A Corporación municipal aprobou por unanimidade a ratificación de dous decretos para a subsanación de deficiencias no proxecto das obras de melloras no edificio da Escola de Musica situado en Aldea nova; a aprobación inicial da ordenanza xeral de subvencións; a creación do Consello Sectorial da Xuventude; e a compatibilidade de Iván Pablo Sanmartín Carreira, animador e preparador deportivo. Ademais, aprobouse por maioría a revisión do IPC, de xullo 2023 a xullo de 2024, relativo ao contrato de concesión da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira; e a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira. Tamén se aprobaron por unanimidade tres declaracións institucionais sobre o Día mundial da infancia 2024; o 25N - Dia Internacional para a eliminación da violencia contra a muller; e en solidariedade e apoio á veciñanza e aos Concellos afectados pola DANA. Por último, aprobouse por maioría unha moción política relativa á situación do idioma propio da Galiza e á adopción de medidas para a súa normalización. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
O pleno ordinario de novembro comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 337 decretos, do 3466 ao 3802. De seguido, a concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, deu conta da información periódica a render ao pleno correspondente ao terceiro trimestre do exercicio 2024. Durante este período destacou que o período medio de pago a provedores foi de 37,92 días.
Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordou foi a aprobación por unanimidade das actas correspondente á sesión ordinaria do mes de outubro, celebrada o pasado 6 de novembro, e do pleno extraordinario e urxente do pasado 18 de novembro.
De seguido, aprobouse por unanimidade a ratificación de dous decretos para a subsanación de deficiencias no proxecto das obras de melloras no edificio da Escola de Musica, situado en Aldea Nova (incluído no POS+ Adicional 2/2024). O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto dixo que “as correccións aprobadas a través de ambos decretos non teñen transcendencia algunha no deseño das obras, nin nas súas funcionalidades, nin no seu importe de execución”.
Ordenanza xeral de subvencións
Outro dos temas que se aprobaron por unanimidade foi a aprobación inicial da ordenanza xeral de subvencións. A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, explicou que “o Concello de Ames ten aprobado un plan estratéxico de subvencións, no que previamente se definen os obxectivos que se pretenden conseguir. Así mesmo o Concello dentro das bases de execución do orzamento regula o réxime de concesión de subvencións, non sendo este o medio xurídico mais adecuado, polo que se fai necesario a súa regulación a través dunha norma propia”.
Ademais engadiu “con esta finalidade a ordenanza regula aqueles apartados que precisan dun desenvolvemento regulamentario, non só pola esixencia legal de que as bases reguladoras se aproben a través dunha ordenanza xeral ou específica de cada modalidade, senón para conseguir maior seguridade xurídica, outorgándolle carácter normativo a aquelas prácticas e criterios seguidos por esta administración na aprobación das convocatorias, actos de concesión e formalización de convenios, xustificación e control das subvencións pagadas”.
Creación do Consello Sectorial da Xuventude
Co obxectivo de facer realidade o compromiso do Concello coa participación da cidadanía de xeito activo e transparente nos asuntos públicos, e tomando como referencia o Regulamento Orgánico de Participación Cidadá do Concello de Ames, a Concellería de Mocidade propuxo a creación do Consello Sectorial de Xuventude, como órgano de participación, na área municipal competente en materia de xuventude. Este punto tamén foi aprobado por unanimidade.
A concelleira de Mocidade, Carmen Porto, foi a encargada de explicar este punto. "O Concello de Ames é dos máis xóvenes de Galicia. Arredor do 25% da nosa poboación é xente comprendida entre os 12 e os 30 anos. Este goberno hai un ano aproximadamente creou os Clubs xuvenís para promover o asociacionismo xuvenil. Como concelleira de Mocidade creo que esta administración debe ir máis alá, por iso traemos hoxe este punto ao pleno, e xa lles anuncio que proximamente traeremos o regulamento deste Consello. A participación cidadá é unha ferramenta fundamental para propoñer ideas e implicar á poboación moza na toma de decisións, por iso debemos escoitar a nosa mocidade e atender as súas demandas e necesidades, xa que son un dos grandes valores deste concello".
Sobre este tema a voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo "a creación deste Consello é unha boa nova para que se lle de voz á mocidade, pero a nós gustaríanos que isto estivese algo mellor artellado, que tivésemos unha proposta máis elaborada encima da mesa. Cremos que hai que promover o asociacionismo, non só coa creación de clubs xuvenís, senón coa creación de asociacións. Sería desexable dispor de algunha asociación xuvenil porque na actualidade non hai ningunha. Cremos que tamén debería de vir ao pleno o borrador de regulamento, porque non ten moita lóxica crear este Consello sen o correspondente regulamento. Este é un paso máis e agardemos que pronto poidamos dispor do regulamento e de asociacións xuvenís".
A voceira do BNG, Escarlata Pampín, destacou "agardamos que a creación deste Consello serva para incrementar a implicación dos mozos e das mozas na gobernabilidade e toma de decisións, tanto nos asuntos propios como no conxunto das políticas do Concello. A poboación moza de Ames é un dos grandes activos que posúe o noso concello. Por iso parécenos importante que unha vez creado este Consello sectorial da Xuventude se promova o asociacionismo entre a poboación máis nova. É preciso buscar fórmulas para a captación de persoa mozas que poidan representar á mocidade neste Consello. Tamén cremos que se debe aproveitar para incluír neste Consello a persoal municipal experto en diferentes temáticas que poidan ser de interese para a mocidade, de xeito que sexa un órgano o máis transversal posible. Abriríase a posibilidade de tratar temas importantes para a nosa mocidade como son a igualdade, saúde mental, emprego, acceso á vivenda, etc".
Por outra banda, o concelleiro do Partido Popular, Pablo Beiroa, explicou que "a día de hoxe non hai ningunha asociación de carácter xuvenil, pero entendemos que se traballará por parte do Concello para que se creen asociacións xuvenís, senón este Consello non ten opción ningunha. É importante poñer en valor á xuventude do noso concello. Ames é o concello máis novo de Galicia, por tanto a súa mocidade ten que ter voz nos órganos que serven para que os órganos decisorios, como pode ser este Pleno, sexan escoitados".
Compatibilidade do animador preparador deportivo
Outro dos temas aprobados por unanimidade foi a solicitude de compatibilidade de Iván Pablo Sanmartín Carreira, axudante preparador deportivo do Concello de Ames. O pasado 19 de xullo de 2024 solicitou que lle sexa concedida autorización para compatibilizar o seu posto na Administración local co desempeño de actividades privadas de carácter profesional. Concretamente compatibilizar o seu posto co de presidente da Federación Galega de Atletismo.
Centro deportivo municipal A Telleira
Por outra banda, abordáronse dous temas relacionados co centro deportivo municipal A Telleira. O primeiro foi a revisión do IPC, de xullo 2023 a xullo de 2024, relativo ao contrato de concesión da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira, que ascende ao 3,1%. Este punto foi aprobado cos votos a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, Partido Popular e Espazo Común. Os/as edís do BNG abstivéronse neste punto, segundo indicaron debido aos incumprimentos da empresa concesionaria na prestación dos servizos que ofrece e polo incumprimento no uso da lingua galega.
Tamén se abordou a aprobación inicial da modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira. A finalidade desta modificación foi a aplicación do IPC acumulado galego de xullo 2023 - xullo 2024, que ascende ao 3,1%, en cumprimento do previsto na cláusula 22 dos pregos de licitación que forman parte do contrato asinado. Este punto tamén foi aprobado cos votos a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, Partido Popular e Espazo Común. Os/as edís do BNG abstivéronse, polo mesmo motivo que no punto anterior.
Declaracións institucionais e mocións políticas
Ademais, aprobáronse por unanimidade tres declaracións institucionais: a primeira presentada polo grupo municipal de Espazo Común sobre o Día mundial da infancia 2024; a segunda presentada polo grupo municipal socialista sobre o 25N - Dia Internacional para a eliminación da violencia contra a muller; e a terceira, tamén presentada polo grupo municipal socialista, en solidariedade e apoio á veciñanza e aos Concellos afectados pola DANA.
Moción política sobre a situación da lingua galega
Por último, debateuse unha moción política, do grupo municipal BNG, relativa á situación do idioma propio da Galiza e á adopción de medidas para a súa normalización. Este punto saíu adiante co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do BNG, PSdeG-PSOE, e Espazo Común. Os concelleiros e concelleiras do Partido Popular abstivéronse.
Deste xeito, acordouse a través de dita moción, reafirmarse na defensa da lingua galega, patrimonio colectivo de incalculábel valor, e no seu dereito inalienábel a ser coñecida e usada pola poboación en calquera circunstancia e lugar, sen discriminación de ningún tipo. Ademais, o Concello revisará a súa actuación en materia lingüística e a adaptará ao previsto legalmente, tendo en conta a súa condición de “lingua propia de Galiza” (Estatuto de Autonomía, artigo 5), e o establecido nos preceptos aprobados por unanimidade das forzas políticas: Lei de Normalización Lingüística (1983), e Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004) e na propia Ordenanza de Impulso do Uso do Galego no Concello de Ames (2006).
Por outra banda, o Pleno do Concello acorda adherirse á Plataforma Queremos Galego, entidade social ampla conformada por colectivos de diferentes ámbitos e por persoas a título individual, que nace da vontade de articular unha ampla resposta popular a prol da lingua propia do noso pobo, o galego; de defensa e afirmación dos usos públicos e dereitos lingüísticos xa garantidos pola actual lexislación; e de progresiva normalización naqueles espazos onde o idioma de noso non goza aínda da presenza desexada. En coherencia con esa decisión, o Concello apoiará activamente as iniciativas socias promovidas desde esta Plataforma. Por último, acordouse trasladar este acordo plenario ao Parlamento da Galiza, Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude, e á Plataforma Queremos Galego.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Unanimidad en Ames para crear el Consello Sectorial da Xuventude"