Solapas principales

O Pleno debaterá a aprobación da Conta Xeral do exercicio 2023

Miércoles, 09 de octubre de 2024

Este venres, 11 de outubro, ás 10.00 horas, celebrarase un pleno extraordinario no que se debaterá a aprobación da Conta Xeral 2023 do Concello de Ames. Tamén se vai dar conta das resolucións adoptadas contrarias aos reparos de 2023, en cumprimento do previsto no artigo 218.1 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei reguladora das facendas locais. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O salón de Plenos da Casa do Concello acollerá este venres, 11 de outubro, ás 10.00 horas, un pleno extraordinario no que a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación da Conta Xeral 2023 do Concello de Ames. Tamén se vai dar conta das resolucións adoptadas contrarias aos reparos de 2023.

A Conta Xeral é un reflexo contable da xestión económica realizada durante un exercicio, que abarca aspectos económicos, financeiros, patrimoniais e orzamentarios. Esta formada por un conxunto de documentos e estados que o Concello ten que elaborar ao final de cada exercicio, ditos documentos informan sobre a situación do patrimonio (bens e dereitos do Concello, o seu financiamento, os seus préstamos e débedas ao final do ano); gastos, ingresos, beneficios e perdas da entidade local durante o ano 2023; e execución do orzamento (canto e en que se gastan os recursos obtidos nese ano e cales foron eses recursos). Tamén se informa sobre a forma na que se realizan estes gastos e ingresos.

A Conta Xeral está formada polo balance de situación, que reflexa a situación e a variación do patrimonio; a conta de resultados económico – patrimonial (ingresos e gastos económicos e o seu resultado); estado de fluxos de efectivo (reflexa en que medida os ingresos serviron para cubrir os gastos);  liquidación do orzamento (reflexa a execución do orzamento do Concello); e maila memoria, que completa e aclara a información que conteñen os distintos estados.

Dentro destes documentos hai varias magnitudes que é preciso analizar máis polo miúdo, o nivel de endebedamento, a execución do orzamento, o resultado orzamentario... entre outros, que achegan unha visión máis pormenorizada da xestión económica levada a cabo no exercicio 2023.

Imaxe de arquivo do salón de plenos