- Tematica
Este xoves, 10 de febreiro, celebrarase un pleno extraordinario no que a Corporación municipal debaterá sobre a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2022” da Deputación provincial da Coruña. O Concello de Ames disporá de 1.076.348,37 euros, dos cales 1.042.547,70 euros (443.863,06€ da achega provincial 2022 e 598.684,66 euros da achega de 2021) son para novos investimentos; e 33.800,65 euros para a redución de débeda con entidades financeiras. Dentro da partida de 598.684,66 euros, da achega de 2021, o Concello achega 3.994,19 euros. No Plan complementario de 2022 recóllese unha partida de 1.472.221,51 euros para a execución de sete proxectos e no POS+ Adicional 1/2022 contémplanse 157.736,37 euros para o financiamento de gastos sociais extraordinarios. Previamente ao pleno, celebrouse este luns 7 de febreiro a comisión informativa de Economía, Facenda e Especial de Contas para abordar estes temas.
As actuacións incluídas neste plan provincial abarcan distintos tipos de obras. Moitas delas inciden na mellora e reparación de distintas vías públicas municipais, algunhas nos camiños interiores de aldeas e de diversas parroquias. Ademais incídese, ao igual que en anos anteriores, na reforma e mellora de infraestruturas deportivas municipais, as cales teñen unha elevadísima demanda e ocupación, principalmente motivada pola gran cantidade de nenos/as e mozos/as que viven en Ames e que practican todo tipo de deportes como poden ser, entre outros fútbol, tenis, baloncesto, fútbol sala, patinaxe, etc.
A través da achega provincial de 2022 o Concello de Ames recibirá 443.863,06 euros. Esta contía destinarase, sempre e cando o aprobe a Corporación municipal, ao financiamento de dous proxectos: a pavimentación da estrada de Castiñeiro do Lobo, na parroquia de Ames (242.451,55 euros); e a pavimentación da rúa Agro do Medio e outros, no Milladoiro (201.411,51 euros). A través deste proxecto preténdese mellorar a capa de rodaxe, así como a completa reposición da sinalización horizontal da vía, na propia rúa Agro do Medio, así como na rúa do Rego e na rúa de Abaixo no núcleo urbano do Milladoiro.
Achega provincial 2021
O Concello de Ames tamén recibirá 594.690,47 euros correspondentes á Achega provincial de 2021. A dito importe hai que sumarlle 3.994,19 euros que achega o Concello, para completar unha partida de 598.684,66 euros da achega de 2021. Este fondos destinaranse a tres proxectos. Un deles é para executar as obras de pavimentación da rúa Rosaleda e outros no ámbito urbano do núcleo de Bertamiráns, coas que se pretende unha mellora funcional e da seguridade viaria nas rúas de Travesía de Paraxó, Rosaleda e rúa do Muíño. Para este proxecto vanse destinar 159.771,21 euros (155.777,02 que achega a Deputación e 3.994,19 que pon o Concello de Ames).
Ademais, vanse destinar 268.155,30 euros para a rexeneración de espazos deportivos no campo de fútbol de Ortoño. A través destas obras preténdese recuperar unhas instalacións, que están moi deterioradas, coa construción dunha pista con acabado en formigón pulido para destinar o seu uso á disciplina de patinaxe. Tamén se pretende preparar unha explanada que poida ser empregada na realización de probas en circuíto pechado para a obtención de permisos de circulación, así como para a realización de diversos tipos de eventos.
A mellora de infraestruturas deportivas preténdese ampliar tamén coa reparación da cuberta do pavillón polideportivo de Bertamiráns, que presenta patoloxías polo seu deterioro do paso do tempo dende que foi inaugurado. A este proxecto preténdese destinar 170.758,15 euros. O pavillón de Bertamiráns presenta unha alta ocupación durante toda a semana por parte das persoas usuarias que practican diversos deportes. Debido a elo e para un maior confort dos/as usuarios/as, así como para un mantemento axeitado da infraestrutura deportiva faise necesario acometer a súa reparación.
Redución de débeda
Tamén hai que destacar que se pretenden dedicar 33.800,65 euros para a redución de débeda con entidades financeiras. O Concello de Ames contratou un préstamo coa entidade bancaria ABANCA o pasado 11 de decembro de 2018 por valor de 222.895,50 euros, dos cales o importe que queda pendente de aboar ascende a 59.615,01 euros. Deste xeito, vanse dedicar 33.800,65 euros a pagar o importe pendente de pago de dito préstamo.
Plan complementario de 2022
O Plan complementario de 2022 inclúe investimentos financeiramente sostibles. Con cargo a esta partida preténdese executar sete proxectos que contan cun orzamento base de licitación total de 1.472.221,51 euros. Seis destes proxectos recollen obras de pavimentación de viarios de diferentes parroquias: pavimentación de viario en Ventín, na parroquia de Biduído (42.879,57 euros); pavimentación da estrada de A Garea e interiores, na parroquia de Agrón (250.773,87 euros), e pavimentación de viario no núcleo de O Lombao, na parroquia de Covas (146.503,99); e a pavimentación de viarios no núcleo de Framil, na parroquia de Biduído (372.902,29 euros).
Continuando coas melloras e reparación de camiños e estradas, tamén se actuará en vías municipais que neste caso unen distintos lugares pertencentes á mesma parroquia como por exemplo o proxecto de pavimentación de viarios no núcleo de Gasamáns e O Galiñeiro en Agrón (279.782,94 euros).
Dentro do Plan complementario tamén se inclúe a pavimentación da avenida Muíño Vello, no Milladoiro (109.224,81 euros) e mailo proxecto de ampliación da da Casa de Cultura do Milladoiro (270.154,04 euros). As sinerxías funcionais do Concello fan necesario complementar con máis superficie construída o actual centro sociocultural, sobre todo para implementar máis aulas e espazos polivalentes que melloren o uso actual sen necesidade de trasladar ou duplicar edificacións.
POS+ Adicional 1/2022
No POS+ Adicional 1/2022 contémplanse 157.736,37 euros para gastos sociais extraordinarios. Do total de dita contía, destinaríanse 106.812 euros ao reforzo de persoal (técnico e/ou administrativo) adscrito aos departamento de servizos sociais co obxectivo de apoiar ao equipo de persoal actual e/ou facilitar a tramitación urxente das prestacións obxecto deste plan e axilizar a atención social profesional necesaria en situacións de risco para persoas vulnerables.
O importe restante, que ascende a 50.924,37 euros, dedicaríase á ampliación e dotación de partidas municipais destinadas a axudas de emerxencia ás persoas soas ou familias en risco de exclusión social: maiores, persoas con diversidade funcional, mulleres en risco de exclusión social ou vítimas de violencia de xénero, cando eles/as e as persoas ao seu cargo, carezan de medios económicos suficientes para asegurar a cobertura das necesidades básicas: vivenda, alimentación, electricidade, educación, gastos médicos ou farmacéuticos, transporte, e aqueles que consideren os servizos sociais municipais.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "El Plan de Obras apuesta por la carretera de Castiñeiro do Lobo y la calle Agro do Medio"