Solapas principales

O Pleno debaterá a aprobación da concesión de obra para a construción da instalación deportiva municipal do Milladoiro

Lunes, 29 de julio de 2024

Este mércores 31 de xullo o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de xullo. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a fixación dos festivos locais para o ano 2025; a concesión da medalla do Concello de Ames 2024 á Borja Golán Santín; a solicitude de participación na segunda fase do POS+ Adicional 2/2024; a aprobación da modificación da base número 50 do orzamento municipal de 2024 relativa a subvencións nominativas; a cuarta prórroga da concesión administrativa da xestión e mantemento do Centro deportivo municipal A Telleira; e a concesión de obra para a construción da instalación deportiva municipal de O Milladoiro e explotación do conxunto deportivo que conformará a obra xunto a instalación municipal A Telleira de Bertamiráns. Ademais, debateranse tres mocións. Dúas foron presentadas polo grupo municipal do BNG: unha para crear o Consello de participación e transparencia; e outra sobre a xestión real e efectiva das colonias felinas no rural de Ames. A terceira moción do grupo municipal popular trata sobre as medidas a adoptar polo Concello de Ames e a Xunta de Galicia na loita contra o munifundismo no municipio amesán. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, de acta/s anterior/es, correspondentes á sesión ordinaria do mes de xuño, do 27 de xuño de 2024.

A continuación abordarase a fixación dos festivos locais para o ano 2025. Proponse como festivos locais o xoves 29 de maio (día da Ascensión) e mailo martes 24 de xuño (día de San Xoán). A continuación o Pleno deberá aprobar, se procede, a concesión da medalla do Concello de Ames 2024 á Borja Golán Santín. Este punto xa foi aprobado previamente, por unanimidade, na Xunta de voceiros celebrada o pasado 14 de xuño. Dita medalla entregóuselle a Borja Golán no acto do Día de Galicia celebrado o pasado martes 23 de xullo.

POS Adicional 2/2024
O Pleno debaterá tamén a participación no POS+ Adicional 2/2024, segunda fase, da Deputación Provincial da Coruña, incluíndo novos investimentos financeiramente sostibles que non figuraban no Plan complementario ao POS+ 2024. Deste xeito, preténdese sufragar a través de dito plan o proxecto de melloras no edificio da Escola Municipal de Música de Ames, situado en Aldea Nova, que ten un orzamento total de 254.166,82 euros.

De seguido, abordarase a aprobación da modificación da base número 50 do orzamento municipal de 2024, relativa a subvencións nominativas. Proponse incluír no orzamento unha subvención nominativa, por importe de 2.000 euros, para a entidade Solidariedade Internacional de Galicia, para colaborar co programa galego de acollida temporal a mulleres defensoras de dereitos humanos (Galicia Abriga).

O programa consiste no acollemento de mulleres defensoras de dereitos humanos que pertencen a organizacións e movementos sociais de países nos que a Cooperación Galega ten presenza, contribuíndo a que saian do contexto de risco no que se atopan pola labor que realizan, fortalecendo as súas capacidades e mellorando o seu benestar. Á súa vez, tamén se crearán espazos nos que se difunda a axenda de defensa de dereitos das súas comunidades, organizacións ou movementos sociais, así como de denuncia das violacións de dereitos humanos das que foi obxecto e de aproximación ao contexto do país.

Ademais, tratarase a cuarta prórroga da concesión administrativa da xestión e mantemento do Centro deportivo municipal A Telleira. A prórroga tería unha duración máxima de dous anos, prazo durante o cal se manterían as mesmas condicións da concesión existente, o que situaría o remate da concesión no 9 de setembro de 2026. No caso de aprobarse dita prórroga, a concesionaria do servizo, Serviocio Deporte Cultura e Recreación SL, tería que executar obras de investimento por importe de 128.958,67 euros, sen IVE, durante dita prórroga.

Complexo deportivo do Milladoiro
Un dos temas máis importantes que se vai abordar no pleno ordinario de xullo é a aprobación, se procede, da concesión de obra para a construción da instalación deportiva municipal do Milladoiro e maila explotación do conxunto deportivo que conformará a nova instalación xunto ao centro municipal A Telleira de Bertamiráns.

En primeiro lugar, porase en coñecemento da Corporación municipal o novo estudo de viabilidade, elaborado pola consultora Dosvalor, incluído no expediente de concesión de obra pública para a construción de dita instalación deportiva. Dito estudo de viabilidade foi presentado pola consultora o 18 de xuño de 2024. En caso de ser aprobado terá que ser sometido a exposición pública.

Mocións políticas do BNG e Partido Popular
Ademais, debateranse tres mocións. Dúas presentadas polo grupo municipal do BNG: unha para crear o Consello de participación e transparencia; e outra sobre a xestión real e efectiva das colonias felinas no rural de Ames. A terceira moción do grupo municipal popular trata sobre as medidas a adoptar polo Concello de Ames e a Xunta de Galicia na loita contra o munifundismo no municipio amesán.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames debate el proyecto de complejo deportivo en Milladoiro y la mejora de la escuela de música"

Imaxe de arquivo do salón de plenos