Solapas principales

O Pleno aproba por unanimidade a modificación do plan estratéxico de subvencións para introducir novas liñas de axudas

Viernes, 26 de abril de 2024

A Corporación municipal aprobou por unanimidade a terceira modificación do plan estratéxico de subvencións e mailo inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz substituto/a do Concello de Ames. Tamén se aprobou por unanimidade a ratificación de tres decretos da Alcaldía para a subsanación de deficiencias de proxectos de obras incluídas no POS+ 2024 (obras de seguridade viaria dende o Mercuto a Vilar; obras da senda de A Ponte Maceira a Carballo; e obras de humanización da praza da Curuxa) e outro decreto sobre a corrección dun erro material no POS+ Adicional 1/2024. Ademais, deuse conta da renuncia ao cargo de concelleiro de David Santomil. Por último, aprobáronse dúas mocións políticas, unha moción do Partido Popular de Ames sobre a normativa dos galiñeiros de autoconsumo, e outra do BNG de Ames sobre o rexeitamento do proxecto da fábrica de celulosa Altri. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

O pleno ordinario de abril comezou co alcalde dando conta da entrega a cada un/unha dos concelleiros/as dun exemplar do libro que recolle os traballos premiados no XX Certame Literario Concello de Ames. Ademais, dende o grupo municipal do BNG de Ames repartiron caraveis entre os/as edís da Corporación con motivo do 50 aniversario da Revolución dos Caraveis portuguesa.   
 
De seguido, o rexedor municipal deu conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. A continuación aprobáronse por unanimidade as actas correspondentes á sesión ordinaria do mes de marzo e ao pleno de debate do estado do pasado 17 de abril.

A continuación aprobouse por unanimidade a ratificación de tres decretos da Alcaldía para a subsanación de deficiencias de proxectos de obras incluídas no POS+ 2024 (obras de seguridade viaria dende o Mercuto a Vilar; obras da senda de A Ponte Maceira a Carballo; e obras de humanización da praza da Curuxa). Segundo explicou o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, o Concello recibiu a comunicación dos servizos técnicos da Deputación da Coruña indicando a necesidade de corrixir cuestións de índole técnico, que non teñen transcendencia algunha no deseño das obras, nin nas funcionalidades das mesmas, nin no seu orzamento de execución.

Tamén se aprobou por unanimidade a ratificación dun decreto da Alcaldía sobre a corrección dun erro material no POS+ Adicional 1/2024. A concelleira de Benestar Social, Uxía García, dixo que existe un erro no subtotal de gastos correntes así como na suma do gasto total. Por razóns de urxencia a corrección do erro material detectado realizouse a través de decreto da Alcaldía.

Elección de xuíz/a de paz substituto/a
Por outra banda, aprobouse por unanimidade o inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz substituto/a do Concello de Ames. O concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, explicou que o pasado 27 de marzo recibiuse comunicación da Secretaría de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na que participaba a vacante no posto de xuíz/a de paz substituto/a como consecuencia de que a xuíza de paz substituta fora nomeada xuíza de paz titular.

Deste xeito, houbo que aprobar a convocatoria e as bases para a elección de xuíz/a de paz substituto/a. Examinadas as solicitudes presentadas procederase polo Pleno, por maioría absoluta, á elección de xuíz/a de paz substituto/a do Concello de Ames, propoñendo o seu nomeamento ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Terceira modificación do plan estratéxico de subvencións
Outro dos temas aprobados por unanimidade foi a terceira modificación do plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames co obxectivo de introducir novas liñas de axudas e reconfigurar outras vixentes, tras a entrada en vigor do Orzamento do Concello de Ames para o exercicio 2024.

A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, explicou que se van minorar os importes para as anualidade 2024/2025 da subvención destinada á Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil de Ames, que pasará a ser de 7.000 euros ao ano.

Ademais, inclúese de novo no plan a liña de axudas para a promoción de medidas preventivas mediante a plantación de frondosas caducifolias na rede de franxas secundarias de xestión de biomasa, para o desenvolvemento do Plan de plantación para o período 2024/2025. Esta liña de axudas estará dotada de 13.000 euros ao ano.

Vaise incrementar en 60.000 euros o importe das axudas de emerxencia social e renda social municipal ante a crecente demanda no exercicio 2023 destas axudas. Pásase dos 100.000 euros de 2023 aos 160.000 euros orzamentados para 2024. Tamén se regulariza o importe previsto para as axudas ás ANPAS (no exercicio 2024 e 2025 consignouse un importe de 40.000 euros, ao igual que no exercicio 2023. Para os anos 2024 e 2025 dedicarase un importe de 20.000 euros ao ano).

Na área de cultura recóllense as axudas en especie destinadas a asociación culturais ou veciñais e comisións de festas, que realicen actividades orientadas á dinamización sociocultural existentes no concello de Ames. O importe previsto no orzamento para ditas actuacións ascende a 24.000 euros. As asociacións e comisións poderán solicitarlle ao Concello, dentro da convocatoria establecida ao efecto, actuacións para determinadas actividades. O Concello previamente abrirá un prazo de inscrición para todos os grupos de música tradicional e corais non profesionais do concello de Ames fixando os importes de cada actuación. As asociación culturais ou veciñais e comisións de festas poderán solicitar actuacións dos grupos inscritos para as súas actividades.

Na área de deportes introdúcese unha nova liña de axudas por importe de 10.000 euros para os exercicios 2024/2025. Estas axudas articularanse a través de bolsa que pretenden apoiar aos/as deportistas individuais de Ames, como medio para promover o deporte do municipio e, desta forma, conseguir logros deportivos para o Concello.

Na área de promoción económica introdúcese a liña de premios destinados á promoción do comercio por importe de 5.000 euros (Canta e Baila con Ames), e a liña de premios de decoración de escaparates de Samaín por importe de 2.000 euros. Trasládase a anualidades as axudas para aceleración de proxectos audiovisuais que busca impulsar a produción e fomento do talento emerxente dinamizando o sector audiovisual (Ames AV-LAB), ao exercicio 2024, cun importe de 70.000 euros.

Sobre este punto a concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, aludiu á falta de rigorosidade na elaboración do plan de subvencións “xa que imos pola terceira modificación”. Tamén lle achacou ao goberno “falta de planificación e improvisación. Congratulámonos pola suba no importe das axudas de emerxencia social e renda municipal básica e pola incorporación dunha nova liña de axudas de deportistas individuais, non tanto así pola minoración das axudas existentes como as de Protección Civil e por seguir creando liñas de premios coa escusa de promocionar o comercio en lugar de optar por axudas directas ao pequeno comercio”.

Por parte do BNG, Rosalía Seijas, dixo “é certo que de cara a 2024 hai un incremento no importe das axudas de emerxencia social e renda social municipal, pero respecto do período 2020-2022 existe unha diminución no sumatorio total, que pasa de 530.000 euros aos 420.000 euros incluídos neste plan. Respecto das axudas en especie destinadas a asociación culturais ou veciñais e comisións de festas faise unha regularización no xeito de concesión de ditas axudas. Dende o BNG agardamos que non se reduza a contía que se lle dá as comisións de festas”.

Dende o grupo municipal popular anunciaron o seu voto favorable neste punto.

A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, explicou que a redución do importe dedicado ás axudas de emerxencia social e renda social municipal é inferior debido a que se están concedendo menos axudas e por iso se reduciu o importe.

Por último, o alcalde explicou que se vai facer un cambio na concesión das axudas.“Este ano o que se vai facer é convocar as subvencións, que se presenten as solicitudes, resolvelas cara finais do primeiro semestre deste ano, e unha vez resoltas darlle  a posibilidade ás asociacións para que poidan pedir un anticipo, por valor da metade da axuda, para que poidan ter liquidez durante o que resta de ano, e despois presentar a xustificación no mes de xaneiro, para aboarlles a outra metade restante unha vez feita a liquidación”.

Renuncia ao cargo de concelleiro de David Santomil
A continuación, o concelleiro do grupo municipal do BNG, David Santomil, deu conta da súa renuncia como concelleiro da Corporación municipal. Santomil dixo “foi un verdadeiro pracer. Incorporeime  por primeira vez a unha candidatura no ano 2003. Hoxe péchase un ciclo moi importante da miña, entre as dúas etapas nas que fun concelleiro desta Corporación. Quero desexarvos o mellor. Sei das dificultades de estar na política local, no que se refire á dedicación persoal, que é precisamente o que quero recuperar. Queda un equipo moi rodado e consolidado no BNG. Agradecer tamén a presenza de Isabel Vaquero, que foi compañeira de batallas en 2015, nun momento no que a situación era complicada para o BNG. Penso que o fixemos ben nesa primeira etapa de goberno, con erros seguramente, pero ese traballo veuse reforzado en 2019. Agora toca poñerme a un lado para que o proxecto siga avanzando con Escarlata Pampín como nova voceira do grupo municipal”.

A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “esta Corporación perde un gran compañeiro co que iniciamos unha andaina no 2015. Es unha persoa que sempre tiveches a man tendida e cun sorriso. Sorte na recuperación da túa vida persoal e familiar”.

A voceira do grupo municipal popular, Oliva Agra, dixo “foi un pracer coincidir contigo, tanto cando estiveches no goberno como agora na oposición. Aínda que ideoloxicamente estamos moi distanciados, a relación que mantivemos sempre foi moi cordial e amable, que é algo moi de agradecer. Desfruta moito da túa familia e dos teus amigos, de aquelo que por estar en política e non dispor de tempo suficiente, non puideches facer nos últimos anos. Que che vaia todo moi ben”.

O voceiro do grupo municipal socialista, Víctor Fernández, destacou de David “o seu compromiso político con Ames. Sempre tivo unha vocación social de facer un Ames mellor. É unha persoa con vocación de servizo, disposto ao diálogo e próxima no persoal. Son características que definen a unha persoa e maila súa forma de facer política. Creo que é algo que gardaremos de recordo del. Deséxoche o mellor a nivel persoal e profesional”.

A concelleira do BNG, Natividade González, dixo “fai 9 anos que ti e eu nos coñecemos, e coincidimos nunha campaña electoral, a primeira de moitas outras, e dende entón establecemos un vínculo persoal, político e profesional, que creo con firmeza que vai durar toda a vida. Ao teu lado vimos medrar o BNG de Ames. No BNG o protagonismo non esta centrado nunca nunha única persoa, pero non cabe dúbida, que ti fuches durante estes 8 anos a persoa que liderou este proxecto, fuches o noso motor, fuches quen de facer equipo, de transmitir como ninguén ese eterno optimismo, o bo carácter, a man tendida sempre, a pesar das moitas contradicións, das decepcións, das traizóns, sempre ese xesto, tan conciliador, de esperanza”.

Natividade González engadiu “deixas moita impronta neste concello, agora Ames é un sitio mellor, con máis infraestruturas educativas, con mellores programas de conciliación, demostraches que a política pode ser un espazo de servizo desinteresado, onde se prioriza o ben común por encima dos intereses particulares. A pesar de que te retiras da política activa, sabemos que o teu compromiso seguirá presente en cada unha das accións que desempeñes. Gracias, compañeiro, polo teu legado e polo teu exemplo”.

Pechou a quenda de intervencións o alcalde, Blas García, que incidiu en que “compartimos oito anos de goberno nos que tivemos unha relación fluída. Considero que os dous mandatos que compartimos fomos unha familia. Pasamos momentos complicados. Creo que fuches unha persoa, que como concelleiro, nalgúns momentos non fuches ben tratado, onde se che atacou por motivos non xustificados. Creo que é importante defender o legado que deixas. Traballaches con honestidade. Debemos defender a túa figura de político, de persoa dialogante e que sabes escoitar. Tes toda a miña gratitude, afecto e respecto, como persoa e sobre todo como político”.

Apartado de moción
Por último, tratáronse dúas mocións políticas, unha moción do Partido Popular de Ames sobre a normativa dos galiñeiros de autoconsumo, e outra do BNG de Ames sobre o rexeitamento do proxecto da fábrica de celulosa Altri.

O Partido Popular de Ames presentou unha moción sobre a normativa dos galiñeiros de autoconsumo na que se solicita que se leve a cabo unha campaña de información no Concello de Ames dando a coñecer o contido do Real Decreto 637/2021, de 27 de xullo, polo que se establecen as normas básicas de ordenación das granxas avícolas, e en especial, en canto ao réxime de obrigas das explotacións reducidas (galiñeiros de autoconsumo).

Ademais, solicitouse prestar asesoramento dende a Concellaría de Medio Ambiente a todos aqueles veciños e veciñas que teñan a necesidade de rexistrar as súas explotacións reducidas no Rexistro Xeral de explotacións gandeiras, axudándolles a cumprimentar o modelo normalizado para o seu rexistro e indicándolles a posibilidade de realizar o seu rexistro na oficina en materia de rexistro do Concello de Ames, dada a súa integración no Sistema de interconexión de Rexistros. Dita moción foi aprobada co voto a favor dos concelleiros/as do Partido Popular, BNG e Espazo Común. Os concelleiros/as do grupo municipal socialista abstivéronse.

Por outra banda, o grupo municipal do BNG presentou por vía de urxencia unha moción sobre o rexeitamento do proxecto da fábrica de celulosa Altri. En dita moción solicítase que o Pleno do Concello manifeste o seu rexeitamento á instalación desta empresa pasteira que, a maiores dos danos previsibles para as persoas e o medio ambiente, pretende recibir uns 250 millóns de euros de fondos públicos para ser viable. Tamén se insta á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a paralización deste proxecto, dentro das súas respectivas competencias. Esta moción foi aprobada co voto a favor dos concelleiros/as do BNG, PSdeG-PSOE e Espazo Común. Os concelleiros/as do grupo municipal popular votaron en contra.

Punto de atención turística do Concello de Ames
Unha vez rematado o pleno, un veciño do Milladoiro e estudante de Turismo, Juan Tomás Fernández, interviu para formular unha pregunta sobre o punto de atención turística do Concello de Ames, situado na avenida de Muíño Vello, no Milladoiro. A proposta deste veciño do Milladoiro foi instalar dito punto de atención turística na Travesía do Porto, por onde discorre o camiño Portugués, para que este máis visible para os/as peregrinos que pasan polo Milladoiro.

O rexedor municipal dixo que este ano non se vai poder cambiar a localización do punto de atención turística do Concello de Ames. Tratarase de que estea mellor sinalizado e de que abra durante máis tempo que o pasado ano. Ademais, engadiu que unha vez rematen as obras de ampliación da Casa da Cultura do Milladoiro, estudarase a opción de instalar este punto de información turística nas instalación da Casa da Cultura xa que é lugar moi concorrido polos peregrinos/as.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames reconfigura as subvencións, despide a Santomil e axudará tamén a inscribir galiñeiros"

Lindeiros: "Ames di non a Altri e si aos galiñeiros"

O Pleno aproba por unanimidade a modificación do plan estratéxico de subvencións para introducir novas liñas de axudas

Multimedia

  • O Pleno aproba por unanimidade a modificación do plan estratéxico de subvencións para introducir novas liñas de axudas
  • O Pleno aproba por unanimidade a modificación do plan estratéxico de subvencións para introducir novas liñas de axudas
  • O Pleno aproba por unanimidade a modificación do plan estratéxico de subvencións para introducir novas liñas de axudas
  • O Pleno aproba por unanimidade a modificación do plan estratéxico de subvencións para introducir novas liñas de axudas
  • O Pleno aproba por unanimidade a modificación do plan estratéxico de subvencións para introducir novas liñas de axudas
  • O Pleno aproba por unanimidade a modificación do plan estratéxico de subvencións para introducir novas liñas de axudas
  • O Pleno aproba por unanimidade a modificación do plan estratéxico de subvencións para introducir novas liñas de axudas
  • O Pleno aproba por unanimidade a modificación do plan estratéxico de subvencións para introducir novas liñas de axudas