Solapas principales

O Pleno aproba a prórroga do contrato do ciclo integral da auga ata abril de 2024

Viernes, 30 de diciembre de 2022

Este xoves, 29 de decembro, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de decembro de 2022. En dita sesión plenaria a Corporación municipal aprobou por maioría absoluta a prórroga do contrato do ciclo integral da auga, por un período de 16 meses, ata o 30 de abril de 2024. Ademais, aprobouse por unanimidade a resolución de alegacións e aprobación definitiva da modificación do regulamento de funcionamento do mercado de venda ambulante do Concello de Ames e a ratificación do decreto de Alcaldía sobre a ampliación da prórroga do convenio do servizo de atención temperá. Premendo nesta ligazón podes ver a gravación do pleno ordinario de decembro.

O pleno comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía. Dende a última sesión plenaria aprobáronse 495 decretos. A continuación aprobáronse por unanimidade as actas do pleno ordinario do pasado mes de novembro, así como dos plenos extraordinarios celebrados o 29 de novembro e mailo 21 de decembro.

O punto que máis debate creou no pleno ordinario de decembro foi a continuidade da prestación do servizo do Ciclo Integral da Auga (CIA) pola actual concesionaria Espina & Delfín a partir do 31 de decembro de 2022. O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, foi o encargado por parte do Goberno municipal de expoñer este punto. Este asunto foi aprobado co voto a favor dos/as 13 concelleiros/as do grupo de goberno, mentres que os 7 edís da oposición, pertencentes ao grupo do Partido Popular e do grupo mixto (José Ramón Oulego de Ciudadanos e Quique Costas de Ames Novo), votaron en contra.

O alcalde explicou “hai un ano o 28 de decembro de 2021 trouxemos ao pleno a prórroga da xestión do ciclo integral da auga coa empresa Espina & Delfín, e coas mesmas condicións que tiña en 2017 que foi cando se asinou dito contrato. En dito pleno aprobouse unha prórroga dun ano para ir traballando para o cambio de xestión de dito servizo por parte dunha empresa municipal. Chegado o final de 2022 debido a que non se puideron rematar as xestións para a creación de dita empresa municipal, proponse unha nova prórroga de 16 meses ata o 30 de abril de 2024”.

Intervención dos partidos da oposición
Por parte da oposición, o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, destacou que “o ciclo integral da auga é un servizo básico e como tal non se pode interromper. En decembro de 2021 abstivémonos a pesar de que non estábamos de acordo coa fórmula que se estaba empregando para continuar prestando este servizo, pero nesta ocasión vamos a votar en contra porque entre a prórroga do ano pasado e esta estamos a falar dunha prórroga de 28 meses e consideramos que é suficientemente longa como para sacar este servizo a licitación, en cando non se remata o proceso de creación da empresa municipal da auga”.

O concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, mostrou o seu enfado co Goberno municipal por volver a prorrogar dito servizo e díxolles que tiñan escaso interese en municipalizar o servizo da auga. “A creación da empresa municipal da auga é un asunto que esta recollido no acordo de goberno asinado con vostedes no ano 2015. Estamos en decembro de 2022 e necesitades 16 meses máis porque non vos deu tempo ou porque este tema non foi unha prioridade para este goberno. Non sei a convicción que tedes para municipalizar este servizo, pero présa creo que non tedes ningunha. Despois de sete anos traedes unha nova prórroga a este pleno, polo que non me parece que xestionarades ben este tema”.

Ademais, engadiu en que “o problema está en que comezastes a xestionar este tema hai 18 meses, en xuño de 2021, pero nese momento levabades gobernando 6 anos. Gañas de municipalizar o servizo da auga teredes, pero présa está claro que non. Durante o primeiro mandato de 2015 a 2019, sobre este tema non fixestes nada, e tiveron que pasar dous anos do segundo mandato, de 2019 a 2021, para que comezarades a traballar na municipalización da auga, polo que o meu voto vai ser en contra de aprobar unha nova prórroga”.

O concelleiro do Partido Popular de Ames, Javier Olmo, dixo “o que se pode sacar en claro é que este goberno é incapaz de xestionar de forma directa este servizo e non será por falta de medios económicos e asesoramento. Sabedes perfectamente que o contrato está vencido e que esta situación non se pode alongar de maneira indefinida no tempo e que hai que acabar con esta situación no prazo máis breve posible. Sumando todas as prórrogas o servizo levará 48 meses prestados sen cobertura contractual. O servizo puido licitarse como se fixo inicialmente por un período de dous anos e outros dous anos de prórroga. Polo que entendemos que o que deberían poñer encima da mesa é a licitación do servizo, mentres vostedes sexan incapaces de asumir a xestión directa de dito servizo”.

Resposta do Goberno municipal
O alcalde, Blas García, explicou os traballos feitos ata a actualidade. “No pleno do 30 de xuño de 2021 chegouse a un acordo para determinar a forma máis eficiente e sostible do ciclo integral da auga. Despois constituíuse a comisión de elaboración da memoria xustificativa, que se reuniu durante varios meses. Dita memoria estivo en exposición pública ata o mes de outubro der 2021. En novembro de 2021 dita memoria foi valorada pola comisión. No ano 2022, o 18 de febreiro, por importe de 15.600 euros, adxudicouse o contrato do servizo de asesoramento xurídico e técnico para a implantación da forma de xestión e creación dunha entidade pública municipal. O 18 de febreiro tamén se adxudicou o contrato de servizos de asistencia técnica para a posta en marcha de dita entidade pública para a xestión do ciclo integral da auga, por un importe de 13.000 euros”.

O rexedor municipal engadiu “ao longo dos últimos meses houbo varias xuntanzas cos técnicos e cos responsables da empresa onde se solicitaron diversos informes e documentación. A partir de aí xurdiu a proposta de estatutos da entidade pública, a proposta de organización do persoal asignado ao servizo, o informe xurídico sobre a subrogación do persoal, o informe de consideracións xurídicas da ETAP, así como o informe de proxeccións económicas e valoracións entregadas en outubro de 2022”.

Ademais, defendeu a xestión feita polo Goberno municipal. “En 2015 cando este Goberno municipal tomou posesión o ciclo integral da auga estaba prorrogado. Licitouse o servizo do ciclo integral da auga, que é unha das licitacións máis complexas que ten calquera Concello. Tamén é importante lembrar que o contrato asinado con Espina & Delfín en 2017 foi un contrato totalmente distinto ao que se estaba aplicando noutros Concellos. Por primeira vez o Concello de Ames recibía os cartos da xestión do ciclo integral da auga e despois é o Concello o que lle paga á empresa concesionaria os gastos fixos e variables. Esta xestión permitiulle ao Concello coñecer os beneficios que achega o ciclo integral da auga. Gracias a iso sabemos que en función do ano os beneficios son de entre 500.000 e 600.000 euros. Por iso non é certo que durante o primeiro mandato non se fixo nada. Existe un atraso na xestión deste tema, somos conscientes, pero lévase traballando varios anos no ciclo integral da auga”.

Servizo de atención temperá
Outro dos temas tratados foi a ratificación do decreto de Alcaldía sobre a ampliación da prórroga do convenio do servizo de atención temperá. Este punto foi aprobado por unanimidade de toda a Corporación municipal. Os Concellos de Ames e Teo asinaron un convenio para a prestación do servizo de Atención Temperá de forma agrupada, que tiña vixencia inicialmente ata o 31 de outubro de 2022. Debido a que ambos Concellos tiñan interese en dar continuidade a dito servizo prorrogouse a vixencia de dito convenio, dende o 1 de novembro de 2022 ata o 30 de outubro de 2023, formalizándose a citada prórroga o 27 de outubro de 2022.

Mediante a Orde do 19 de outubro de 2022 establecéronse as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia, para a prestación de servizos no marco da Rede Galega de Atención Temperá nos anos 2022 a 2024. A través de dita Orde incorporouse como novidade o financiamento para dous anos, de tal forma que o período subvencionable abrangue dende o 1 de novembro de 2022 ata o 31 de outubro de 2024. No caso de agrupacións de concellos, é requisito indispensable para o acceso a estas axudas ter subscrito un convenio de colaboración con vixencia durante todo o período respecto do cal se solicita a subvención, polo que resultou preciso adecuar a vixencia do convenio ás esixencias da Orde de convocatoria destas axudas.

Debido a que o prazo para a solicitude da subvención remataba o día 30 de novembro de 2022, os Concello de Ames e Teo autorizaron a ampliación do prazo de prórroga mediante decreto da Alcaldía. No Concello de Ames a competencia para acordar a prórroga correspóndelle ao Pleno polo que a Corporación municipal tivo que aprobar o prazo da prórroga do convenio. En lugar do período establecido dun ano estableceuse un período de tres anos (dende o 1 de novembro de 2022 ata o 30 de outubro de 2025), condicionado á vixencia da subvención para a prestación do servizo no marco da Rede galega de atención temperá.

Mercado de venda ambulante
Por último, aprobouse por unanimidade a resolución de alegacións e maila aprobación definitiva da modificación do regulamento de funcionamento do mercado de venda ambulante do Concello de Ames. A aprobación inicial da modificación de dito regulamento foi aprobada no pleno ordinario do pasado mes de setembro. No novo regulamento, entre outros puntos, regúlase o horario do mercado ambulante tradicional que se realizará os sábados de cada semana, pola tarde, durante todo o ano, así como a creación dun novo mercado de produtos de horta e artesanía, que tamén se desenvolverá todos os sábados do ano, pola mañá de 10.00 a 14.00 horas, na praza da Maía, en Bertamiráns. Tamén se contempla o incremento de postos no mercado ambulante tradicional.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames prorroga el contrato del agua al no haber concluido el proyecto de empresa pública"

El Correo Gallego: "Ames prorroga ata abril de 2024 o contrato do servizo integral da auga"

Lindeiros: "Ames prorroga a xestión da auga ata o 2024"

AMS GO!: "Ames prorrogará ata 2024 o contrato do ciclo integral da auga"

O punto que máis debate xerou foi a continuidade da prestación do servizo da CIA por parte da actual concesionaria

Multimedia

  • O Pleno aproba a prórroga do contrato do ciclo integral da auga ata abril de 2024
  • O Pleno aproba a prórroga do contrato do ciclo integral da auga ata abril de 2024
  • O Pleno aproba a prórroga do contrato do ciclo integral da auga ata abril de 2024
  • O Pleno aproba a prórroga do contrato do ciclo integral da auga ata abril de 2024