- Tematica
Este xoves, 25 de xuño, retomáronse os plenos presenciais despois de tres meses realizando plenos de forma telemática debido ao estado de alarma declarado polo Goberno do Estado. Para poder cumprir as medidas de distancia de seguridade o pleno desenvolveuse no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. En dita sesión plenaria a Corporación municipal aprobou a adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar; a incorporación do local adquirido para o coworking ao inventario municipal de bens; a aprobación definitiva do estudio de detalle das parcelas R4 e R5 do ámbito de solo urbano non consolidado PB7-04 “Rego dos Pasos Sur II” do PXOM; a modificación de data de desconexión da sede electrónica da Deputación provincial da Coruña; a ratificación de dous decretos de Alcaldía; tres propostas presentadas polos grupos municipais socialista e do BNG e unha moción presentada polo grupo municipal popular.
Este xoves, 25 de xuño, retómanse os plenos presenciais no Concello de Ames despois de que os plenos dos meses de marzo, abril e maio se realizarán de forma telemática, debido ao estado de alarma declarado polo Goberno do Estado pola crise sanitaria da Covid-19. Aínda así, para poder cumprir as medidas de distancia de seguridade o pleno desenvolveuse no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. O pleno comezou coa Corporación municipal gardando un minuto de silencio en recordo das persoas falecidas pola epidemia da Covid-19 e tamén como mostra de pésame ás familias que perderon algunha persoa querida durante a crise sanitaria do coronavirus.
A continuación, o alcalde deu contra dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Tamén deu conta de tres decretos relacionados co POS+ adicional 2020.
No apartado de deliberación e acordo, a Corporación municipal aprobou por unanimidade a adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar. Este servizo foi adxudicado, nas modalidades de básica e dependencia, á empresa Servicios Sociales Ulla Sar SL, por un importe total de 1.908.327,72 euros. A prestación do servizo iniciarase de maneira estimativa o 1 de agosto do 2020 e remataría o 31 de xullo de 2022. Ademais, poderíase ampliar o contrato ata un máximo de catro anos, incluído o período inicial e as prorrogas.
Este servizo constitúe un recurso preventivo e asistencial de primeira orde, ao posibilitar a permanencia das persoas maiores na súa contorna de convivencia habitual, previr situacións de dependencia ou exclusión social e atrasar ou evitar a institucionalización. O orzamento máximo de licitación para a duración inicial do contrato ascendía a 1.920.162,98 euros, polo que a empresa adxudicataria do contrato rebaixou o orzamento en 11.835,20 euros.
Local adquirido para o coworking "A Proa"
Outro dos temas aprobados foi a incorporación do local adquirido para o coworking ao inventario municipal de bens. Este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do goberno e dos concelleiros Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos. Os/as concelleiros/as do Partido Popular de Ames votaron en contra.
O pasado 19 de maio, mediante decreto da Alcaldía, o Concello de Ames adquiriu, previa a correspondente tramitación administrativa, un local para o que será o novo centro coworking "A Proa". A adquisición tivo lugar mediante compravenda, por importe de 574.999,26 euros, á entidade Santiago Sur Galicia SL. Posteriormente, o 22 de maio, formalizouse a adquisición a través de escritura pública. Dita escritura foi remitida ao Rexistro da propiedade de Negreira para a inscrición a nome do Concello de Ames do local adquirido.
Urbanismo
Ademais, aprobouse de xeito definitivo, por unanimidade, o estudio de detalle das parcelas R4 e R5 do ámbito de solo urbano non consolidado PB7-04 “Rego dos Pasos Sur II” do PXOM. O estudo de detalle ten por obxecto concretar as condicións estéticas e de composición da edificación nas parcelas R4 e R5, na zona de edificación aberta, da área de planeamento especifico PB7-04 do PXOM, en solo urbano non consolidado, que contempla vivenda colectiva en edificación aberta e en maza pechada. Para a zona do ámbito dentro da ordenanza de vivenda colectiva en edificación aberta, o 9 de maio de 2007 aprobouse un estudo de detalle, coa finalidade de ordenar os volumes edificables. Posteriormente, o 24 de setembro do 2009 aprobouse unha modificación do devandito estudo cuxo obxecto foi definir as alienacións da parcela R2.
O documento de estudo aprobado, ademais do obxecto referido ás parcelas R4 e R5, tralo requirimento municipal, inclúe a coordinación co contido dos anteriores documentos de estudo de detalle aprobados, así coma coa equidistribución do ámbito. A concreción das condicións estéticas e de composición da planta ático da maza conformada polas parcelas R4 e R5, atópanse entre unha das finalidades dos estudos de detalle, co mantemento do uso establecido no planeamento e da edificabilidade. Os estudos de detalle poden ser formulados polos particulares lexitimados para facelo. Neste caso promovese pola Entidade Urbanística de Xestión do ámbito, na que se integran os propietarios do solo, polo que enténdese que a mesma posúe lexitimación suficiente para promover o presente instrumento de planeamento.
Nova plataforma de Administración electrónica
A Corporación municipal tamén aprobou por unanimidade que a data de desconexión da sede electrónica da Deputación Provincial da Coruña sexa o día 1 de xullo de 2020. Deste xeito, o día 1 de xullo os traballadores e traballadoras do Concello comezarán a traballar a través da nova plataforma de Administración Electrónica. Un novo portal de acceso para o cidadán con múltiples procesos de xestión e unha carpeta cidadá onde cada veciño ou veciña poderá facer un seguimento dixital da súa solicitude, reclamación ou expediente, son algunhas das vantaxes que ofrece a nova plataforma.
A desconexión farase despois de que lle adxudicase á empresa ADD4U Soluciones para gestión y desarrollo SL o servizo de deseño e implantación da administración electrónica. Dito contrato ten como obxecto a adquisición dunha plataforma de administración electrónica o seu mantemento e evolución durante un período de 30 meses, e comprende, entre outras prestacións, o subministro dun portal (sede electrónica) para a tramitación electrónica con persoas, empresas e outras organizacións públicas e privadas de procedementos integrados no novo xestor de tramitación. Como consecuencia do anterior, resulta necesario deixar sen efectos a delegación feita na Deputación Provincial da Coruña relativa á creación da sede electrónica e da súa xestión e administración.
Ratificación de decretos
O Pleno tamén aprobou por unanimidade a ratificación de dous decretos: o decreto de Alcaldía número 965/2020 do 5 de maio de 2020 sobre a constitución de anticipo de caixa fixa 3/2020 para o pagamento das renda social de garantía mínima e das axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social durante o estado de alarma aprobado polo real decreto 463/2020, do 14 de marzo; e mailo decreto de Alcaldía número 1123/2020, de 28 de maio do 2020, sobre a aprobación derradeira do proxecto técnico corrixido das obras de reforma de vestiarios campo de fútbol Bertamiráns.
Propostas do grupo municipal socialista e do BNG
Por outra banda, a Corporación municipal debateu tres propostas; dúas presentadas polo grupo municipal socialista e unha do BNG. Deste xeito, o grupo municipal BNG presentou unha proposta para a derrogación da Lei Montoro, que foi aprobada co voto a favor dos/as concelleiros/as dos grupos municipais socialista, BNG e Contigo Podemos, así como polo concelleiro Quique Costas, de Ames Novo. Os/as edís do grupo municipal popular e mailo concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, abstivéronse.
Ademais, o grupo municipal socialista presentou dúas propostas. A primeira para a transferencia aos concellos, por parte da Xunta de Galicia, dun fondo extraordinaria para a contención da Covid-19 e a súa reconstrución social en Galicia. Esta proposta foi aprobada cos votos a favor dos/as concelleiros/as dos grupos municipais socialista, BNG e Contigo Podemos, así como polos concelleiros do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos. Os/as edís do grupo municipal popular votaron en contra.
A segunda proposta presentada polo grupo municipal socialista foi para a creación dun Plan para reducir a fenda dixital e de aprendizaxe. Esta proposta, ao igual que a anterior, foi aprobada cos votos a favor dos/as concelleiros/as dos grupos municipais socialista, BNG e Contigo Podemos, así como polos concelleiros do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos. Os/as edís do grupo municipal popular tamén votaron en contra.
Moción do grupo municipal popular
Por último, abordouse unha moción presentada polo grupo municipal popular en apoio da competitividade e futuro dos empregos de Alcoa. Esta moción foi aprobada por unanimidade de toda a Corporación municipal. Todos os grupos municipais amosaron o seu apoio aos traballadores de Alcoa e apostaron pola continuidade da planta.