- Tematica
Este xoves, 30 de xuño, celebrouse o pleno ordinario correspondente a este mes de xuño. En dita sesión plenaria a Corporación municipal aprobou por unanimidade todos os puntos recollidos na orde do día. Deste xeito aprobouse a regulación do horario de apertura e peche de terrazas, o regulamento das instalacións deportivas municipais e escolas deportivas municipais, o regulamento de uso e funcionamento das instalacións culturais, a aprobación inicial da Ordenanza num.1 reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira, a revisión do prezo do contrato de concesión da xestión e mantemento da Telleira e a aprobación do suplemento de crédito 2/2022. Por último, o Pleno aprobou unha moción presentada polo Grupo Municipal Socialista.
O pleno ordinario do mes de xuño comezou co alcalde dando conta á Corporación Municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Seguidamente e no apartado de deliberación e acordo aprobouse por unanimidade a acta do pleno ordinario do mes de maio. A continuación, e tamén por unanimidade ratificáranse sete decretos de alcaldía de subsanación de deficiencias na redacción do proxecto de ampliación da Casa da Cultura do Milladoiro, de reparación da cuberta do pavillón municipal de Bertamiráns e de rexeneración de espazos deportivos do campo de fútbol de Ortoño. Son tres proxectos incluídos no POS + 2022, aprobados no pleno extraordinario celebrado o 10 de febreiro de 2022 e nos que Deputación da Coruña detectou varias deficiencias. Trátase de cuestións menores que non afectan ao deseño da obra, nin as súas funcionalidades nin ao importe polo que se procedeu a subsanar as deficiencias de índole formal indicadas polos técnicas da Deputación Provincial e que agora volven ao Pleno para seren ratificados polo Pleno da Corporación.
Autorización de compatibilidade
Por outra banda, debateuse a aprobación dunha autorización de compatibilidade para catro traballadores do Concello de Ames que solicitaron compatibilizar o seu posto na Administración co desempeño de actividades privadas de carácter profesional. Cuestión que foi aprobada por unanimidade polo Pleno da Corporación Municipal.
Horario de apertura e peche das terrazas
O Pleno do Concello de Ames aprobou por unanimidade o horario de apertura e peche de terrazas no Concello de Ames. Este horario é froito do acordo ao que chegaron o Goberno Municipal e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e a Asociación Empresarial da Restauración, Aloxamento e Turismo de Compostela e Comarcas “Hostalaria.Gal”.
Este acordo establece que o horario de apertura todos os días do ano será ás 9.00 horas. O horario de peche será diferente segundo a temporada. Na temporada 1, de outubro a marzo, pecharase as 00:00h de domingo a xoves, e a 01:00h os venres, sábados e vésperas de festivo. Na temporada 2, de abril a setembro, as terrazas pecharán a 01:00h de domingo a xoves, e ás 2.00h os venres, sábados e vésperas de festivo.
O concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral, Víctor Fernández, quixo agradecer o voto favorable de todos os grupos políticos e destacou “esta é unha proposta xenerosa que amplía o horario de uso das terrazas en media hora pero coa que queremos conciliar os intereses dos hostaleiros e os dos veciños e veciñas”. E engadiu “con esta regulación preténdese, ademais, impulsar a legalización das terrazas e axilizar dito trámite para acadar unha unificación do sector hostaleiro de Ames”.
O concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, aproveitou a súa quenda de palabra para anunciar o seu apoio ao regulamento. “O novo horario de apertura e peche de terrazas foi consensuado coas distintas asociacións implicadas polo que dende Ciudadanos imos apoiar os novos horarios”.
O concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, manifestou “trátase dunha proposta bastante xenerosa pois o hostaleiro foi un sector prexudicado pola COVID e estou ao favor de que se apoie pero pido que se teñan en conta dúas consideracións: que se compatibilice a nova normativa coa convivencia cidadá, sobre todo, en materia de ruídos e que se axilicen os trámites para regularizar as terrazas”.
A concelleira do Partido Popular, Oliva Agra, empregou a súa quenda de intervencións para adiantar o seu voto favorable.
Instalacións deportivas municipais e escolas deportivas
No pleno ordinario tamén se debateu a aprobación inicial do Regulamento de instalacións deportivas municipais e escolas deportivas municipais do Concello de Ames. Dado que o concello carece dun regulamento de instalacións deportivas municipais e escolas deportivas a concelleira de Deportes, Susana Señorís, presentou dito regulamento para ser aprobado pola Corporación Municipal.
O obxecto deste regulamento é ordenar a utilización das instalacións deportivas municipais para garantir un correcto uso das mesmas. Este regulamento engloba a utilización dos pavillóns polideportivos de Bertamiráns e do Milladoiro, dos campos de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro, das pistas deportivas de raqueta e das piscinas descubertas municipais. Son un total de 24 artigos nos que se regulan os dereitos e deberes dos usuarios, os horarios de uso, as taxas, as prohibicións, así como, as normas de mantemento e conservación entre outros. Este regulamento foi aprobado de xeito inicial por unanimidade de toda a Corporación.
Instalacións culturais
Unanimidade, tamén, de toda a Corporación para a aprobación inicial do Regulamento de uso e funcionamento das instalacións culturais dependentes do departamento de Cultura do Concello de Ames.
O regulamento ten por obxecto establecer as normas para o funcionamento e uso da Casa da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, do Pazo da Peregrina, dos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, A Tarroeira, Biduído, Covas, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tapia, Trasmonte e da escola unitaria de Agrón. O documento recolle os dereitos dos usuarios, as obrigas, os procedementos de uso, así como a posibilidade de realizar acordos de apoio á creación artística.
Centro Deportivo Municipal A Telleira
Tamén se debateu a aprobación inicial da modificación da Ordenanza num. 1 reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira do Concello de Ames. Dita ordenanza fixa os prezos de matrícula, abonos, cursos outros servizos e actividades que se prestan no Centro Deportivo Municipal A Telleira de Ames.
Esta modificación foi aprobada por unanimidade pola Corporación Municipal. Agora o acordo provisional ten que ser exposto ao público no taboleiro de edictos do Concello de Ames, no BOP e na páxina web municipal durante trinta días hábiles para que as persoas interesadas poidan examinar o expediente e formular alegacións.
O Pleno da Corporación Municipal aprobou, tamén, por unanimidade a revisión do prezo do contrato de concesión da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira. A concesión da xestión e mantemento do Centro Deportivo Municipal A Telleira foi adxudicada en sesión plenaria de 27 de febreiro de 2006, á entidade Serviocio Cultura Deporte y Recreación SL. Dende 2006 realizáronse cinco actualizacións do prezo do contrato actualizando as tarifas mediante a modificación da correspondente ordenanza reguladora. Con esta nova actualización do prezo o incremento ascende ao 5,7%.
Suplemento de crédito
Ademais, aprobouse por unanimidade o suplemento de crédito 2/2022 por valor de 374.061,50 euros para a construción do Centro Multifuncional de Lecer, Cultura e Promoción Económica dirixido á mocidade e a persoas en risco de exclusión social.
A empresa adxudicataria da obra, TUUNGOO ARQUITECTOS AIE, detectou un incremento substancial do orzamento de execución material con respecto ao orzamento establecido na convocatoria do concurso de ideas do ano 2020. Devandito incremento responde á situación económica actual de subida exponencial de prezos na construción, materias primas, man de obra e transporte, así como aos incrementos continuados na inflación, producidos por diferentes factores nacionais e internacionais.
Para poder levar a cabo a obra e rematala en tempo é necesario suplementar o crédito co obxecto de que os prezos se axusten ao mercado. Para estas actuacións urxentes e inaprazables proponse empregar o remanente líquido para gastos xerais cun suplemento de crédito por un importe de 374.061,50 euros.
Moción do Grupo Municipal Socialista
Por último, debateuse unha moción presentada polo Grupo Municipal Socialista en que se insta á Xunta de Galicia a compensar os gastos asumidos polos concellos na desinfección e limpezas dos centros escolares como consecuencia da COVID-19, a incrementar a dotación económica para os investimentos destinados á realización de obras nos centros educativos, a incrementar o número de docentes das especialidades de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, a dar maior cobertura ás baixas médicas dos docentes, a reconducir e mellorar a xestión do transporte escolar e a dotar aos centros de persoal técnico informático para o mantemento dos equipos dixitais.
Esta moción foi aprobada tras un intenso debate cos votos a favor do grupo de Goberno e Ames Novo, coa abstención de Ciudadanos e o voto en contra do Partido Popular.
Novas relacionadas:
AMSGO!: "Unanimidade sobre o horario de apertura e peche de terrazas"
Lindeiros: "Pleno de ordenanzas en Ames"