Solapas principales

O Pleno aproba os proxectos incluídos no plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024 – 2025 (Plan AGADER)

Lunes, 10 de junio de 2024

O Pleno do Concello de Ames aprobou o 30 de maio de 2024 os proxectos incluídos no plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024 – 2025 (Plan AGADER). O  concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, foi o encargado de expoñer os puntos correspondentes aos proxectos de pavimentación dos viarios de Tras do Cabalo e outros, e mellora do viario en Prumariño e outro, que están incluídos no Plan AGADER. Este dous puntos foron aprobados por unanimidade. Estas obras contan coa axuda financeira da Unión Europea no marco do Plan estratéxico da PAC.

O proxecto de mellora do viario de Tras do Cabalo e outros dispón dun orzamento de 26.560,76 euros, dos cales 4.609,72 euros son a parte correspondente ao IVE que debe asumir o Concello. Este proxecto contempla melloras no viario de Tras do Cabalo; mellora do viario en Agueiros; e mellora do viario en A Ponte Nova.

O segundo proxecto denomínase “Mellora do viario en Prumariño e outro”, que conta cun presuposto total de execución por contrata de 33.178,15 euros, dos cales 5.758,19 euros son a parte correspondente ao IVE que debe asumir o Concello. Este proxecto contempla melloras no viario de Prumariño e a mellora do viario en Os Casais.

Deste xeito, a través do plan AGADER sufráganse 49.371 euros e o Concello terá que achegar 10.367,91 euros. A contía total de ambos proxectos ascende a 59.738,91 euros.

Plan AGADER 2023-2024
A través do Plan AGADER mellóranse os camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas. A finalidade deste plan é a execución de obras encamiñadas á mellora da rede viaria existente no medio rural, facilitando así a accesibilidade ás explotacións agrarias e contribuíndo ao aumento da competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrarias e nunha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado.

Deste xeito, realízanse obras de mantemento de camiños municipais, tanto do firme existente como das súas marxes (limpeza e perfilación de noiros e cunetas); coma de ampliación de camiños municipais, que supoñen un incremento na largura, incidindo na mellora da seguridade viaria e permiten o cruzamento de vehículos.

O Pleno aproba os proxectos incluídos no plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024 – 2025 (Plan AGADER)