- Tematica
Este xoves, día 31, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de outubro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá a resolución de alegacións sobre a modificación da ordenanza reguladora da taxa pola prestación de servizos complementarios educativos; o inicio de expediente de resolución do contrato do servizo de axuda no fogar; a modificación do anexo do cadro de persoal do orzamento EPEL 2024; o inicio do expediente de liquidación do contrato de concesión para a xestión do servizo publico do ciclo integral da auga asinado con Espina & Delfin SL; e a elección de xuíz/a de paz titular. Ademais, debaterase a autorización do incremento da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extras e horas complementarias no orzamento de 2024; a transferencia de créditos 4/2024; o suplemento de crédito 1/2024 financiado con remanente de tesourería para gastos xerais; e maila aprobación das novas cotas pola continuidade na Mancomunidade Serra do Barbanza. Por último, debateranse dúas mocións presentadas polo BNG de Ames. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.
O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, da acta correspondente á sesión ordinaria do mes de setembro celebrada o pasado 26 de setembro, e da acta da sesión extraordinaria celebrada o 11 de outubro.
A continuación abordarase a resolución de alegacións á modificación da Ordenanza número 3.A.8 reguladora da taxa pola prestación de servizos complementarios educativos e de conciliación da vida familiar e laboral. No pleno ordinario celebrado o pasado 31 de xullo aprobouse inicialmente a modificación de dita ordenanza. Durante o período de exposición pública rexistráronse dúas alegacións, unha das cales proponse que sexa estimada, co cal dita ordenanza fiscal entraría en vigor o seguinte curso escolar.
O Pleno debaterá tamén o inicio do expediente de resolución do contrato do servizo de axuda no fogar do Concello de Ames. O pleno do Concello de Ames en sesión do 23 de febreiro de 2023 adxudicou dito contrato á empresa Osventos Innovación en Servizos SL. O contrato asinouse o 22 de marzo de 2023 iniciando a súa prestación o 1 de abril de 2023. A duración do contrato é de dous anos prorrogables por un período de dous anos ata un máximo de catro anos. Debido a múltiples incumprimentos do contrato, proponse o inicio de expediente de resolución de dito contrato.
Ciclo Integral da Auga
Outro dos temas que se abordarán será a modificación do anexo do cadro de persoal do orzamento EPEL 2024, integrado no Orzamento Xeral do Concello de Ames para o exercicio 2024. O Consello de Administración da entidade publica empresarial Augas de Ames, EPEL, na sesión que tivo lugar o día 7 de outubro de 2024 modificou o Anexo do cadro de persoal do orzamento da EPEL 2024 co fin de introducir tres correccións que consistían en eliminar a referencia ao grupo profesional 5 do posto de xerente, dado que non é persoal laboral, senón persoal directivo asimilado a alto cargo; modificar a porcentaxe de xornada dun posto de auxiliar administrativo con grupo profesional nivel B, que pasa do 62,5% ao 100%; e modificar o grupo profesional do posto de xefe/a do servizo que pasa do grupo profesional 4 ao 6.
Tamén se abordará o inicio de expediente de liquidación do contrato de concesión do servizo público Ciclo Integral da Auga do Concello de Ames, fixando en concepto de liquidación un saldo a favor do Concello de 815.180,82 euros, polos conceptos de mantemento correctivo pendente (807.579.82 euros), importe do perfilador láser que non puido repoñerse (4.000 euros), e a diferencia de valor entre a cámara ofertada polo licitador e a finalmente achegada que non obstante, cumpre satisfactoriamente a súa función (3.601 euros).
Xuíz/a de paz titular
Ademais, abordarase a elección de xuíz/a de paz titular para o Concello de Ames. Durante o prazo de presentación de solicitudes presentándose un total de 4 instancias. Todos os solicitantes cumpren os requisitos esixidos, pero considerando o currículum dos mesmos, e tendo en conta que Pablo Xosé Pouso é o único graduado en Dereito dos 4 candidatos, proponse a este como xuíz de paz titular do Concello de Ames.
Servizos económicos
Por outra banda, abordarase varios temas de índole económica. O primeiro será a autorización para incrementar o importe global das gratificacións, horas extraordinarias e horas complementarias para o exercicio 2024, quedando o importe global fixado en 339.986,80 euros.
O segundo punto económico a tratar será a modificación orzamentaria: transferencia de créditos 4/2024 entre distintas áreas de gasto do orzamento municipal do exercicio 2024. O obxectivo desta operación é dispor de 60.000 euros de crédito para poñer en marcha unha nova campaña dos “Bonos Consuma”, tras o éxito da campaña no comercio local nos últimos 3 anos.
O terceiro tema económico que se vai tratar será o suplemento de crédito 1/2024 financiado con remanente de tesourería para gastos xerais por importe de 1.020.373,59 euros.
Mancomunidade Serra do Barbanza
Ademais, tratarase a aprobación das novas cotas pola continuidade na prestación do servizo de recollida e tratamento dos residuos sólidos urbanos e asimilables coa Mancomunidade Serra do Barbanza, ao tratarse dun servizo básico e ata que o Concello de Ames estude a forma máis eficiente de prestación do servizo. Deste xeito, haberá que, se procede, aceptar as cotas provisionais emitidas pola Mancomunidade Serra do Barbanza mentres se siga a prestar o servizo, e cuxo importe mensual ascende a 243.677,03 euros. Debido a isto haberá que dotar de crédito no orzamento 2024 para facer fronte as cotas pendentes de liquidar para o exercicio 2024 por importe de 518.816,43 euros.
Apartado de mocións
Por último, abordaranse dúas mocións presentadas polo BNG de Ames. A primeira relativa á organización e regulamento para a participación dos membros da Corporación municipal en todos os actos públicos e oficiais nos que deba estar representado o Concello. A segunda é para demandar que a Xunta de Galicia atenda as necesidades sobre o transporte no rural do concello.
Novas relacionadas:
Lindeiros: "O goberno de Ames leva a pleno o uso dun millón de euros do remanente para gasto xeral"
El Correo Gallego: "Ames lleva a pleno un suplemento de más de un millón para gastos corrientes"