- Tematica
Este xoves, 24 de febreiro, o Concello de Ames celebra o pleno ordinario do mes de febreiro. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación inicial da modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana e sobre a aprobación do expediente de licitación do servizo de limpeza integral nas instalacións municipais e nos centros educativos do concello de Ames. Ademais, darase conta da execución trimestral sobre o período medio de pago a provedores e do informe de morosidade relativo ao cuarto trimestre de 2021. Tamén se dará conta das queixas, suxestións e reclamacións presentadas no ano 2021.
Un dos asuntos incluídos na orde do día do pleno ordinario de febreiro é a aprobación inicial da modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana.
A Concellaría de Economía e Facenda propuxo unha modificación da ordenanza fiscal reguladora do incremento de valor dos terreos de natureza urbana co fin de adaptar o seu contido ao Real decreto lei 26/2021 do 8 de novembro, polo que se adapta o texto refundido da lei reguladora das facendas locais á Sentenza do Tribunal Constitucional respecto do imposto sobre incremento do valor dos terreos de natureza urbana.
Se a Corporación municipal aproba dita modificación, o acordo de aprobación provisional terá que estar en exposición pública durante un prazo de 30 días hábiles, mediante anuncio no Boletín Oficial da Provincia. De non formularse reclamacións, o acordo de aprobación ata entón provisional quedará elevado a definitivo de forma automática. De presentarse reclamacións, terán que ser resoltas polo Pleno e aprobadas por maioría simple.
Servizo de limpeza nas instalacións municipais e centros educativos
Outros dos asuntos a debater será a aprobación do expediente de contratación do servizo de limpeza integral nas instalacións municipais e nos centros educativos do concello de Ames. Dito contrato estará divido en tres lotes: servizo de limpeza nos centros de educación infantil e primaria e escolas unitarias; servizo de limpeza de escolas infantís; e servizo de limpeza de instalacións de uso municipal. O presuposto base de licitación ascende a 2.049.999,77 euros (IVE incluído), por un período de tres anos.
Para dar conta
Ademais, darase conta dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria; da execución trimestral sobre o período medio de pago a provedores e do informe de morosidade relativo ao cuarto trimestre de 2021. Tamén se dará conta das queixas, suxestións e reclamacións presentadas no ano 2021.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Volve ao pleno o servizo de limpeza por 2 millóns"