Solapas principales

O Pleno debaterá a aprobación do proxecto técnico para a execución das obras de construción de beirarrúas na Avenida da Maía en Bertamiráns

Martes, 29 de junio de 2021

Este mércores, 30 de xuño, o Concello de Ames celebra o pleno ordinario do mes de xuño. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá a solicitude dunha subvención nominativa á Deputación provincial da Coruña para a execución das obras de construción nunha primeira fase de beirarrúas na Avenida da Maía en Bertamiráns. Tamén se abordará a licitación do servizo de limpeza viaria e xestión do punto limpo do Concello de Ames. Outro dos puntos a tratar é o inicio do expediente para a determinación do modelo de xestión mais sostible e eficiente do servizo público municipal do Ciclo Integral da Auga (CIA) do Concello de Ames. Por último, debaterase  a proposta que presentan os grupos municipais do goberno de Ames para compatibilizar o cobro da renda de inclusión Social de Galicia co ingreso mínimo vital.

Un dos asuntos incluídos na orde do día do pleno ordinario deste mes de xuño é solicitar da Deputación Provincial da Coruña, a súa colaboración económica no financiamento das obras de construcción de beirarrúas en Avenida da Maía.

O Concello de Ames ven experimentando dende fai anos un importante crecemento poboacional e de servizos situándose unha gran parte dos mesmos no núcleo de Bertamiráns, capital municipal, que conta na actualidade con 9.006 habitantes do total de 32.316 que suma o municipio, e concentra gran parte dos servizos públicos administrativos, asistenciais, sanitarios e educativos de Ames.

Na actualidade, as beirarrúas de ambos marxes da Avenida da Maía presentan un estado deficiente e heteroxéneo froito das distintas intervencións realizadas, así como do uso da maquinaria de limpeza viaria que debido ao peso e ao uso habitual ocasionan danos. Existen, ademais, numerosas arquetas e pozos de rexistro que, nalgún dos casos, se atopan deteriorados.

Por todo isto o concello encargou a redaccion dun proxecto técnico que conta cun orzamento de execución por contrata de 301.205,72 €, proxecto que se vai presentar ao pleno para a súa aprobación, e do que se pretende que a Deputación da Coruña financie o 80% da actuación a realizar.

Licitación do servizo de limpeza viaria

Por outra banda, vaise a debater a aprobación da segunda licitación do servizo de limpeza viaria e xestión do punto limpo do Concello de Ames. Cómpre recordar que no pleno ordinario do pasado mes de maio fora aprobado o desistimento do expediente de licitación do servizo de limpeza viaria e xestión do Punto Limpo co voto a favor dos membros do Goberno municipal e dos concelleiros do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos. Este desestimento foi debido a un recurso presentado ao pregos existentes.

Tras as modificacións realizadas, correspóndelle ao pleno aprobar os pregos do expediente de contratación para a adxudicación, do servizo de limpeza viaria e xestión dos puntos limpos do Concello de Ames. Así como a aprobación da súa publicación na plataforma de contratación do sector público e no Diario da Unión Europea.

Ciclo Integral da Auga

Outro dos asuntos a tratar neste pleno ordinario do mes de xuño é o inicio do expediente para a determinación do modelo de xestión mais sostible e eficiente do servizo público municipal do Ciclo Integral da Auga (CIA) do Concello de Ames.

Para o Goberno Municipal foi, dende o ano 2015, unha prioridade o estudo da posibilidade de mudar o modelo de xestión dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración ligados ao Ciclo Integral da Auga. Os traballos realizados, ao longo destes anos, e os informes recibidos poñen en consideración que o Concello debería asumir a titularidade pública do servizo e a súa responsabilidade da xestión, indicando, ademais, que a xestión directa podería ser máis conveniente ao interese municipal. Neste pleno se vai a propoñer a creación dunha Comisión de Estudo formada por técnicos municipais e representantes de todas as forzas políticas da Corporación co obxectivo de promover un procedemento aprticipativo e aberto.

Cobro da renda de inclusión Social

Ademais, abordarase a proposta que presentan os grupos municipais do goberno de Ames ( PSdG-PSOE, BNG, e Contigo Podemos) para solicitar a modificación do Decreto 14/2019, de desenvolvemento da lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión Social de Galicia para compatibilizar o cobro da renda de inclusión Social de Galicia co ingreso mínimo vital.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Diputación al rescate para renovar las ruinosas aceras de Bertamiráns"

Revista AmesGO: "O Goberno local leva a pleno o primeiro paso para asumir a titularidade pública do servizo do Ciclo Integral da Auga"

 

Concello de Ames