- Tematica
Este xoves, 27 de xaneiro, o Concello de Ames celebra o pleno ordinario do mes de xaneiro. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá sobre a adxudicación do expediente de licitación do servizo de limpeza viaria e xestión de puntos limpos. Ademais, debaterase a modificación do sistema de prórrogas do contrato asinado con Servizos Sociais Ulla Sar SL, para a prestación do servizo de axuda no fogar, e proporase aprobar a primeira prórroga do contrato deste servizo por un prazo de 6 meses. Tamén se vai debater sobre a adhesión á declaración de Valladolid sobre o compromiso das cidades pola economía circular; a adhesión á Rede de Cidades e Comunidades Amigables coas Persoas Maiores; a aprobación inicial do Regulamento da política de seguridade da información do Concello de Ames; e a ratificación do acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local de desistir do expediente de licitación de servizo de limpeza integral nas instalacións municipais e centros educativos. Por último, o grupo municipal popular presentou unha proposta para o cesamento do ministro de consumo polos seus ataques á gandería e ao sector cárnico español, así como unha moción sobre a mellora do paseo fluvial de Bertamiráns.
Debido á actual situación sanitaria derivada da COVID19 o pleno ordinario deste mes de xaneiro realizarase de xeito semi-presencial. O alcalde e mailos/as voceiros/as dos diferentes grupos políticos municipais estarán presentes no salón de plenos da Casa do Concello e o resto de concelleiros/as da Corporación municipal conectarase de xeito telemático a través da rede. O pleno será retransmitido por streaming.
Un dos asuntos incluídos na orde do día deste primeiro pleno ordinario de 2022 é a adxudicación do expediente de licitación do servizo de limpeza viaria e xestión de puntos limpos. O expediente de licitación deste servizo foi aprobado polo Pleno o pasado 30 de xuño de 2021. A proposta que se leva ao pleno é adxudicar este servizo á empresa Urbaser SA por un importe de 7.388.427,97 euros e un período de 7 anos que abrangue dende o 15 de xullo de 2022 ata o 14 de xullo de 2029.
O novo contrato recolle importantes melloras no servizo. Deste xeito, realizaranse traballos de limpeza viaria en toda a localidade de Bertamiráns, do Milladoiro e das urbanizacións. Tamén se van a incluír distintas prazas do concello e mailas áreas de aparcamentos dos núcleos urbanos. Cómpre salientar o incremento de persoal, xa que se contratarán 6 operarios máis, e maila inclusión de nova maquinaria e vehículos eléctricos.
Ademais, inclúese a limpeza de diversas zonas do rural, especialmente aquelas nas que hai beirarrúas, destacando a limpeza de A Ponte Maceira (principal núcleo turístico de Ames) ou os tramos do Camiño de Santiago que pasan por Ames.
Por outra banda, vaise ampliar o horario de atención do Punto Limpo, de luns a sábado, de 9.00 a 15.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Outra das novidades será o servizo do Punto limpo móbil, xa que se vai a proporcionar á veciñanza un servizo de recollida selectiva de residuos domésticos especiais que deben ser obxecto de xestión diferenciada, para a súa reciclaxe, valorización ou eliminación controlada. Este servizo realizarase de maneira prioritaria nas zonas rurais do municipio.
Servizo de axuda no fogar
No pleno ordinario de xaneiro vaise a tratar a modificación do sistema de prórrogas do contrato asinado con Servizos Sociais Ulla Sar SL, para a prestación do servizo de axuda no fogar, e proporase aprobar a primeira prórroga do contrato deste servizo por un prazo de 6 meses. O contrato actual do servizo de axuda no fogar comezou a prestarse o 1 de agosto de 2020, tendo unha vixencia de 2 anos, prorrogable por mutuo acordo de ambas partes, por un período de 1+1 ata un máximo de 4 anos, incluíndo período inicial e prórrogas.
No marco actual, o contrato finalizaría en 31 de xullo de 2022, sen prexuízo da posibilidade de prórroga por mutuo acordo entre ambas partes por prazo de 1+1 ata un máximo de 2 anos. Tendo en conta isto dende a Concellaría de Benestar Social propuxeron a modificación do réxime de prórrogas para que en lugar de 1 ano sexa de 6 meses prorrogables ata un máximo de 1 ano. O principal motivo é que se pretende aprobar unha nova licitación antes de esgotar as prórrogas previstas no contrato co fin de que a nova licitación responda máis axeitadamente á actuais necesidades en materia de axuda no fogar, máxime tendo en conta que xa están esgotadas as posibles modificacións contractuais.
Regulamento da política de seguridade da información
Outro tema que se abordará será a aprobación inicial do Regulamento da política de seguridade da información do Concello de Ames, tendo en conta que a Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, inclúe á seguridade entre os principios de actuación das Administracións públicas. Co fin de aprobar o referido regulamento encargouse o servizo informático municipal a elaboración dun borrador.
Rede de Cidades e Comunidades Amigables coas Persoas Maiores
Por outra banda, tratarase a adhesión á Rede de Cidades e Comunidades Amigables coas Persoas Maiores. Esta Rede foi promovida pola Organización Mundial da Saúde (OMS) en 2010 como resposta ao rápido envellecemento da poboación e co obxectivo de conectar cidades, comunidades e organizacións de todo o mundo que comparten a visión de facer das súas localidades lugares onde envellecer con calidade e dignidade, fomentando a participación das persoas maiores nese proceso. Trátase dunha iniciativa centrada na acción local, que aborda de maneira integral os aspectos que afectan ao día a día das cidades e faino promovendo a participación das persoas maiores, tendo en conta as súas necesidades, opinións e propostas no proceso de análise e mellora da localidade en diversos ámbitos, co fin último de promover un envellecemento saudable e activo.
Adhesión á declaración de Valladolid
Tamén se vai debater sobre a adhesión á declaración de Valladolid sobre o compromiso das cidades pola economía circular. É preciso impulsar un novo modelo de crecemento que considere como obxectivos prioritarios a mobilidade sostible, a economía circular, o equilibrio territorial e o deseño de cidades sostibles, saudables, seguras, resilientes e inclusivas. Neste camiño de transformación, as cidades desenvolven un papel decisivo dado que o 80% da poboación vive nas urbes.
O Concello de Ames tamén quere ser un referente nesta transformación e xa no ano 2018 acordouse en pleno e de forma unánime a adhesión ao pacto dos alcaldes pola enerxía sostíbel e o clima, coñecido como declaración de Sevilla. Un paso máis é a adhesión á declaración de Valladolid do ano 2021, que inclúe todas as propostas recollidas na declaración de Sevilla, adaptándoas á situación creada pola pandemia da COVID-19 e reforzando o importante papel das Entidades Locais na reconstrución do noso país.
Limpeza integral nas instalacións municipais e centros educativos
Por último, tratarase a ratificación do acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local na sesión do 30 de decembro de 2021, para desistir do expediente de licitación de servizo de limpeza integral nas instalacións municipais e centros educativos do concello de Ames, aprobado polo Pleno o 25 de novembro de 2021, como consecuencia da proposta de estimación do recurso especial en materia de contratación presentado pola Asociación profesional de empresas de limpeza (ASPEL) o día 21 de decembro de 2021 contra os pregos de licitación.
Proposta para o cesamento do ministro de consumo
O grupo municipal popular presentou unha proposta para esixir ao presidente do goberno de España a rectificación inmediata das declaracións realizadas polo Ministro de Consumo e o cesamento do mesmo polos seus reiterados ataques a un dos sectores produtivos máis puxantes do noso país, o cárnico, que leva anos mellorando os seus procesos para garantir a máis alta calidade alimentaria e o benestar animal.
En dita proposta tamén se lle solicita ao Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, competente na materia, que, cos datos de que dispón, desminta inmediatamente as afirmacións do seu compañeiro de gabinete e poña en marcha unha campaña nacional e internacional de defensa e apoio ao sector gandeiro cárnico e as medidas necesarias para que devandito sector avance en sustentabilidade.
Por último, pídese que se recoñeza o gran traballo realizado polos miles de gandeiros españois así como dos veterinarios e enxeñeiros agrónomos para facer que o sector gandeiro cárnico adaptásese ás novas esixencias, regulatorias e sociais, en materia medio ambiental, de benestar animal e calidade e seguridade alimentaria alcanzando os máximos estándares de calidade nas devanditas materias.
Moción sobre a mellora do paseo fluvial de Bertamiráns
Ademais, o grupo municipal popular presentou unha moción sobre a mellora do paseo fluvial de Bertamiráns. En dita moción solicítase iniciar os trámites para levar a cabo a realización dun estudo técnico e de mellora que defina as deficiencias existentes no paseo fluvial. Ademais pídese que se habilite unha partida nos orzamentos de 2022 para a realización do estudo técnico e a conservación e mellora de dito paseo fluvial; así como instar ás Consellerías de Medio Ambiente e á de Infraestruturas para que colaboren, dentro das súas competencias, na elaboración deste estudio así como nas conclusións derivadas do mesmo.
Novas relacionadas
La Voz de Galicia: "El gobierno de Ames quiere bajar la prórroga del contrato del SAF a un año"