O Pleno Ordinario do mes de outubro aprobou a proposta do regulamento do Consello Sectorial de Nenos e Nenas, logo de que transcorrese o período de exposición pública sen que se presentasen alegacións. Na mesma sesión plenaria aprobouse o decreto da Alcaldía 3260/2021 do 15.10.2021, da 2ª fase do POS + adicional 2/2021, mediante o proxecto das Obras Camiño en Barouta e outros. A orde do día contemplaba asemade a toma de posesión de Pablo Beiroa Pampín como concelleiro do PP. Beiroa substitúe a Ramón Argibay no grupo do Partido Popular e pasa a ser o concelleiro máis xove da corporación.
Tanto o regulamento do Consello Sectorial de Nenos e Nenas como a ratificación do decreto da Alcaldía 3260/2021 do 15.10.2021, da 2ª fase do POS + adicional 2/2021, para o proxecto das Obras Camiño en Barouta e outros foron aprobados por unanimidade na sesión plenaria do xoves, 28 de outubro de 2021.
Consello sectorial de Nenos e Nenas
O Consello Sectorial de Nenos e Nenas ten previsto realizar a súa sesión constitutiva ao redor do 20 de novembro. Así o anunciou a concelleira de Benestar e Igualdade, Luísa Feijóo, despois de os voceiros de todos os grupos municipais anunciaran o voto a favor á proposta do regulamento que rexerá o funcionamento deste órgano de participación. A concelleira agradeceu o apoio dos compañeiros e compañeiras de corporación e manifestou que “o regulamento, que estará aberto e poderá modificarse, quere converterse nun órgano no que os nenos e nenas poidan ter voz e participar na configuración de proxectos e actividades municipais”. Feijóo anunciou que estaba previsto realizar a sesión constitutiva do Consello ao redor do 20 de novembro e informou de que os centros escolares de Ames xa están comunicando ao concello os nomes dos rapaces e as rapazas que suxiren como representantes.
Participación na 2ª fase do Plan Único de Concellos
Tamén por unanimidade, aprobouse a ratificación do decreto da alcaldía 3260/2021 do 15 de outubro, de Participación na 2ª fase do Plan Provincial de Cooperación de Obras e Servizos de Competencia Municipal (Plan ünico de Concellos) Adicional 2/2021 da Deputación de A Coruña. A proposta de participación deste plan faise mediante o proxecto das Obras Camiño en Barouta e outros. O importe total é de 22.718,96 euros (IVE incluído).
O día 7 do mes de outubro de 2021 recíbese un requerimento sobre o presuposto desta obra que se aprobara na sesión plenaria do 31 de setembro de 2121, dado que o importe mínimo subvencinable é de 30.000 euros. En base a este requerimento, Ames encarga a redacción dun novo proxecto que redacta Pablo Blanco Ferreiro cun orzamento de execución pro conbtrata de 33.695,48 euros e que supón engadir ao proxecto xa aprobado unha noiva actuación. Por razóns de urxencia aprobase o novo proxecto e a participación no Plan Adicional 2/2021 mediante decreto da Alcaldía do 3260/2021 do 15 de outubro.
Toma de posesión de Pablo Beiroa
Rodeado de familiares, compañeiros/as e amigos/as que se sentaron nas cadeiras do Salón de Plenos destinadas ao público, Pablo Beiroa Pampín, tomou posesión da súa acta de concelleiro, Pablo substitúe nas filas do PP a Ramón Argibay, voceiro do partido até a súa renuncia no pleno do mes de setembro.
Concelleiros e concelleiras de todos os partidos deron a benvida ao novo edil e manifestaron a convicción de que o seu traballo “aportaría moitos beneficios á vida municipal”. Ademais gabaron a súa xuventude como un valor que “traerá frescura e sabia nova á corporación” e aplaudiron a súa valía e o seu currículo profesional. A voceira do Partido Popular, Oliva Agra agradeceu ademais “todo o traballo que de xeito altruísta levas facendo nos últimos anos con nós”.
Pablo Beiroa, natural de Biduído, ten 25 anos. Rematou a carreira de dereito con Premio Extraordinario e foi presidente local e comarcal de Novas Xeracións entre os anos 2016 e 2019. Durante o mesmo período representou ao Partido Popular de Ames nos “Espazos Políticos” da emisora municipal. Na actualidade prepara oposicións para avogado da Xunta de Galicia.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "Pablo Beiroa toma posesión como nuevo edil del PP de Ames"
AMSGO!: "O Consello Sectorial de Nenos e Nenas botará a andar a finais de novembro"