- Tematica
Este xoves, 29 de setembro, celebrouse o pleno ordinario correspondente a este mes de setembro. En dita sesión plenaria a Corporación municipal aprobou por unanimidade todos os puntos abordados. Deste xeito aprobouse un suplemento de crédito, por importe de 1.546.120,20 euros, financiado con remanente de tesourería para gastos xerais. Tamén se aprobou por unanimidade a primeira modificación do Plan de medidas antifraude; a primeira prórroga do convenio de colaboración entres os Concello de Ames e Teo para a xestión compartida do servizo de atención temperá; a participación do Concello de Ames na segunda fase do POS+ Adicional de 2022; o regulamento de funcionamento do mercado de venda ambulante; e a ordenanza fiscal reguladora da taxa por instalación de postos en dito mercado. Ademais, presentáronse dúas mocións por vía de urxencia, que tamén foron aprobadas por unanimidade. Unha para solicitar unha subvención nominativa á Deputación da Coruña, coa finalidade de cofinanciar o proxecto "Ames AV-LAB Laboratorio”, para o impulso da nova produción audiovisual dende o Concello de Ames, e outra para financiar a parte que lle corresponde ao Concello deste proxecto.
O pleno comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende a última sesión plenaria aprobáronse 233 decretos que van do 2.761 ata o 2.993. No apartado de deliberación e acordo en primeiro lugar aprobouse por unanimidade a acta do pleno ordinario do pasado mes de agosto.
A continuación abordouse a primeira modificación do Plan de medidas antifraude do Concello de Ames que foi aprobado na sesión plenaria do 31 de maio de 2022. A concelleira de Transparencia, Vanessa Vidal, explicou que se modificou o apartado 4 sobre control interno. Anteriormente estipulábase a esixencia aos solicitantes, contratistas e subcontratistas de fondos do Mecanismo de Recuperación e Resilencia que adoptasen, de maneira previa, un plan de medidas antifraude. Esta esixencia implicaría restrinxir en certa medida a participación das pequenas e medianas empresas nos procesos de licitación e en especial daquelas que de forma predominante integran o tecido empresarial amesán. Co cal, suprimiuse esa esixencia para as PEMES e autónomos pero pódese esixir ás empresas que teñan capacidade de telo.
Tamén se modificou o apartado 7.1.3 do plan de medidas antifraude para estruturar de xeito máis claro os momentos exactos nos que se precisan as declaracións de ausencia de conflito de interese, tendo en conta que as mesmas se conteñen no plan coma unha das medidas para a prevención da fraude e o conflito de intereses é fundamental que os responsables da xestión e tramitación dos diferentes expedientes de contratación e subvencións teñan claro quen e en que momento cada un dos suxeitos que interveñen no expediente deben asinar a mesma.
Outro dos temas que se abordou foi a primeira prórroga do convenio de colaboración entre os Concellos de Ames e Teo para a xestión compartida do servizo de atención temperá. A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, explicou que dito convenio foi aprobado na sesión plenaria do 2 de setembro de 2021 para a posta en marcha do servizo de atención temperá que comezou a prestarse de xeito conxunto o 1 de novembro do pasado ano. Durante o primeiro ano de vixencia de dito servizo púxose de manifesto a gran demanda que está tendo entre a poboación do concello de Ames. Na actualidade estase atendendo a 33 nenos e nenas de 0 a 6 anos con necesidades especiais. Ademais, existe unha ampla lista de agarda polo que se está valorando a posibilidade de incrementar a oferta existente. Tralo correspondente debate o Pleno aprobou por unanimidade prorrogar por un prazo dun ano o convenio que se estenderá ata o 31 de outubro de 2023 e materializaríase nunha addenda.
Ademais, aprobouse por unanimidade a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concellos) POS+ Adicional 2/2022 (segunda fase da Deputación Provincial da Coruña). Segundo explicou o alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, no POS+ Adicional ao Concello de Ames correspóndenlle 946.000 euros. No pasado mes de febreiro aprobouse que esta contía se ía dedicar a catro obras, incluídas no plan complementario, e agora aprobouse que a contía de 169.000 euros se dedicará á revisión excepcional de prezos das obras que se van executar.
Mercado de venda ambulante
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, foi a encargada de expoñer o punto relacionado coa aprobación inicial do regulamento de funcionamento do mercado de venda ambulante do Concello de Ames. Segundo dixo Ana Belén Paz o anterior regulamento foi elaborado hai anos e é necesario dispoñer dun novo regulamento. Deste xeito, entre outros puntos, regúlase o horario do mercado ambulante tradicional que se realizará os sábados de cada semana, pola tarde, durante todo o ano, así como a creación dun novo mercado de produtos de horta e artesanía, que tamén se desenvolverá todos os sábados do ano, pola mañá de 10.00 a 14.00 horas, na praza da Maía, en Bertamiráns, durante todo o ano. Tamén se contempla o incremento de postos no mercado ambulante tradicional. Este punto tamén foi aprobado por unanimidade.
Ao mesmo tempo que se elaborou o novo regulamento realizouse unha nova ordenanza fiscal que regula a taxa de instalación de postos en dito mercado. Cómpre lembrar que no pleno do 29 de outubro de 2020 aprobouse a derogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por instalacións de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo, situados en terreo de uso público municipal, así como industrias na rúa e ambulantes do Concello de Ames. A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explicou que na nova ordenanza segue manténdose o mesmo prezo que hai que pagar por cada metro cadrado de ocupación do espazo público que é de 0,36 euros. Este punto saíu adiante por unanimidade.
Suplemento de crédito 3/2022
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, tamén foi a encargada de expoñer o seguinte punto da orde do día que foi a aprobación do suplemento de crédito 3/2022. Este punto foi aprobado por unanimidade de toda a Corporación municipal. Segundo dixo ao estar próximo o remate do exercicio é necesario dotar crédito por importe de 1.546.120,20 euros en partidas cuxo saldo é insuficiente. Dito crédito destinarase para gastos de investimentos, que ascenden a 616.179.06 euros, a maioría trátase de gastos realizados e que responden fundamentalmente ao mantemento de infraestruturas de servizos. Outros responden á necesidade de realizar reparacións en camiños, estradas, reparación de maquinaria en distintas instalacións ou compra de mobiliario (281.887,60 euros). Así mesmo dótase crédito por importe de 291.291,46 euros para exercer o dereito á compra dos locais do edificio multiusos de Aldea Nova, que é propiedade de Ruafer, e 43.000 euros para a obra de acceso Ventín - Paramuíño.
Dito suplemento de crédito tamén se destina a gastos correntes (903.734,70 euros) co obxecto de evitar que ao final de exercicio se rexistren gastos pendentes de imputar ao orzamento, producíndose demoras no pagamento das obrigas. Convén destacar o incremento de gasto derivados das limpezas extraordinarias e produtos de limpeza (86.500 euros), subministros eléctricos (223.088,79 euros) ou mantemento de instalacións (198.328,44 euros), monitoraxe de comedores e demais servizos de conciliación (188.000 euros).
A gastos de persoal destínanse 26.206,24 euros para a contratación por programa dun técnico de administración xeral, para posta en marcha dos procesos de estabilización, e dun asesor xurídico de urbanismo, tamén contratado por programa, para o deseño e posta en marcha de procedementos para a tramitación electrónica de licenzas de obra, comunicacións previas, etc. Dito importe é para os custes de ambos programas dende outubro a decembro de 2022. A necesidade de efectuar esta modificación é consecuencia da necesidade de dar cobertura a gastos para que rematado o exercicio non se atopen pendentes de aplicar ao orzamento, e non condicionen o período medio de pago, polo que non é posible demorar a súa aprobación a 2023.
Ames AV-LAB Laboratorio
Por último, abordáronse dúas mocións por vía de urxencia, que tamén foron aprobadas por unanimidade. Unha para solicitar unha subvención nominativa á Deputación da Coruña, coa finalidade de cofinanciar o proxecto "Ames AV-LAB Laboratorio”, para o impulso da nova produción audiovisual dende o Concello de Ames, e outra para financiar a parte que lle corresponde ao Concello deste proxecto.
Segundo explicou a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, o Concello de Ames tramitou unha solicitude de subvención do proxecto NEXT AV LAB, conforme á Resolución da Dirección Xeral do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais pola que se convocaron axudas correspondentes ao ano 2022, para laboratorios e incubadoras de creación e desenvolvemento de proxectos audiovisuais a celebrarse en 2022 e 2023. Este proxecto estaba incluído dentro dos que poderían ser financiados co programa “Ames Progresa”, cun orzamento de 60.000 euros de achega municipal e un orzamento total 300.000 euros.
Finalmente, a solicitude de subvención do proxecto presentado polo Concello de Ames non foi estimada por esgotarse a liña de crédito, aínda que contaba coa valoración mínima de 50 puntos esixida na convocatoria. O feito de que o proxecto presentado tivese a maior puntuación de entre os proxectos presentados polos Concellos do Estado, motivou a reordenación do importe do orzamento do proxecto e así axustouse para tratar de que fose cofinanciado pola Deputación de A Coruña.
Deste xeito, o Pleno aprobou por unanimidade solicitar unha axuda da Deputación Provincial da Coruña, e a súa colaboración económica no financiamento do proxecto “Ames AV LAB Laboratorio” para o impulso da nova produción audiovisual dende o Concello de Ames, a través dun convenio de colaboración, cunha porcentaxe do 80% que ascende a 160.000 euros. A achega municipal será do 20% restante cunha contía de 40.000 euros. Dita contía será financiada a través do suplemento de crédito 4/2022 que tamén foi aprobado por unanimidade.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Pleno de consensos con la creación de un laboratorio para impulsar el audiovisual"
AMSGO!: "Aprobado por unanimidade do Pleno un suplemento de crédito de millón e medio de euros en Ames"