Solapas principales

O Pleno debaterá a aprobación definitiva do Orzamento municipal de 2020

Miércoles, 29 de abril de 2020

Este xoves, 30 de abril, celebrarase de forma telemática o pleno ordinario correspondente ao mes de abril, a través da aplicación Councilbox subministrada por AVA Soluciones tecnológicas. A Corporación municipal debaterá a aprobación definitiva do Orzamento municipal de 2020. Ademais, abordarase a corrección de proxectos do POS 2020; a resolución da alegación e aprobación definitiva da Ordenanza fiscal xeral do Concello de Ames; o expediente de investigación patrimonial dun camiño no lugar do Casaliño; e maila resolución da alegación e aprobación definitiva da terceira modificación puntual do Regulamento Orgánico Municipal.

No pleno do pasado 20 de febreiro de 2020 aprobouse inicialmente o orzamento municipal 2020 e acordouse, de conformidade ca normativa aplicable, a súa exposición pública por 15 días hábiles a efectos de exame e reclamacións. O 14 de marzo de 2020 á vista da alarma sanitaria orixinada pola coronavirus COVID-19, o Goberno do Estado declarou o estado de alarma en todo o territorio español, mediante o Real decreto 463/2020. A disposición adicional terceira de dito decreto regula a suspensión de prazos administrativos, e de acordo coa mesma os prazos de exposición quedaron en suspenso.
 
Durante o prazo de exposición pública do orzamento municipal e antes de proclamarse o estado de alarma, presentouse unha única alegación, subscrita por parte do sindicato de CCOO de Galicia, o 9 de marzo de 2020. A dita alegación foi informada por Secretaría e Intervención municipal e ditaminada na Comisión informativa de Facenda celebrada o pasado 13 de abril de 2020, propoñendo a súa desestimación.
 
Posteriormente, no pleno ordinario do mes de marzo, celebrado o pasado 16 de abril, a Corporación municipal aprobou por unanimidade a reanudación do prazo do trámite de exposición pública do orzamento 2020. A exposición pública do orzamento municipal de 2020 suspendeuse debido á declaración do estado de alarma, cando quedaban dous días para finalizar dita exposición. Deste xeito, o Pleno deberá aprobar, se procede, a resolución da única alegación presentada e maila aprobación definitiva do orzamento municipal 2020.
 
O orzamento de 2020 ascende a cifra de 27.370.000 euros, incrementando en 1.370.000 euros (5,29%) respecto do presuposto de 2019. Trátase do maior orzamento municipal aprobado no Concello de Ames. Recolle un forte compromiso nos capítulos de investimentos, desenvolvemento dos servizos básicos, e blinda as áreas de educación e servizos sociais.
 
A concelleira Economía e Facenda, Genma Otero, explica que “desde o goberno estamos moi contentos de poder aprobar definitivamente este Orzamento municipal de 2020, que quedara suspendido por tan só dous días de exposición pública. E aínda que sufrirá algunhas modificacións motivadas polo situación de emerxencia que estamos a vivir, este orzamento vai garantir a implementación de programas e medidas de apoio á cidadanía e ás empresas do noso concello, que axudarán e aliviarán as economías e que se complementarán coas medidas implantadas desde o Estado, para contribuír á recuperación do tecido económico no noso concello".
 
Corrección de proxectos do POS 2020
Outros dos asuntos que se abordarán no pleno ordinario de abril será a corrección dos proxectos do POS 2020, aprobados no pleno do 18 de decembro de 2019. As correccións, que son de tipo técnico, afectan aos proxectos de reparación e mellora da Casa da Cultura do Milladoiro e outros; execución de gradas e vestiarios en Aldea Nova; mellora de interiores en Rúa (Piñeiro); execución dunha senda peonil en Lapido (Ortoño); e mellora dos vestiarios e do muíño da praia fluvial de Tapia. 
 
Ao mesmo tempo deberá aprobarse, se procede, unha nova solicitude de participación no POS+ 2020 no que se recollen 150.000 euros para financiamento de gastos corrente; 871.278,10 euros para financiamento de investimentos (dos cales 867.210,30€ son achedados pola Deputación e 4.067,80€ son de fondos municipais propios); e 4.067,80 euros para a redución de débeda con entidades financeiras. A contía total de fondos provinciais que lle corresponde ao Concello de Ames é de 1.021.278,10 euros (a Achega de 2020 é de 473.855,73€; a Achega de 2019 é de 114.677,41€; e o préstamo de 2020 ascende a 432.744,96€). Ademais, débese aprobar, se procede, o Plan Complementario do ano 2020 no que se inclúen cinco proxecto por valor de 938.920,40 euros.
 
Aprobación definitiva da terceira modificación puntual do ROM
Por outra banda, debaterase a resolución da alegación e aprobación definitiva da terceira modificación puntual do Regulamento Orgánico Municipal (ROM). Na sesión plenaria celebrada o pasado 26 de decembro de 2019 aprobouse inicialmente a terceira modificación do regulamento orgánico municipal (ROM) do Concello de Ames. A modificación afecta unicamente aos artigos 10 e 15, onde se regulan as comisións informativas e a xunta de voceiros. Durante o prazo de exposición pública presentouse unha alegación que afecta o artigo 51 do ROM.
 
Tal e como figura no informe de Secretaría proponse a desestimación da alegación presentada, xa que a mesma non ten relación co contido da terceira modificación do ROM. Por conseguinte, proponse ao Pleno aprobar definitivamente a modificación dos artigos 10 e 15 do Regulamento Orgánico Municipal, aprobada inicialmente por acordo plenario de data 26 de decembro de 2019.
 
Investigación patrimonial dun camiño no lugar do Casaliño
Ademais, abordarase o expediente de investigación patrimonial dun camiño no lugar do Casaliño. Sobre este asunto hai que lembrar que hai aproximadamente un ano fíxose unha solicitude para incorporar ao inventario municipal un camiño existente no lugar do Casaliño. Tramitado o correspondente expediente de investigación figura no informe da técnica municipal de Secretaría e da secretaria municipal, que non queda acreditado que o camiño é un ben de dominio público, sendo en consecuencia a súa titularidade privada.
 
Ordenanza fiscal xeral do Concello de Ames
Por último, tratarase a resolución da alegación e aprobación definitiva da Ordenanza fiscal xeral do Concello de Ames. No pleno do 26 de decembro de 2019 prestouse aprobación provisional a modificación da Ordenanza fiscal xeral de xestión, recadación e inspección dos tributos e dos ingresos de dereito público do Concello de Ames. Durante o trámite de información pública presentouse unha alegación contra o artigo 19, titulado Medios de pago, que foi informada desfavorablemente pola tesoureira municipal. Polo tanto, proponse ao Pleno a aprobación definitiva de dita ordenanza.
O Pleno debaterá a aprobación definitiva do Orzamento municipal de 2020