O primeiro pleno presencial que desenvolveu a Corporación amesá desde a crise do COVID19 no Salón de Plenos do Concello aprobou por unanimidade o proxecto de mellora dos camiño da Condomiña á depuradora e de Portanxil a Carballo. Tamén por unanimidade saíu adiante o inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz. Cos votos a favor de PP e Ciudadanos, en contra de Ames Novo e a abstención de BNG, PSOE e Contigo Podemos, aprobouse a moción de urxencia presentada polo Partido Popular que pedía instar ao Goberno de España a non apropiarse dos recursos das entidades locais. Foi desestimada a moción que presentaba Ciudadanos na que se pedía o establecemento de medidas de garantía para a seguridade e a convivencia cidadá fronte a ocupación ilegal de vivendas. O pleno desenvolveuse gardando todas as medidas de seguridade. Para gardar a distancia, parte dos concelleiros e concelleiras ocuparon as cadeiras destinadas ao público.
O proxecto de mellora do camiño da Condomiña á depuradora e outro (camiño de Portanxila a Carballo) foi aprobado cos votos a favor de toda a corporación municipal. O proxecto será sufragado a través do Plan AGADER 2020-2021 da Xunta de Galicia. Ten un orzamento de 40.976,65 euros, do cal o importe da axuda ascende a 33.865 euros. A achega da Xunta divídese en dúas anualidades (o 50% que son 16.932,50 euros percíbese en 2020 e o 50% restante en 2021). O Concello de Ames pon o importe restante; 7.111,65 euros.
Na sesión plenaria aprobouse tamén por unanimidade as bases para a elección de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames. . O pasado 17 de xuño de 2020 o Concello de Ames recibiu unha comunicación da Secretaría de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, onde se lle comunicaba que estaba próximo a vencer o período de 4 anos polo que se nomeou xuíz de paz titular do Concello de Ames. Polo tanto, era preciso iniciar un novo expediente para a elección de novo/a xuíz/a de paz titular no prazo de 3 meses e que de non facelo así se nomearía directamente polo propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Cómpre salientar que, unha vez aprobadas as bases, procederase á súa exposición pública para a presentación de solicitudes por prazo de 15 días hábiles Examinadas as solicitudes presentadas procederase, por maioría absoluta, á elección de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames, propoñendo o seu nomeamento ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
A proposta de Ciudadanos en relación co establecemento de medidas de garantía para a seguridade e a convivencia cidadá fronte a ocupación ilegal de vivendas houbo de ser votada en primeiro lugar como urxente por un defecto de forma. Aprobada a urxencia debateuse a proposta na que se solicitaba, entre outras cuestións, elaborar un Plan municipal contra a ocupación ilegal de vivendas; potenciar a coordinación e a cooperación institucional para reforzar a eficacia na loita contra a ocupación ilegal de inmobles; e instar ao Goberno de España e ás Corte Xerais a promover todas as reformas legais que sexan necesarias para defender a propiedade privada. A proposta foi rexeitada, toda vez que votaron en contra Ames Novo, BNG, PSOE e Contigo Podemos. A favor fieronno Partido Popular e Ciudadanos.
Pola vía de urxencia, o Partido Popular presentou unha moción que pedía instar ao Goberno de España a non apropiarse dos recursos das entidades locais. A moción especificaba instar ao goberno de España a “respectar e garantir a autonomía que a Constitución e as leis outorgan as entidades locais”. Pedíase manifestar “o compromiso do Concello de Ames coa Lei de Estabilidade Orzamentaria” e tamén “O profundo rexeitamento deste Concello a calquera medida tendente a apropiarse dos aforros acumulados polos veciños dos concellos e provincias, tanto de forma directa como vía subscrición de préstamos das EE.LL ao Estado para devolver a longo prazo”. A moción saíu adiante cos votos a favor do Partido Popular e Ciudadanos, o voto en contra de Ames Novo e a abstención de Contigo Pódese, BNG e Partido Socialista.
O pleno desenvolveuse gardando as máximas medidas de seguridade e hixiene, Para garantir a distancia, varios concelleiros e concelleiras ocuparon as cadeiras que habitualmente están destinadas ao público.