- Tematica
Este xoves, día 28, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de setembro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal aprobará, se procede, as actas anteriores. Tamén se debaterá sobre a modificación do Regulamento da Política de Seguridade da Información e a rectificación do inventario municipal. Por último, o grupo municipal popular presentará unha moción contra a tramitación dunha Lei de amnistía. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.
O pleno dará comezo co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. A continuación aprobaranse, se procede, as actas correspondentes á sesión ordinaria do mes de agosto.
Modificación do Regulamento da Política de Seguridade da Información
O Pleno tamén debaterá sobre a modificación do Regulamento da Política de Seguridade da Información do Concello de Ames. A proposta é formulada dende o servizo informático municipal, co fin de axustar dito regulamento ao novo marco normativo. A modificación consiste unicamente en realizar unha adaptación normativa, de xeito que o texto quede conforme o indicado en materia lexislativa no Real decreto 311/2022 do 3 de maio, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade.
Ademais, con esta adaptación búscase aproveitar para incluír a presenza do delegado/a de protección de datos de carácter persoal nas reunións do Comité de Seguridade, modificar o concelleiro/a titular que ocupará o posto de responsable do servizo; e precisar e concretar as funcións do responsable da información e da seguridade.
Rectificación do inventario municipal
Ademais, durante a sesión plenaria proporase tamén a rectificación do inventario municipal. Exponse que, ao longo das últimas dúas décadas, o concello de Ames creceu a nivel poboacional e urbanístico, feito que supuxo que se foran creando e adquirindo numerosas fincas e equipamentos de distinto tipo para prestar os servizos necesarios. O derradeiro inventario de bens aprobado data do ano 1996, contando, polo tanto, con máis de 25 anos.
Dende ese ano 1996 tiveron lugar varias rectificación puntuais, nos anos 2020, 2021 e 2023. As rectificacións dos plenos realizados no 2020 tiñan por obxecto a incorporación do local adquirido para realizar coworking no Milladoiro e un camiño público previamente desafectado no lugar de Firmistáns. Pola súa banda, a rectificación do ano 2021 incluíu a incorporación de 8 locais para o desenvolvemento de actividades educativas, deportivas e culturais, así como espazos de traballo do persoal municipal. Xa en marzo de 2023, incluíronse un local comercial no paseo fluvial de Bertamiráns e unha parcela de uso residencial nas Punxeiras Altas.
Nesta ocasión, o Pleno da Corporación debaterá sobre a modificación do inventario municipal para a incorporación dun total de 14 bens, entre os que se inclúen unha parcela de 790 metros cadrados ao este do campo da festa de Trasmonte, unha finca de 997 metros cadrados no lugar de Pousada e 12 locais comerciais no edificio de usos múltiples na urbanización de Aldea Nova.
Moción de carácter político
Para rematar, o grupo municipal popular presentará unha moción contra a tramitación dunha Lei de amnistía. O pleno deberá debater sobre catro puntos, que se inclúen na proposta de acordos. Por unha banda, o Partido Popular presenta o rexeitamento a calquera tipo de amnistía ou indulto xeneralizado para calquera grupo de cidadáns, calquera sexa o seu delito. Por outro lado, considera que o imperio da lei é a expresión da vontade popular, e compromete a todos os poderes para o seu cumprimento. Así, anímase aos partidos maioritarios a buscar acordos de Estado que eviten que a sociedade española se vexa sometida ás condicións ilegais dos partidos independentistas, e busca dar traslado da proposta á Presidencia do Goberno, ás distintas vicepresidencias, ao ministerio de Traballo e Economía Social e ao ministerio da Política Territorial, así como aos portavoces parlamentarios no Congreso e o Senado e á Xunta de Goberno da FEMP.
Haberá ademais unha quenda de rogos e preguntas. A veciñanza de Ames pode visualizar o pleno en directo a través do streaming da canle de Youtube do Concello.