- Tematica
Este mércores, 11 de novembro, celebrouse unha sesión plenaria extraordinaria na que se aprobou por maioría o convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galicia, na área de Santiago de Compostela, na que está incluído o concello de Ames. Tamén se aprobou por unanimidade o proxecto técnico de abastecemento e saneamento nos lugares das Buceleiras e Guimaráns, pertencentes á parroquia de Bugallido.
O pleno extraordinario deste mércores, 11 de novembro, desenvolveuse dun xeito diferente a como se viña facendo nos últimos meses. Para limitar o número de persoas no salón de plenos da Casa do Concello e minimizar o risco de contaxio debido á actual situación sanitaria derivada da Covid-19, a sesión realizouse de forma mixta, co alcalde e voceiros dos grupos políticos municipais, así como secretaria e interventora, asistindo de forma presencial no salón de plenos, e os/as 14 concelleiros/as restantes participando no pleno de forma telemática a través dunha aplicación de vídeo-conferencia.
A Corporación municipal aprobou por maioría o convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galicia, na área de Santiago de Compostela, na que está incluído o concello de Ames. Votaron a favor de dito convenio os membros do Goberno municipal, así como os/as concelleiros/as do Partido Popular e Ciudadanos, mentres que o concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, abstívose en dita votación.
O novo convenio do transporte metropolitano de Galicia recolle varias melloras para a veciñanza amesá, despois de que o Concello de Ames presentase alegacións ao proxecto no mes de agosto de 2019. Ditas alegacións foron tidas en conta e recollidas no novo convenio que está previsto que comece a aplicarse no mes de decembro coa entrada en funcionamento das novas liñas do transporte metropolitano. A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, foi a encargada de presentar dito punto. Segundo dixo o custo anual de dito servizo para o Concello de Ames ascende a 148.500 euros. A vixencia do convenio será de 4 anos e poderase prorrogar, como máximo, por outros catro anos.
Dito convenio permite o abaratamento dos custes das viaxes realizadas polos/as usuarios/as e permite facer os transbordos que necesiten os/as usuarios/as para chegar ao seu destino final sen custe adicional. Ademais, a concelleira de Mobilidade recalcou que se realizaron varias alegacións que a Xunta non tivo en conta como estudar a posibilidade de crear un consorcio de transporte metropolitano integrado polos concellos limítrofes e que a decisión da suba dos prezos fose acordada por dita comisión.
Valoracións sobre o convenio de transporte metropolitano
Sobre esta cuestión, o alcalde dixo que “dende o Goberno municipal se ía votar a favor de dito convenio por responsabilidade, xa que é un convenio imposto pola Xunta e no que non se respecta a porcentaxe de voto que debería ter Ames. Así o reflectimos nas alegacións presentadas. Somos moi críticos co servizo de transporte metropolitano que temos e este convenio non resolve moitos dos problemas existentes e que vimos denunciando dende o ano 2006”.
O concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, destacou que “o transporte público é algo esencial, sobre todo en Ames polo carácter urbano dos núcleos de Bertamiráns e O Milladoiro. Levamos anos dirixíndonos á Xunta para pedir melloras, pero ditas melloras non están reflectidas en dito convenio. Isto é non é un convenio porque non se estableceron acordos. Isto é unha proposta enviada pola Xunta na que non houbo negociación, simplemente o Concello puido interpoñer alegacións”.
O voceiro do Partido Popular, Ramón García Argibay, dixo que “é un convenio no que se avanza respecto ao acordo anterior. Para o concello de Ames o transporte metropolitano é algo básico. Trátase dun convenio que é mellorable, pero é un punto de partida fundamental”.
Dende Ciudadanos, José Ramón Oulego, apuntou a necesidade de mellorar o estado das marquesiñas e dispor na páxina web municipal dun apartado especifico cos horarios dos autobuses.
Abastecemento e saneamento nas Buceleiras e Guimaráns
Por outra banda, aprobouse por unanimidade o proxecto técnico de abastecemento e saneamento nos lugares das Buceleiras e Guimaráns, pertencentes á parroquia de Bugallido. No orzamento municipal de 2020 non se contempla a execución deste proxecto, incluído no Ciclo Integral da Auga, non obstante o orzamento contempla o crédito necesario para a execución desta obra. Este proxecto ten un orzamento de execución por contrata de 76.675,45 euros.
A través de dito proxecto preténdese a execución dunha rede de saneamento de 750 metros. Instalaranse 15 pozos de rexistro nas beirarrúas, 1 pozo de rexistro estanco na beirarrúa e 7 pozos de rexistro en calzada. Para a execución do saneamento será necesario realizar dous cruces con topo na estrada DP-0205 Bertamiráns - A Ramallosa, nos puntos quilométricos 2+570 e 3+420. Posteriormente á instalación da tubería, procederase ao recheo e compactación do foxo.
O vertido desta rede realizarase nun pozo da rede xeral xa existente. Igualmente procederase á instalación de 345 metros de tubería para abastecementos, previa execución do foxo e posterior recheo e compactación. Executaranse 3 arquetas para aloxamento de chaves (válvula de comporta+ventosa, válvula de vaciado e tapón). Unha vez instaladas as redes procederase a reposición dos pavimentos nas zonas necesarias.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explicou que este proxecto estaba inicialmente pensado para dotar de servizo de saneamento e abastecemento a tres vivendas que se atopan na estrada DP-0205 Bertamiráns - A Ramallosa ao seu paso polo lugar de Guimaráns, pero finalmente tamén se incluíron as vivendas dunha urbanización deste lugar, así como outra vivenda que se atopa na zona baixa de Guimaráns”. Ademais, engadiu que “durante o mandato pasado o Goberno municipal investiu máis de catro millóns de euros en distintas actuación no rural amesán, dos cales a metade foron para dotar de saneamento e abastecemento a distintos lugares do rural”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames y Oroso aprueban con recelo el convenio del transporte metropolitano "