Solapas principales

O Pleno debaterá a aprobación de 19 proxectos que se sufragarán con cargo ao POS+ 2025

Domingo, 02 de febrero de 2025

O próximo martes, 4 de febreiro, celebrarase un pleno extraordinario no que a Corporación municipal debaterá sobre a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2025” da Deputación provincial da Coruña. Tamén se abordará a participación no POS+ Adicional 3/2025 para a redución da débeda de 76 concellos coa Deputación pola utilización de préstamo provincial nos Plans 2015 a 2023. Por último, na orde do día recóllese a aprobación, se procede, do recoñecemento extraxudicial de crédito 1/2025. Previamente ao pleno, celebrouse o mércores 29 de xaneiro a comisión informativa de Economía, Facenda e Especial de Contas para abordar estes temas. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

As actuacións incluídas no plan abarcan distintos tipos de obras. Moitas delas inciden na mellora e/ou reparación de distintas vías públicas municipais, algunhas nos camiños interiores de aldeas de parroquias distintas como poden ser por exemplo os proxectos en Covas, Bugallido e Ortoño. Tamén se inclúen obras para a canalización de pluvias en Biduído de Abaixo, unha actuación moi demandada pola veciñanza, para solucionar os problemas que a rede de drenaxe de augas pluviais xera neste núcleo, xa que a canalización actual é insuficiente para o caudal procedente de augas arriba e a rede entra en carga ocasionando asolagamentos.

Neste sentido tamén están encamiñadas as obras de pavimentación da rúa Telleira, en Bertamiráns, así como as obras programadas no núcleo de máis poboación do concello, no Milladoiro, co acondicionamento da rúa Agro da Vella, coas que se pretende unha mellora funcional e da seguridade viaria no seu entorno. Con estas obras preténdese mellorar a seguridade viaria e funcional para a veciñanza das parroquias e dos núcleos urbanos, coa intención de acadar un espazo seguro para os desprazamentos cotiás dos/as veciños/as dos lugares nos que se vai a actuar.

Achega provincial de 2025 e 2024
Deste xeito, con cargo á Achega provincial de 2025 vaise a sufragar un único proxecto, o acondicionamento da rúa Agro da Vella, situada no Milladoiro, que conta cun orzamento  de 326.160,41 euros.

Ademais, o Concello de Ames sufragará cinco actuacións a través da Achega provincial de 2024, que está dotada de 747.709,95 euros: pavimentación do viario de Capeáns a Pousada, na parroquia de Covas (94.037,57 euros); pavimentación de viarios na aldea de Barreiro, en Bugallido (174.758,04 euros); pavimentación de viarios en Lapido, na parroquia de Ortoño (140.271,95 euros); canalización de pluviais en Biduído de Abaixo (191.279,06 euros); pavimentación das rúas Telleira e Rueiro, e do treito inicial do camiño do Rueiro dende a avenida da Peregrina, e do viario que vai da Condomiña a Punxeiras, en Bertamiráns (147.363,33 euros).

Por outra banda, o Concello de Ames pretende dedicar 444.207,42 euros para o financiamento de gasto corrente que se devenguen no exercicio 2025. Deste xeito, sumando o financiamento para gasto corrente, e mailos investimentos, a través das Achegas 2025 e 2024, ao Concello de Ames correspóndenlle 1.518.077,78 euros.

Plan complementario de 2025
O Plan complementario de 2025 inclúe investimentos financeiramente sostibles. Con cargo a esta partida preténdese executar 13 proxectos que contan cun orzamento base de licitación total de 2.556.271.71 euros. Ese plan complementario contempla actuacións nas parroquias de Ames, Ameixenda, Ortoño, Bugallido, Piñeiro, Trasmonte e Biduído.

Deste xeito, están previstas as obras da pavimentación de viarios na aldea Pedrouzos,  na parroquia de Ames (325.360,36 euros); pavimentación do viario Quintáns-Cortegada, na parroquia da Ameixenda (112.841,85 euros); pavimentación de viarios en Sisalde, na parroquia de Ortoño (219.507,25 euros); pavimentación de camiños peonís en Aldea Nova (183.060,02 euros); e pavimentación de viarios na aldea Vilaverde, na parroquia de Piñeiro (262.593,68 euros).

Ademais, contémplanse tres proxecto para a mellora da seguridade viaria de Costoia-A Moniña e no camiño de Framil, na parroquia de Biduído (231.139,17 euros); en Sorribas, na parroquia de Trasmonte (245.595,90 euros); e nas Buceleiras, na parroquia de Bugallido (237.077,74 euros). Tamén se acometerán obras de drenaxe transversal, debido á insuficiencia hidráulica en Piñeiro e en Pedras, na parroquia de Ames, aos que se van dedicar 60.380,31 euros e 51.309,53 euros, respectivamente.

Por último, dentro do plan complementario recóllese a renovación das beirarrúas na avenida da Maía ata o límite municipal de Brión (345.488,94 euros) e melloras en zonas máis preto aos núcleos urbanos do concello, como a pavimentación de viarios en Agro do Muíño, na parroquia de Ortoño (197.199,98 euros) e para o acondicionamento do entorno recreativo da urbanización As Mimosas (84.716,98 euros).

Redución da débeda
Tamén se abordará a participación no POS+ Adicional 3/2025 para a redución da débeda de 76 concellos coa Deputación pola utilización de préstamo provincial nos Plans 2015 a 2023.  Deste xeito, debaterase sobre o importe de 271.894,53 euros, da achega provincial aplicada á redución da débeda do Concello coa Deputación relativa ao préstamo provincial orixinada pola solicitude e aplicación de préstamo provincial no Plan de aforro e investimento (PAI 2015 e 2016) e no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, Plan único de concellos, (POS+ 2017 a 2023).

Recoñecemento extraxudicial de crédito 1/2025
Por último, na orde do día recóllese a aprobación, se procede, do recoñecemento extraxudicial de crédito 1/2025, para afrontar gastos realizados no exercicio 2024 sen o correspondente soporte contractual. Todos os gastos responden a obrigas económicas pendente de imputación orzamentaria e pago e cuxo importe ascende a 124.162,38 euros.

O Pleno debaterá a aprobación de 19 proxectos que se sufragarán con cargo ao POS+ 2025