- Tematica
Este xoves, 26 de xaneiro, celebrouse o primeiro pleno ordinario de 2023. En dita sesión plenaria a Corporación municipal aprobou por unanimidade todos os puntos recollidos no apartado de deliberación e acordo. Deste xeito aprobouse iniciar o expediente para a prestación do servizo de transporte público de Ames; a prórroga obrigatoria do actual contrato do SAF; a resolución de alegacións e aprobación definitiva da modificación puntual do regulamento de funcionamento dos servizos de Comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas; a declaración de especial interese das obras de edificación da residencia de persoas maiores no Milladoiro, para a posterior concesión de bonificación na cota do ICIO; a aprobación inicial da ordenanza fiscal da taxa pola utilización das instalacións culturais de propiedade municipal; e maila elección da xuíza de paz substituta. Ademais, aprobouse por unanimidade unha declaración institucional sobre o centenario da fundación en Ortoño do Seminario de Estudos Galegos e unha moción en apoio da comunidade educativa do CEIP de Barouta para a mellora das infraestruturas escolares e da seguridade viaria. Tamén se aprobou por maioría absoluta unha moción en apoio á iniciativa lexislativa popular para salvar e fortalecer a Atención Primaria e á manifestación do día 12 de febreiro en Santiago en defensa da sanidade pública. Premendo nesta ligazón podes ver a gravación do pleno ordinario de xaneiro.
O pleno comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía. Dende a última sesión plenaria aprobáronse 337 decretos, 167 decretos ao final do ano 2022 e 170 ao inicio de 2023. A continuación aprobouse por unanimidade a acta do pleno ordinario do pasado mes de decembro.
O punto que máis debate suscitou no pleno ordinario de xaneiro foi o inicio do expediente para a prestación do servizo de transporte público de Ames, que está incluído na EDUSI Impulsa Ames. Este punto foi aprobado por unanimidade da Corporación municipal. Dentro das liñas de actuación da estratexia DUSI está incluída a liña de implementación dun transporte público no concello de Ames que corresponde co obxectivo temático OT4 (apoiar a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores).
Entre as propostas do Plan de Mobilidade Sostible de Ames está incluída a potenciación do transporte público, a través da implantación dun servizo de autobús municipal complementado cun servizo de transporte baixo demanda, para dar conexión ás zonas de menor poboación nas que non sería eficiente desprazar un vehículo senón se é coñecedor previamente de se haberá ou non persoas usuarias. Co fin de implementar o dito transporte público foi contratada a redacción dun estudo de viabilidade redactado por Alomón consultoría de mobilidade.
Estes transporte interno buscará pasar polo maior número posible de parroquias de Ames para achegar á poboación aos núcleos urbanos, ao mesmo tempo deberá conectar ambos núcleos urbanos entre si. Desta forma poderase achegar á poboación aos puntos de interese (centros de saúde, centros educativos, comercios, zonas de ocio,...) e facilitar a conexión co transporte metropolitano que, maioritariamente, pasa polos núcleos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns. Considérase que este transporte é un instrumento imprescindible para a vertebración do municipio ao conectar os núcleos de poboación de Ames coas liñas interurbanas, cuns horarios e frecuencias axeitadas para que a veciñanza amesá vexa no transporte público unha alternativa ao vehículo privado.
A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, foi a encargada de expoñer este tema e explicou que “o Concello dispón dun estudo de viabilidade sobre a prestación do servizo de transporte público de Ames. A partir deste momento haberá que crear unha Comisión de estudo, que estará composta por persoal técnico e representantes dos diferentes grupos políticos, para traballar na redacción dunha memoria na que deberá determinarse a forma de xestión. Ademais, deberá elaborar un proxecto de prezos do servizo. Posteriormente, dita documentación deberá ser sometida a exposición pública e terá que ser aprobada polo Pleno”.
Beatriz Martínez engadiu que “o transporte público non é só para as persoas que na actualidade empregan este servizo público, senón que o que se pretende é rescatar aos usuarios e usuarias cautivos, esas persoas ás que lles gustaría utilizalo pero non o fan pola falta de conexións e frecuencias, algo que debería de ofrecer o transporte metropolitano pero non o fai. A través deste servizo municipal trataremos de mellorar o servizo de transporte público de Ames”.
Intervención dos partidos da oposición
Por parte da oposición, o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, destacou que “o transporte público é fundamental para o crecemento do concello. Ciudadanos apoia este servizo porque é unha petición feita pola gran maioría da veciñanza de Ames. Os veciños e veciñas queren usar o servizo de transporte público, pero se dispón das conexións e frecuencias axeitadas. Espero que a Comisión de estudo sexa creada o antes posible e realice rápido o traballo que ten que facer”.
O concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, mostrouse satisfeito co inicio do procedemento administrativo para a posta en marcha de dito servizo. “Isto é un paso de algo moi importante, xa que é o primeiro paso para crear o servizo de transporte público municipal. Trátase dun proxecto de moita importancia polo que eu sempre apostei. En materia de mobilidade algo xa avanzamos coa creación dos sendeiros escolares, pero aínda queda moito por facer como pode ser unha senda cicable entre Bertamiráns e mailo Milladoiro”.
O concelleiro do Partido Popular de Ames, Javier Olmo, dixo “non sei moi ben porque se atrasou a creación de dita Comisión de estudo e agora hai que andar con présa para facelo. Hai que ter moito coidado porque este é un proxecto financiado con fondos europeos co cal ten que estar executado e pagado antes do 31 de decembro deste ano. Non me gustaría que se perdesen fondos da Unión Europea por ir atrasados na execución deste servizo. O proxecto sairá adiante porque todos vamos a traballar para elo. Non os podemos permitir fallar na prestación deste servizo porque é algo moi importante para o Concello”.
Servizo de Axuda no Fogar
O Pleno tamén aprobou por unanimidade a execución da prorroga obrigatoria ata a formalización do novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar. A prorroga obrigatoria dará comenzo o 1 de febreiro de 2023 ata que se adxudique o novo contrato, e como máximo por un período de 9 meses. Os concelleiros e concelleiras da Corporación municipal coincidiron en sinalar que se trata dunha prórroga necesaria.
Regulamento dos servizos de Comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas
Por outra banda, o Pleno aprobou por unanimidade a resolución da única alegación presentada e aprobou de xeito definitivo a modificación puntual do regulamento de funcionamento dos servizos Comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas. Dita modificación consiste en eliminar toda referencia á presentación de orixinais, cotexo de documentos e copias cotexadas, salvo nos supostos excepcionais con amparo na propia normativa, favorecendo deste xeito a presentación electrónica das solicitudes polas persoas usuarias do servizo.
Con esta modificación elimínase a esixencia xeneralizada de solicitar documento orixinal ou cotexado. Modifícase tamén a redacción da disposición adicional primeira que contiña un erro na referencia legal precisando expresamente que a redacción aprobada manterase en vigor ata a súa modificación ou derogación expresa, suprimindo a disposición final por duplicidade. Esta proposta de modificación foi consultada na reunión do Consello Escolar Municipal do 5 de outubro de 2022, resultando aprobada por unanimidade.
Residencia de maiores do Milladoiro
Ademais, aprobouse por unanimidade a declaración de especial interese das obras de edificación da residencia de persoas maiores no Milladoiro, para a posterior concesión de bonificación na cota do ICIO. Deste xeito, declárase de especial interese e utilidade municipal as obras de edificación dunha residencia para persoas maiores na Travesía da Moa, no Milladoiro, fundamentado na concorrencia de circunstancias de fomento e creación de emprego, por implantación dunha nova empresa que implica o exercicio dunha actividade económica ou empresarial no termo municipal de Ames, coa creación de máis de 20 postos de traballo, en aplicación do establecido na Ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras do Concello de Ames. A bonificación suporá un 25% de desconto sobre a cota tributaria.
Taxa pola utilización das instalacións municipais
Outro dos puntos a tratar foi a aprobación inicial da ordenanza fiscal da taxa pola utilización das instalacións culturais de propiedade municipal que tamén foi aprobada por unanimidade. No pleno do 30 de xuño de 2022 aprobouse o regulamento de uso e funcionamento das instalacións culturais do Concello de Ames. O aspecto económico da utilización de ditas instalacións viña sendo regulado na ordenanza denominada reguladora de prezo publico pola utilización das instalacións deportivas e culturais de propiedade municipal. Porén a figura correcta non é un prezo publico, senón unha taxa motivo polo que se iniciou expediente de elaboración de dita ordenanza fiscal.
Elección de xuíza de paz substituta
Tamén se aprobou por unanimidade a elección de xuíza de paz substituta do Concello de Ames. Durante o prazo de presentación de instancias, que comprendeu dende o 7 ata o 28 de decembro de 2022, presentáronse sete candidatos/as. Unha vez examinados os méritos de cada un/unha dos/as candidatos/as propúxose a Xiomara Erlinda Lazo Fuentes como xuíza de paz substituta do Concello de Ames. Os méritos examinados foron ter experiencia como xuíz de paz e dispoñer do grao en Dereito.
Apartado de mocións
No apartado de mocións aprobouse por unanimidade unha declaración institucional sobre o centenario da fundación en Ortoño do Seminario de Estudos Galegos. O Concello de Ames vai a elaborar unha programación específica e colaborará con outras institucións para conmemorar dito centenario.
Tamén se aprobou por unanimidade unha moción en apoio da comunidade educativa do CEIP de Barouta para instar á Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da provincia da Coruña, a mellorar as infraestruturas escolares e a seguridade viaria. Esta moción foi asinada por todos os grupos políticos da Corporación municipal. Entre o público estiveron presentes varios pais e nais de alumnado do CEIP de Barouta para facer visible dita reclamación.
Por último, aprobouse por maioría absoluta unha moción en apoio á iniciativa lexislativa popular para salvar e fortalecer a Atención Primaria e á manifestación do día 12 de febreiro en Santiago en defensa da sanidade pública. Esta moción foi presentada polos grupos que forman parte do Goberno municipal (PSdG-PSOE, BNG e Contigo Podemos). Foi aprobada cos votos a favor dos membros do Goberno municipal e dos concelleiros do grupo mixto (José Ramón Oulego de Ciudadanos e Quique Costas de Ames Novo). Os concelleiros e concelleiras do Partido Popular de Ames votaron en contra.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El pleno de Ames aprueba la creación de una línea de autobús entre Bertamiráns y O Milladoiro"
El Correo Gallego: "Fin al 'aislamiento' entre Milladoiro y Bertamiráns con línea de bus regular"
Lindeiros: "Ames terá o seu propio transporte público"