- Tematica
Este xoves, 26 de novembro, o Concello de Ames celebra unha nova sesión plenaria. Neste caso a ordinaria do mes de novembro. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá a aprobación de dous proxectos relacionados co Ciclo integral da auga. Tamén se abordará a aprobación do suplemento de crédito 3/2020 financiado con remanente de tesourería para gastos xerais; a revisión de prezos do contrato de concesión da limpeza viaria e xestión do Punto Limpo do Concello de Ame, adxudicado á empresa Urbaser SA, correspondente ao exercicio 2020; a elección da xuíza de paz titular do Concello de Ames; a aprobación do Plan de Acción para o Clima e Enerxía Sostible (PACES); e tres propostas para a creación dunha canle Xabarín Club na TVG; de apoio á cultura e a súa declaración como ben de primeira necesidade; e para rebaixar o IVE das máscaras. Estes temas foron abordados o pasado venres, 20 de novembro, nas comisións informativas que se desenvolven de xeito previo ao pleno.
No pleno ordinario deste mes de novembro a Corporación municipal deberá abordar a aprobación, se procede, de dous proxectos relacionados co Ciclo integral da auga. O primeiro para executar unha rede de pluviais no lugar de Cantalarrana ata o límite do concello de Brión, que conta cun orzamento de execución por contrata de 60.796 euros. O segundo para dotar dos servizo de saneamento e abastecemento ao lugar de Quintáns, pertence á parroquia da Ameixenda. Esta obra conta cun presuposto base de licitación de 40.855,46 euros.
Tamén haberá que aprobar, se procede, a segunda modificación do proxecto modificado de mellora da eficiencia enerxética da iluminación pública no Milladoiro. Dita modificación é necesaria tras o requirimento de diferente documentación remitida pola Deputación da Coruña. Este proxecto está financiado a través do plan de obras e servizos provincial POS+ 2017.
Suplemento de crédito 3/2020
Dentro do apartado económico, abordarase a aprobación do suplemento de crédito 3/2020 financiado con remanente de tesourería para gastos xerais. Estando próximo o remate do exercicio 2020 é necesario dotar de crédito a aquelas partidas cuxo saldo é insuficiente. Así, é preciso dotar de 482.715,05 euros para gastos de investimentos. A maioría trátanse de gastos realizados e que responden fundamentalmente ao mantemento de infraestruturas e servizos, mentres que outros responden a gastos non previstos no orzamento.
Deste xeito, 48.000 euros son necesarios para o arranxo do local dedicado á nave da brigada municipal de obras que foi alugado recentemente. Outros 47.995,31 euros dedicaranse ao arranxo dun local que se vai a alugar para oficinas municipais na praza do Concello; 25.000 euros serán para a reposición de luminarias ou adquisición de equipos informáticos; e 87.719,84 euros imputaranse como crédito para o importe pendente de executar das obras de urbanización do sector A.P. EM05-03 por devolución dos avais incautados para a obra en virtude da sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Por outra banda, destinaranse 609.261,38 euros para gasto corrente. Cómpre destacar o incremento de gasto derivado do servizo de limpeza extraordinario pola Covid-19 (128.400 euros) e mailos gastos dos servizos educativos que se tiveron que incrementar como por exemplo os gastos de monitoraxe de comedores ou o gasto de adecuación das instalacións educativas polos protocolos adoptados fronte ao coronavirus (276.558,19 euros). Ademais, recóllese unha partida de 10.079,37 euros para os xuros correspondentes á devolución dos avais incautados para o P. EM05-03 en virtude da sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Ademais, haberá que abordar a revisión de prezos do contrato de concesión da limpeza viaria e xestión do Punto Limpo do Concello de Ame, adxudicado á empresa Urbaser SA, correspondente ao exercicio 2020. O importe dos atrasos que terá que aboar o Concello de Ames ascende a 4.531,50 euros. A Corporación municipal tratará tamén a aprobación do reembolso dos gastos xudiciais derivados do procedemento abreviado 363/2017.
Elección de xuíz/a de paz titular
Na sesión plenaria do 30 de xullo aprobouse por unanimidade as bases para a elección de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames. Durante o prazo de presentación de instancias presentáronse dúas solicitudes. Unha vez examinadas as dúas solicitudes, solicitóuselle a un dos candidatos que achegase a documentación que faltaba. Debido a que enviou parte da documentación requirida, pero non toda, considerouse o desistimento da súa solicitude, polo que se propón a elección da candidata Zeltia Otero Nieto como xuíza de paz titular do Concello de Ames.
Por outra banda, o Pleno deberá, se procede, aprobar a incorporación ao inventario municipal de bens do Concello de Ames o compromiso de adscribir á finalidade pública de campo de fútbol municipal o campo municipal de herba artificial de Bertamiráns, cuxa rexeneración realizouse co financiamento da Deputación provincial da Coruña, tal e como se recolle no convenio asinado o 9 de outubro de 2019.
Plan de Acción para o Clima e Enerxía Sostible
Tamén se abordará a aprobación, se procede, do Plan de Acción para o Clima e Enerxía Sostible (PACES) do Concello de Ames. Parte das actuacións a realizar están contempladas na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (EDUSI), concretamente no plan de aplicación para a xestión eficiente dos recursos municipais e a prevención de riscos dotadas con 201.600 euros; no programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público coa asignación de 912.000 euros; no programa de creación dunha rede de sendeiros escolares, deportivos e recreativos que favorezan a conectividade a pé e ciclable e cunha dotación de 432.000 euros; e no programa de mellora dos índices de consumo de enerxía nas vías, infraestruturas e edificios públicos con 432.000 euros.
Ademais, contribuirá ao obxectivo de aforro enerxético o cambio de luminarias no rural financiado polo IDAE que ascende a 1.425.000 euros. O resto das actuacións, que rondan os 5 millóns de euros, serán asumidas polo Concello. Para o seu financiamento o Concello poderá acudir á colaboración doutras instancias públicas.
Propostas presentadas
No pleno deste xoves, 26 de novembro, debaterase dúas propostas presentadas polos grupos municipais que forman o Goberno municipal (PSdeG-PSOE, BNG, Contigo Podemos) e mailo concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, pertencente ao grupo mixto. A primeira delas é de apoio á campaña e proposición non de Lei de iniciativa popular para unha canle Xabarín Club na TVG e máis e mellor difusión de programación infantil e xuvenil en galego impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística. A segunda proposta é de apoio á cultura e a súa declaración como ben de primeira necesidade.
Por outra banda, o grupo municipal popular presentou unha proposta para instar ao Goberno de España a modificar a Lei 37/1992. do 28 de decembro, do Imposto sobre o Valor Engadido, para incluír as máscaras, luvas e hidroxeles desinfectantes na listaxe de bens aos que se lles aplica o tipo superreducido do IVE do 4%.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames extiende pluviales, traída y alcantarillado a Cantalarrana y Quintáns"