aprobou por unanimidade o incremento da contía para gratificacións, horas extras e horas complementarias. Dito incremento será de 65.000 euros, que se sumarán aos 225.000 euros asignados inicialmente no orzamento de 2022.

Moción por vía de urxencia sobre o Día mundial da infancia 2022
Por último, abordouse unha moción por vía de urxencia sobre o Día mundial da infancia 2022, que foi aprobada por todos os grupos da Corporación como declaración institucional.

En dita declaración recóllese que o Concello de Ames únese, con motivo do Día Mundial da Infancia, a UNICEF Comité Galicia, baixo o lema “dereitos e emocións”. Asegurar a consecución dos dereitos de nenos, nenas e adolescentes é unha cuestión colectiva e de obrigado cumprimento. Cando un neno ou unha nena ve limitada a satisfacción dos seus dereitos, o impacto no seu benestar emocional é directo. Por iso, as cidades e pobos, como comunidades máis próximas á infancia, temos un rol fundamental en asegurar que os nenos e as nenas que viven na nosa localidade sentan emocionalmente satisfeitos e felices de vivir nela.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames amplía la rebaja del IBI a viviendas con energía solar"

AMS GO!: "O Pleno de Ames aproba modificacións na ordenanza do IBI e o imposto sobre vehículos"

Lindeiros: "Pleno de regulamentos no Concello de Ames"

El Correo Gallego: "Favorecen a presentación online para os programas de conciliación de Ames"

 

Imaxe do pleno ordinario de outubro

Multimedia

  • Imaxe do pleno ordinario de outubro
  • Imaxe do pleno ordinario de outubro
  • Embedded thumbnail for