- Tematica
Este xoves, 13 de xuño, celebrarase un pleno extraordinario no que a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación do documento definitivo da Axenda Urbana 2030, que é o documento que marcará a estratexia e as accións a levar a cabo ata 2030, para facer de Ames un concello de convivencia amable, acolledor e máis saudable. Esta folla de ruta naceu como resultado dun proceso participativo no que se implicou ao persoal técnico do Concello e Ames e ao tecido asociativo do municipio co obxectivo de pulsar a súa opinión e de que achegasen propostas e suxestións de cara á redacción do documento definitivo da diagnose. A presentación da Axenda Urbana 2030 realizouse este pasado martes, 11 de xuño, no Pazo da Peregrina. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.
A Corporación municipal de Ames debaterá este xoves, 13 de xuño, en pleno extraordinario a aprobación do documento definitivo da Axenda Urbana 2030. Previamente foi presentada este pasado martes, 11 de xuño, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns.
A Axenda urbana e rural para o concello de Ames é necesaria para dar resposta aos compromisos das entidades locais cos ODS da Axenda 2030 e, máis concretamente, co ODS 11 – Cidades e comunidades sustentables. Nese senso, a través de dito documento búscase definir un Plan estratéxico de acción local (PEAL) para Ames que permita implementar no concello o modelo da Axenda Urbana Española e que identifique e defina os principais retos e proxectos estratéxicos do concello.
A elaboración da Axenda urbana consta de catro fases: diagnose, definición do marco estratéxico, elaboración do plan de acción (PEAL) e seguimento e avaliación. A Axenda Urbana 2030 inclúe a análise e diagnose e mailo marco estratéxico e plan de acción. Ademais, cando sexan aprobados haberá que incluír os indicadores de resultados e seguimento.
Para a elaboración de dito documento estratéxico abriuse un proceso participativo a través dunha enquisa aberta á participación cidadá e con diferentes foros nos que se implicou ao persoal técnico do Concello e Ames e ao tecido asociativo do municipio co obxectivo de pulsar a súa opinión e de que achegaran propostas e suxestións de cara á redacción do documento definitivo da diagnose.
A análise e diagnose centrase en diferentes eidos como son o territorio, paisaxe e biodiversidade; modelo de cidade; cambio climático; xestión sustentable dos recursos e economía circular; mobilidade e transporte; cohesión social e igualdade de oportunidades; economía urbana; vivenda e era dixital.
Obxectivos estratéxicos e transversais
A Axenda Urbana de Ames ten seis obxectivos estratéxicos e tres obxectivos transversais. Os principais obxectivos estratéxicos son fomentar a cohesión territorial entre Bertamiráns e O Milladoiro, como núcleos centrais integrados e conectados co territorio interno e externo do municipio; poñer en valor os recursos endóxenos do territorio conectándoos entre eles; organizar os recursos e as necesidades de Ames para diminuír os efectos do cambio climático no municipio; xerar un espazo urbano e rural agradable, integrador e acolledor a todas as persoas; atender ás necesidades concretas da poboación de Ames, poñendo atención á súa característica situación demográfica; e dinamizar económica e produtivamente o territorio de Ames.
Por outra banda, entre os obxectivos transversais figuran fomentar e favorecer a gobernanza colaborativa no interior e de cara ao exterior do municipio; asegurar a igualdade de xénero en todos os estadios e proxectos da Axenda Urbana de Ames; e transicionar cara a era dixital no municipio.
Plan de acción da Axenda Urbana 2030
O Plan de Acción da Axenda Urbana de Ames reflicte unha visión ambiciosa e participativa para impulsar o progreso e a mellora da calidade de vida no municipio. Enfocándose nunha combinación de proxectos tractores e accións específicas. Os proxectos tractores son a integración dos núcleos do Milladoiro e Bertamiráns; posta en valor do rural de Ames; integración do medio natural nas dinámicas municipais; mellora do espazo urbano do núcleo do Milladoiro; e integración do espazo urbano de Bertamiráns co seu medio natural.
As accións céntranse en seis obxectivos: fomentar a cohesión territorial entre Bertamiráns e O Milladoiro como núcleos centrais integrados e conectados co territorio interno e externo do municipio; poñer en valor os recursos endóxenos do territorio conectándoos entre eles; organizar os recursos e as necesidades de Ames para diminuír os efectos do cambio climático no municipio; xerar un espazo urbano e rural agradable, integrador e acolledor a tódalas persoas; atender ás necesidades concretas da poboación de Ames, poñendo atención á súa característica situación; e dinamizar económica e produtivamente o territorio de Ames.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames define su Axenda 2030: cuidado del territorio, transporte y servicios"