- Tematica
Este xoves, día 26, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de setembro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá a cuarta modificación do Plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames, a primeira modificación do contrato do servizo de limpeza integral nas instalacións dos centros de educación infantil e primaria e escolas unitarias, a aprobación do convenio e encomenda de xestión ao Concello de Teo para a prestación do servizo de atención temperá, e a probación do estudo de viabilidade da concesión de obra para a construción da instalación deportiva municipal de O Milladoiro e da piscina municipal de A Telleira para a súa explotación conxunta. Tamén se debaterán por vía de urxencia tres mocións. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.
O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, da acta correspondente á sesión ordinaria do mes de agosto celebrada o pasado 11 de setembro de 2024.
A continuación abordarase a cuarta modificación do Plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames. Dita modificación está motivada porque o goberno municipal pretende introducir unha nova liña de axudas na area de Servizos Sociais e Promoción Social trala aprobación definitiva da modificación das bases de execución do orzamento do exercicio 2024, para incluír a subvención nominativa á entidade Solidariedade Internacional de Galicia, co obxecto de colaborar co programa galego de acollida temporal a mulleres defensoras de dereitos humanos denominado Galicia Abriga.
Modificación do contrato do servizo de limpeza nos centros de ensino
O Pleno debaterá tamén a primeira modificación do contrato do servizo de limpeza integral nas instalacións dos centros de educación infantil e primaria e escolas unitarias do concello de Ames. O motivo de dita modificación é pola ampliación nas instalacións do CEIP Agro do Muíño coa incorporación dunha nova edificación de planta baixa e planta alta, cunha superficie construída de 1.786,35 metros cadrados. Asi mesmo, aproveitase para efectuar a regularización anual de horas entre os períodos comprendidos dende o 1 de setembro de 2024 e o 31 de agosto de 2025 como consecuencia do calendario escolar.
O importe da modificación ascende a 21.165,00 euros, máis 4.444,65 euros (IVE 21%), o que fai un importe total de 25.609,65 euros, que se corresponde cun incremento anual de horas de 1.556,25 non superando así a porcentaxe de modificación do contrato (20%). O importe total anual do contrato, unha vez efectuada a modificación do contrato, ascende a 242.256,80 euros, máis 50.873,93 euros (IVE 21%), o que fai un importe total de 293.130,73 euros.
Servizo de atención temperá
Por outra banda, tratarase a aprobación do convenio e encomenda de xestión ao Concello de Teo para a prestación do servizo de atención temperá. O Pleno do Concello de Ames na sesión do 2 de setembro de 2021 aprobou o convenio de colaboración entre os Concellos de Ames e Teo para a xestión compartida do servizo de atención temperá no marco da rede galega, que foi asinado o 11 de outubro de 2021 cunha duración de inicial de 1 ano.
Dito convenio xa foi prorrogado para dar continuidade ao servizo. Agora, proponse subscribir un novo convenio co Concello de Teo cunha duración de dous anos anos, dende o 1 de novembro de 2024 ata 31 de outubro de 2026, para darlle continuidade á prestación do servizo de atención temperá no Concello de Ames e que se preste mediante xestión compartida co Concello de Teo.
Centro deportivo municipal do Milladoiro
A Corporación municipal debaterá a aprobación do estudio de viabilidade da concesión de obra para a construción da instalación deportiva municipal do Milladoiro e mellora da piscina municipal da Telleira, en Bertamiráns, para a súa explotación conxunta, presentado pola empresa Dosvalor Consultoría SL o pasado 18 de xuño de 2024.
Apartado de mocións
Por último, abordaranse tres mocións que serán presentadas por vía de urxencia. A primeira, presentada polo grupo municipal socialista, para que o goberno do Estado estableza a gratuidade do tramo da AP-9 entre Santiago de Compostela e Padrón. A segundo moción, presentada polo grupo municipal do BNG, trata sobre a situación da educación no concello de Ames, e a terceira, presentada polos grupos municipais do Partido Popular, Bloque Nacionalista Galego e Espazo Común, en apoio á veciñanza e comercio do Milladoiro afectados polas obras de humanización da N-550.
Novas relacionadas:
Lindeiros: "A humanización do Milladoiro protagonista no pleno de Ames"
El Correo Gallego: "El pleno de Ames reclama una AP-9 gratuita mientras dure la humanización de O Milladoiro"