- Tematica
Este xoves, 31 de marzo, o Concello de Ames celebra o pleno ordinario do mes de marzo. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá sobre a adxudicación do contrato de servizos de monitores nos programas municipais de conciliación (Comedores Escolares, Bos días Cole e Tardes Divertidas). Tamén se abordará a aprobación inicial da modificación puntual do PXOM de Ames para executar a reordenación do espazo urbano da avenida da Peregrina e da travesía do Lodeiro, así como o convenio de colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas para levar a cabo o acondicionamento da avenida da Peregrina, dende a intersección da avenida da Maía ata a rúa do Bosque (punto quilométrico 0+610). Outros puntos que se tratarán será a definición e implementación da Axenda Urbana 2030 do Concello de Ames, a aprobación definitiva do restablecemento do equilibrio económico do contrato de concesión do Centro deportivo municipal A Telleira, e un recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 281.572 euros.
No pleno ordinario do mes de marzo abordaranse asuntos de gran importancia para a mellora dos servizos e infraestruturas do concello de Ames durante os vindeiros meses e anos. Primeiro darase conta dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria e tamén do Plan orzamentario a medio prazo do Concello de Ames para o período 2023-2025.
De seguido, debaterase sobre a adxudicación do contrato de servizos de monitores nos programas municipais de conciliación (Comedores Escolares, Bos días Cole e Tardes Divertidas). Deste xeito, debaterase a adxudicación do contrato de ditos servizos á empresa A Billarda por un importe que se achega aos tres millóns de euros. A duración inicial do contrato é de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos (incluíndo período inicial e prórrogas).
O contrato divídese en tres lotes claramente diferenciados. Un para o servizo de monitores do servizo complementario de educación "Comedores Escolares" e para realizar actividades de lecer antes e/ou despois da comida. Un segundo lote para o servizo de monitores para o coidado e atención dos nenos, para realizar actividades de lecer e para o almorzo do servizo "Bos Días Cole". E por último, un lote co servizo de monitores, para realizar actividades de lecer e coas merendas do servizo complementario de educación "Tardes Divertidas".
Obras de acondicionamento na avenida da Peregrina
Tamén se abordará a aprobación inicial da modificación puntual do PXOM de Ames para executar a reordenación do espazo urbano da avenida da Peregrina e da travesía do Lodeiro. O obxectivo é reordenar no núcleo urbano de Bertamiráns o espazo de equipamentos e mailo viario público no cruce da avenida da Peregrina coa rúa Lodeiro. Asemade, préndese facer obras de acondicionamento na avenida da Peregrina, dende a intersección da avenida da Maía ata a rúa do Bosque (punto quilométrico 0+610). Para iso a Axencia Galega de Infraestruturas envioulle ao Concello de Ames unha proposta de convenio de colaboración que deberá aprobar o Pleno se procede. As obras de acondicionamento da avenida da Peregrina teñen un orzamento estimado que ascende a 81.973 euros (IVE incluído).
Axenda Urbana 2030
A posta en marcha da Axenda urbana de Ames precisa e anticipa a posibilidade de acceder á chegada de fondos europeos no novo período de financiamento 2021-2027, a través de plans, actuacións e recursos públicos, cunha perspectiva temporal adaptada aos retos que encara para acadar un concello máis inclusivo, seguro, resiliente e sostible. Debido a iso proponse iniciar o proceso para a definición e implementación da Axenda Urbana de Ames e do correspondente Plan estratéxico de Acción Local. Ademais, proponse facer un seguimento das candidaturas que se poidan realizar ao abeiro de convocatoria abertas durante o período de programación de fondos EIE 2021-2027 e outras convocatorias que acheguen financiamento para a correcta execución da Axenda Urbana e/ou do Plan de Acción Local.
Recoñecemento extraxudicial de crédito
Por outra banda, proponse ao pleno a aprobación, se procede, dun recoñecemento extraxudicial de crédito, por valor de 281.572,89 euros, no que se inclúen gastos realizados no exercicio 2021, que son necesarios para o normal funcionamento de distintos servizos municipais. O pagamento de ditos gastos é necesario para non interromper o normal funcionamento do Concello, xa que gran parte dos mesmos responden a servizos, actividades ou programas postos en marcha dende hai anos e que aínda que non son obrigatorios para o Concello gozan dunha ampla aceptación por parte da veciñanza.
Contrato de concesión do centro deportivo municipal A Telleira
Outros dos temas que se van abordar no pleno ordinario deste mes de marzo é a aprobación definitiva do restablecemento do equilibrio económico do contrato de concesión da xestión e mantemento do complexo da piscina cuberta do centro deportivo municipal A Telleira. Durante o período que vai do 14 de marzo de 2020 ata o 21 de xuño de 2020 dito contrato veuse alterado pola Covid-19. O restablecemento do equilibrio económico de dito contrato consistiría en aprobar unha prórroga polo prazo de 18 meses para a xestión, explotación e mantemento do Centro deportivo municipal A Telleira, que sitúa a finalización do contrato no 9 de setembro de 2024.
Convenio con Correos
O último punto, incluído no apartado de deliberación e acordo, é a aprobación dun convenio de colaboración coa Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos, para facilitarlles aos/ás contribuíntes o pagamento dos tributos e outras débedas de dereito público, a favor do Concello de Ames, a través da modalidade e xiro postal con posterior ingreso en contas de titularidade municipal.
Declaracións institucionais e mocións
No pleno ordinario de marzo tamén se debaterá sobre a aprobación de dúas declaracións institucionais: unha condenando a agresión a Ucraína, solicitando a retirada das tropas rusas e o respecto ao dereito internacional; e outra de apoio á candidatura de Ángel Carracedo ao Premio Princesa de Asturias.
Por outra banda, debateranse dúas mocións. A primeira, presentada polo BNG de Ames, é relativa ás actuacións que deben de impulsar os gobernos galego e central para mitigar o impacto do medre disparado da inflación na sociedade e economía galegas. A segunda moción foi presentada polos grupos municipais do BNG, Contigo Podemos e Ames Novo. Nela faise unha proposta de acordo instando ao Goberno Español a reconsiderar o seu cambio de postura sobre o Sáhara Occidental.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "El tramo urbano de la AC-544 en Bertamiráns pasará a ser municipal"
El Correo Gallego: "Mellorarán a avenida da Peregrina e adxudicarase a monitoraxe dos concilia"