- Tematica
Este xoves, 26 de novembro, o Concello de Ames celebrou unha nova sesión plenaria, neste caso a ordinaria do mes de novembro. En dito pleno a Corporación municipal deulle aprobación por maioría absoluta ao suplemento de crédito 3/2020, por valor de 1.102.055,80 euros, financiado con remanente de tesourería para gastos de investimentos, gasto corrente, e para os xuros correspondentes á devolución dos avais incautados para o P. EM05-03. Ademais, aprobáronse dous proxectos relacionados co Ciclo integral da auga; a revisión de prezos do contrato de concesión da limpeza viaria e xestión do Punto Limpo; a elección da xuíza de paz titular do Concello de Ames; a aprobación do Plan de Acción para o Clima e Enerxía Sostible (PACES); e dúas propostas para a creación dunha canle Xabarín Club na TVG; e de apoio á cultura e a súa declaración como ben de primeira necesidade. Tamén se aprobaron unha moción sobre a inscrición da técnica das alfombras florais na lista do patrimonio inmaterial da UNESCO e unha declaración institucional por unha solución xusta e pacífica do conflito do Sáhara occidental.
O pleno ordinario de novembro comezou coa concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, dando conta da información periódica a render ao Pleno correspondente ao terceiro trimestre do exercicio 2020. A concelleira de Economía e Facenda dixo que o período medio de pago a provedores se sitúa en 15,64 días, por debaixo dos 30 días establecidos por lei. A continuación, aprobouse por unanimidade a acta do pleno ordinario de outubro, celebrado o pasado 29 de outubro, e maila acta do pleno extraordinario celebrado o pasado 11 de novembro de 2020.
A Corporación municipal tamén aprobou por unanimidade dous proxectos relacionados co Ciclo integral da auga. O primeiro para executar unha rede de pluviais no lugar de Cantalarrana ata o límite do concello de Brión, que conta cun orzamento de execución por contrata de 60.796 euros. Dita actuación executarase na pista que vai ata o límite co concello de Brión, onde se colocará unha tubaxe para as augas pluviais que se orixinan nesa zona e darlle saída natural. Deste xeito, eliminaranse as augas que van cara a rúa da Fragua e mellorarase a seguridade, tanto peonil como viaria, nesta zona. Ademais construirase unha cuneta e rigola de formigón.
O segundo proxecto é para dotar do servizo de saneamento e abastecemento ao lugar de Quintáns, pertence á parroquia da Ameixenda. Esta obra conta cun presuposto base de licitación de 40.855,46 euros. Así, daráselle continuidade á rede de saneamento nunha zona na que hai que colocar un sistema de bombeo. Deste xeito, toda a aldea de Quintáns quedará con servizo de saneamento e abastecemento. Ambas obras superan os 100.000 euros de investimento e forman parte do programa de investimento da rede municipal da auga.
Tamén se aprobou por unanimidade a segunda modificación do proxecto modificado de mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública no Milladoiro. Dita modificación é necesaria tras o requirimento de diferente documentación remitida pola Deputación da Coruña. Este proxecto está financiado a través do plan de obras e servizos provincial POS+ 2017.
Suplemento de crédito 3/2020
Dentro do apartado económico, aprobouse cos votos a favor do grupo de goberno e dos concelleiros do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos, o suplemento de crédito 3/2020 financiado con remanente de tesourería para gastos xerais. Os/as concelleiros/as do grupo municipal popular abstivéronse neste punto.
Estando próximo o remate do exercicio 2020 é necesario dotar de crédito a aquelas partidas cuxo saldo é insuficiente. Así, é preciso dotar de 482.715,05 euros para gastos de investimentos. A maioría trátanse de gastos realizados e que responden fundamentalmente ao mantemento de infraestruturas e servizos, mentres que outros responden a gastos non previstos no orzamento.
Deste xeito, 48.000 euros son necesarios para o arranxo do local dedicado á nave da brigada municipal de obras que foi alugado recentemente. Outros 47.995,31 euros dedicaranse ao arranxo dun local que se vai a alugar para oficinas municipais na praza do Concello; 25.000 euros serán para a reposición de luminarias ou adquisición de equipos informáticos; e 87.719,84 euros imputaranse como crédito para o importe pendente de executar das obras de urbanización do sector A.P. EM05-03 por devolución dos avais incautados para a obra en virtude da sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Por outra banda, destinaranse 609.261,38 euros para gasto corrente. Cómpre destacar o incremento de gasto derivado do servizo de limpeza extraordinario pola Covid-19 (128.400 euros) e mailos gastos dos servizos educativos que se tiveron que incrementar como por exemplo os gastos de monitoraxe de comedores ou o gasto de adecuación das instalacións educativas polos protocolos adoptados fronte ao coronavirus (276.558,19 euros).
Ademais, recóllese unha terceira partida de 10.079,37 euros para os xuros correspondentes á devolución dos avais incautados para o P. EM05-03 en virtude da sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Revisión de prezos do contrato da limpeza viaria
Ademais, aprobouse cos votos a favor do grupo de goberno e dos concelleiros do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos, a revisión de prezos do contrato de concesión da limpeza viaria e xestión do Punto Limpo do Concello de Ame, adxudicado á empresa Urbaser SA, correspondente ao exercicio 2020. Os/as concelleiros/as do grupo municipal popular abstivéronse neste punto. O importe dos atrasos que terá que aboar o Concello de Ames ascende a 4.531,50 euros.
A Corporación municipal aprobou por unanimidade o reembolso dos gastos xudiciais derivados do procedemento abreviado 363/2017, así como a elección da candidata Zeltia Otero Nieto como xuíza de paz titular do Concello de Ames.
Por outra banda, o Pleno aprobou a incorporación ao inventario municipal de bens do Concello de Ames o compromiso de adscribir á finalidade pública de campo de fútbol municipal o campo municipal de herba artificial de Bertamiráns, cuxa rexeneración realizouse co financiamento da Deputación provincial da Coruña, tal e como se recolle no convenio asinado o 9 de outubro de 2019. Este punto saíu adiante cos votos a favor do grupo de goberno e dos concelleiros do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos, mentres que os/as concelleiros/as do grupo municipal popular abstivéronse neste punto.
Plan de Acción para o Clima e Enerxía Sostible
Tamén se aprobou por unanimidade o Plan de Acción para o Clima e Enerxía Sostible (PACES) do Concello de Ames. Parte das actuacións a realizar están contempladas na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (EDUSI), concretamente no plan de aplicación para a xestión eficiente dos recursos municipais e a prevención de riscos dotadas con 201.600 euros; no programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público coa asignación de 912.000 euros; no programa de creación dunha rede de sendeiros escolares, deportivos e recreativos que favorezan a conectividade a pé e ciclable e cunha dotación de 432.000 euros; e no programa de mellora dos índices de consumo de enerxía nas vías, infraestruturas e edificios públicos con 432.000 euros.
Ademais, contribuirá ao obxectivo de aforro enerxético o cambio de luminarias no rural financiado polo IDAE que ascende a 1.425.000 euros. O resto das actuacións, que rondan os 5 millóns de euros, serán asumidas polo Concello. Para o seu financiamento o Concello poderá acudir á colaboración doutras instancias públicas.
Propostas presentadas
No pleno deste xoves, 26 de novembro, aprobáronse dúas propostas presentadas polos grupos municipais que forman o Goberno municipal (PSdeG-PSOE, BNG, Contigo Podemos) e mailo concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, pertencente ao grupo mixto.
A primeira delas de apoio á campaña e proposición non de Lei de iniciativa popular para unha canle Xabarín Club na TVG e máis e mellor difusión de programación infantil e xuvenil en galego impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística. Esta proposta foi aprobada cos votos a favor do grupo de goberno e do concelleiro Quique Costas, de Ames Novo, mentres que os/as concelleiros/as do grupo municipal popular e mailo concelleiro, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, votaron en contra.
A segunda proposta é de apoio á cultura e a súa declaración como ben de primeira necesidade. Este proposta foi aprobada cos votos a favor do grupo de goberno e do concelleiro Quique Costas, de Ames Novo, mentres que os/as concelleiros/as do grupo municipal popular votaron en contra, e o concelleiro, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, abstívose.
Por outra banda, o grupo municipal popular retirou da orde do día unha proposta para instar ao Goberno de España a rebaixar o IVE das máscaras, xa que parte da reivindicación xa se realizou.
Mocións presentadas por vía de urxencia
Tamén se aprobou por unanimidade unha declaración institucional por unha solución xusta e pacífica do conflito do Sáhara occidental e unha moción presentada por vía de urxencia en relación á inscrición dos coñecementos e técnicas relacionados coa arte efémera de elaborar alfombras e outros elementos con flores e materiais naturais na lista representativa do patrimonio inmaterial da UNESCO.
Por último, foi rexeitada unha moción presentada por vía de urxencia por parte do Partido Popular de Ames, para modificar a Lei orgánica de modificación da LOE e para aumentar a calidade do noso sistema educativo e garantir os dereitos fundamentais dos españois recollidos na constitución. Dita moción foi rexeitada cos votos en contra dos concelleiros/as do grupo de goberno e do concelleiro Quique Costas, de Ames Novo, mentres que os/as concelleiros/as do grupo municipal popular e o concelleiro, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, votaron a favor.
Novas relacionadas:
Revista AmesGo: "Ames aproba un suplemento de crédito para gastos como os producidos pola COVID-19"
La Voz de Galicia: "Ames gastó más de 400.000 euros en medidas sanitarias y de limpieza por el coronavirus"