- Tematica
Hoxe, ás 20.30 horas, celebrarase de forma telemática o pleno ordinario correspondente ao mes de xaneiro. Debido ás novas restricións de nivel máximo pola Covid, na que está toda a Comunidade Autónoma de Galicia, decidiuse realizar a sesión plenaria de forma telemática por precaución. Ademais, o pleno poderase seguir vía streaming. Para elo hai que premer no banner que estará colocado na cabeceira da páxina de inicio da web municipal. Deste xeito, accederán a unha canle para ver vía streaming a sesión plenaria.
A Corporación municipal participará hoxe no pleno ordinario de xaneiro de forma telemática a través dun programa de vídeoconferencia. Dende que comezou a crise sanitaria pola Covid alá polo mes de marzo de 2020, esta será a quinta sesión plenaria que se fai integramente de forma telemática. A última foi a do pasado mes de maio de 2020. Dende o pasado mes de xuño ata a actualidade realizáronse os plenos de forma presencial e combinando o sistema presencial co telemático. Preme aquí para consultar a orde do día do pleno ordinario de xaneiro de 2021.
En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá a aprobación dun crédito extraordinario 1/2021, financiado con baixas por anulacións, para o PEL Reactiva Ames. Outros temas que se abordarán no pleno son a aprobación do Plan de continuidade da prevención de incendios, mediante a plantación de frondosas caducifolias nas faixas de xestión de biomasa do Concello de Ames para o período 2021-2024, e mailo expediente de investigación patrimonial dun camiño no lugar de Castrigo.
Abordaranse tamén dúas propostas, unha presentada polo grupo municipal popular en apoio da autonomía financeira de Galicia e outra proposta do grupo municipal socialista para a creación dun fondo extraordinario nos orzamentos da Xunta destinados á loita contra a pandemia da Covid. Tamén se presentará unha moción do BNG para a mellora da UCI-A do Hospital de Santiago e outra presentada polos partidos políticos que forman o Goberno municipal para a reposición da liña de autobús de Ortoño con Santiago de Compostela.