Solapas principales

O Pleno debaterá a adhesión á central de contratación da FEGAMP para os servizos postais e telegráficos

Lunes, 09 de septiembre de 2024

Este mércores, 11 de setembro, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de agosto. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre o inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames; a adhesión á central de contratación da FEGAMP para os servizos postais e telegráficos; a ratificación do decreto de alcaldía de autorización da quinta prórroga, polo prazo de 2 anos, da concesión administrativa da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira; a revisión do IPC para o período xullo de 2022 a xullo de 2023, do contrato de concesión da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira; e a aprobación inicial da modificación da ordenanza numero 1 reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira. Ademais, debaterase unha moción política do grupo municipal do BNG para demandar que a Xunta de Galicia atenda as necesidades técnicas e humanas do PAC e do centro de saúde de Bertamiráns. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. A continuación darase conta da información periódica a render ao pleno corresponde ao segundo trimestre do exercicio 2024. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, da acta correspondente á sesión ordinaria do mes de xullo, do 31 de xullo de 2024.

De seguido abordarase o inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames. O pasado 22 de xullo o Secretario de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia comunicou que está vacante o cargo de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames, por renuncia da actual xuíza de paz titular, Xiomara Erlinda Lazo Fuentes (que fora elixida polo pleno do Concello de Ames en sesión do 29 de febreiro de 2024). Deste xeito, solicítase que se inicie novo expediente no prazo de 3 meses ao non ser que se renunciase a dita elección (caso no que o TSXG procederá directamente ao seu nomeamento).

Servizos postais e telegráficos
Outro dos temas que se abordarán será a adhesión á central de contratación da FEGAMP para os servizos postais e telegráficos. Na actualidade, os servizos postais e telegráficos estanse prestando ao Concello ao abeiro do convenio FEGAMP-Concellos, que ten o seu orixe no convenio FEGAMP-Correos para prestar o servizo portal aos concellos galegos con tarifas públicas. Dito convenio ofrece uns prezos máis reducidos que os habituais no mercado ascendendo o importe dos mesmos para o ano 2023 a 28.202,27 euros. Neste momento a FEGAMP comunícalle ao Concello a posibilidade de adherirse a súa Central de Contratación para os servizos postais e telegráficos que se creou por acordo da comisión executiva do 21 de maio de 2024.

Centro deportivo municipal A Telleira
Por outra banda, trataranse tres temas relacionados co centro deportivo municipal A Telleira. O primeiro é a ratificación do decreto de Alcaldía sobre a autorización da quinta prórroga, polo prazo de 2 anos, da concesión administrativa da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira. A empresa concesionaria de dito servizo, Serviocio Deporte Cultura e Recreación SL, deberá realizar obras de investimento por importe de 128.958,67 euros sen IVE, durante a quinta prórroga. Con esta quinta prórroga ordinaria o contrato estendería a súa vixencia ata o 9 de setembro de 2026.

Previamente, o pleno do Concello de Ames, na sesión plenaria do 31 de xullo de 2024, acordou iniciar o expediente de prórroga por prazo de 2 anos outorgando á concesionaria trámite de audiencia por prazo de 10 días hábiles a efectos de amosar a súa conformidade. Consta conformidade da empresa concesionaria con data do 13 de agosto.

Tamén se vai abordar a revisión do prezo do contrato de xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira solicitada en xullo de 2024. O incremento cuantificase no 2,1% e resulta do calculo do IPC tomando como referencia o período que vai de xullo de 2022 a xullo de 2023 e terá efectos dende a aprobación definitiva da modificación da ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do centro deportivo municipal A Telleira. A modificación de dita ordenanza será outro dos temas a tratar no pleno ordinario de agosto que se vai celebrar este mércores 11 de setembro.

Moción sobre o PAC e centro de saúde de Bertamiráns
Por último, tratarase unha moción política do grupo municipal do BNG para demandar que a Xunta de Galicia atenda as necesidades técnicas e humanas do PAC e do centro de saúde de Bertamiráns. En dita moción solicítaselle á Xunta de Galicia o estudo de construción dun centro novo ou a ampliación do centro de saúde e do PAC de Bertamiráns dando lugar a unha estrutura ben dimensionada e acondicionada no terreo cedido polo Concello; co fin de dar acollida ás novas demandas tanto profesionais como das usuarias e usuarios en relación a poder contar cun espazo digno para fisioterapia, rx, nutricionista ou logopeda.

Tamén se solicita a dotación do persoal necesario de xeito que se garanta a atención pediátrica pola tarde no centro de saúde; un dobre equipo completo de tarde e nas fins de semana no PAC; e maila inclusión de novas categorías profesionais que respondan ás necesidades da veciñanza amesá do século XXI.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "O pleno de Ames debaterá sobre as carencias do PAC e do Centro de Saúde de Bertamiráns"

El Correo Gallego: "El pleno de Ames trata de nuevo la ampliación del único centro de salud que tiene atención continuada"

Imaxe de arquivo do salón de plenos