Solapas principales

O Pleno debaterá a aprobación do expediente de licitación do servizo de limpeza viaria e maila modificación do contrato do SAF

Miércoles, 24 de marzo de 2021

Este xoves, 25 de marzo, o Concello de Ames celebra o pleno ordinario do mes de marzo. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá a aprobación do expediente de licitación do servizo de limpeza viaria e xestión dos puntos limpos. Tamén se abordará a modificación do contrato do servizo de axuda no fogar (SAF); a resolución de alegacións e aprobación definitiva da ordenanza reguladora de terrazas e elementos vinculados á actividade comercial e hostalaría con fins non festivos; a aprobación do proxecto modificado para a pavimentación dos accesos ao lugar de Ventosa (POS 2019); a declaración institucional para garantir a máxima transparencia e cumprimento do protocolo de vacinación; e a solicitude de comparecencia do alcalde presentada polo grupo municipal popular. Ademais, abordarase unha proposta do grupo municipal socialista sobre a demanda dun incremento das achegas da Xunta ao servizo de axuda no fogar, e outra proposta do concelleiro Jose Ramón Oulego de condena dos altercados ocorridos en varias cidades españolas nas manifestacións en favor do rapeiro condenado Pablo Hansel. Todos estes temas foron tratados previamente, o pasado luns 22 de marzo, nas comisións informativas.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, está traballando dende hai tempo nos pregos do novo contrato do servizo de limpeza viaria e xestión dos Puntos Limpos do Concello de Ames. Deste xeito, vaise a debater no pleno ordinario do mes de marzo, que se vai celebrar este xoves, 25 de marzo, a aprobación do expediente de contratación. Dito contrato vai a ter unha duración de 10 anos. O importe base de licitación ascende a 1.064.223,85 euros, o que supón un incremento económico de 336.607,95 euros (46,26%), respecto do anterior contrato que ascendía a 727.615,90 euros.

Dito incremento é debido a que no novo contrato se inclúen moitas máis zonas para realizar a limpeza viaria, en concreto vaise prestar dito servizo en toda a localidade de Bertamiráns, do Milladoiro e das urbanizacións. Ata o de agora non se está prestado este servizo de forma habitual en todas as rúas urbanas. Ademais, co novo servizo tamén se vai a facer a limpeza nas distintas prazas do concello, que actualmente estaban fóra do contrato e que as limpaba o persoal da Brigada municipal de obras, e mailas áreas de aparcamentos dos núcleos urbanos.

Ademais, inclúense diversas zonas do rural, especialmente aquelas nas que hai beirarrúas, destacando a limpeza de A Ponte Maceira (principal núcleo turístico de Ames) ou os tramos do Camiño de Santiago. Tamén se vai ampliar o horario de atención do Punto Limpo, de luns a sábado, de 9.00 a 15.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Outra das novidades será o servizo do Punto limpo móbil, xa que se vai a proporcionar á veciñanza un servizo de recollida selectiva de residuos domésticos especiais que deben ser obxecto de xestión diferenciada, para a súa reciclaxe, valorización ou eliminación controlada. Este servizo realizarase de maneira prioritaria nas zonas rurais do municipio.

Modificación do contrato do servizo de axuda no fogar
Por outra banda, o Pleno debaterá a aprobación do expediente de modificación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar, na modalidade de SAF dependencia. A modificación será por importe de 336.845,69 euros para a ampliación de 850 horas mensuais. Cómpre lembrar que o Pleno aprobou o 25 de xuño de 2020 a adxudicación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar, á contratista Servizos Sociais Ulla-SAR SL. O contrato asinouse o 22 de xullo de 2020 dando inicio a prestación do servizo o 1 de agosto de 2020. Os pregos de licitación do Servizo de Axuda no Fogar regulan a modificación do contrato, polo que se pode incrementar o servizo en 850 horas mensuais, tal e como se propón.

Ordenanza de terrazas
Ademais, debaterase a resolución de alegacións e maila aprobación definitiva da ordenanza reguladora da ocupación do dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e elementos vinculados á actividade comercial e hostalería con fins non festivos. No pleno do 29 de decembro de 2020 aprobouse se xeito provisional dita ordenanza e someteuse a exposición pública por prazo de 30 días hábiles a efecto de exame e alegacións.

Durante o prazo de exposición pública, que comprendeu dende o día 11 de xaneiro ata o 19 de febreiro de 2021, ambos inclusive, foron presentadas 3 alegacións: unha polo grupo municipal do Partido Popular; a segunda por Jorge López Pena, en representación da Xuntanza de Empresarios de Ames; e a terceira por David Dopazo Mella como membro da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Aloxamento de Santiago. Examinadas as alegacións polo servizo municipal de urbanismo propúxose a desestimación das alegacións de David Dopazo Mella e a estimación parcial da alegación do grupo municipal popular e de Jorge López Penas, en representación da xuntanza de empresarios de Ames.

Modificación do proxecto de pavimentación de accesos ao lugar de Ventosa
O proxecto de pavimentación de accesos no lugar de Ventosa está incluído no POS+ 2019, aprobado polo Pleno o 18 de decembro de 2018.  Unha vez remitido o expediente á Deputación Provincial da Coruña, o organismo provincial informou da necesidade de acreditar dende o punto de vista técnico que o proxecto cumpre os requirimentos do permiso de Patrimonio. Esta situación motivou a redacción dun proxecto modificado que dea cumprimento as esixencias da autorización da Dirección Xeral de Patrimonio. Dito proxecto, que non incrementa o orzamento (95.009,62 euros), terá que ser aprobado pola Corporación municipal.

Declaración institucional para o cumprimento do protocolo de vacinación
Ademais, tratarase a declaración institucional, ante a proposta do concelleiro do grupo mixto José Ramón Oulego, para garantir a máxima transparencia e cumprimento do protocolo de vacinación e asegurar o cese dos políticos que se salten ou cometan calquera tipo de irregularidade asociada ao proceso ou a orde de vacinación.

En dita proposta recollese que o Pleno de Ames manifesta a necesidade de que o equipo de Goberno, así como todas as formacións políticas con presencia institucional no consistorio de Ames asuman o compromiso ético de pedir a dimisión dos seus cargos públicos, que se salten o plan de vacinación ou que incumpran o protocolo de vacinación establecido en proveito propio ou beneficiándose da súa posición, prexudicando con iso ás persoas que realmente necesitaban con prioridade esa vacina e viron atrasada a súa quenda; así como o compromiso de cesar ao persoal contratado ou nomeado por eles que se salte o plan de vacinación ou incumpran o protocolo de vacinación.

Solicitude de comparecencia do alcalde
Tamén se abordará a solicitude de comparecencia do alcalde, presentada polo grupo municipal popular, para informar sobre o desenvolvemento do Plan Impulsa Ames e para que sexa efectiva na próxima sesión do Pleno da Corporación

Propostas presentadas polo grupo municipal socialista e Ciudadanos
Ademais, abordarase unha proposta do grupo municipal socialista sobre a demanda dun incremento das achegas da Xunta ao servizo de axuda no fogar. En dita proposta recollese que o Pleno do Concello de Ames, en base as competencias en servizos sociais que corresponden a administración autonómica, insta a Xunta de Galicia a que incremente o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar que é da súa competencia e que xestionan os concellos, que permanece conxelado dende o ano 2012, de xeito que se axuste á realidade do prezo/hora actualmente vixente e se preste este servizo público esencial coa máxima calidade e coas mellores condicións de traballo para os/as profesionais deste servizo.

A segunda proposta, presentada polo concelleiro Jose Ramón Oulego, de Ciudadanos, trata sobre a condena dos altercados ocorridos en varias cidades españolas nas manifestacións en favor do rapeiro condenado Pablo Hansel, así como de apoio á labor levada a cabo polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado durante ditos altercados.

En dita proposta ínstase ao Goberno a levar a cabo unha investigación sobre a   organización de protestas violentas de forma coordinada en varias cidades españolas; reiterar o seu apoio ás familias, os empresarios, autónomos e donos de negocios afectados polos danos causados por estes violentos. Tamén se recolle o apoio a acción das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e mostrar o apoio aos axentes feridos; e desmarcarse expresamente das manifestacións públicas realizadas por Pablo Echenique, portavoz parlamentario de Unidas Podemos no Congreso, partido no Goberno de España, nas que mostraba o seu apoio expreso aos “mozos antifascistas” causantes dos disturbios e da violencia.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "Ames debate sobre o Servizo de Axuda no Fogar"

Salón de plenos.